|
Gales e Escocia
Plácido Ramón Castro
del Río
El Pueblo Gallego, Desde Londres, venres
27 de abril de 1928.
É interesante o estudio da actual actividade
nacionalista galesa porque nos revela o efecto da elevación de nivel cultural do pobo sobre a evolución
e difusión do sentimento nacionalista. O nacionalismo pode ter fundamentos sentimentais, culturais ou políticos.
No separatismo irlandés, aínda cando tiña gran forza a inspiración sentimental e cultural,
predominaban os factores políticos, as razóns materiais. O movemento galés é, polo
momento, máis ben intelectual. É preciso distinguilo do antigo nacionalismo irlandés. Non
ten carácter revolucionario ningún porque non existe o impulso do sentimento de opresión,
e porque a opinión nacionalista poderá atopar libre expresión e amosa-la súa forza,
cando a teña, polos métodos pacíficos da democracia. Pero é interesante observar no
caso de Gales, que cando nacionalismo ten unha xustificación histórica e científica basta
que se eleve o nivel cultural do pobo para que adquira unha grande intensidade e difusión.
A cuestión do “Home Rule” galés
non pode considerarse sen ter en conta a situación de Escocia. O deputado escocés Mr. Barr acaba
de presentar ó Parlamento británico unha moción na cal se pide o “Home Rule” para Escocia.
Esta moción preséntase case tódolos anos, sen chegar nunca a ser aceptada porque non se trata
dunha cuestión urxente e por non existir en Escocia un partido nacionalista organizado. Pero a proposta
de Mr. Barr conta co apoio oficial do partido laborista e coa simpatía dos seus xefes. Nunha resolución
do ano 1918, o partido laborista expresou a súa crenza de que debían crearse parlamentos en Irlanda,
Escocia, Inglaterra e Gales quedando o parlamento de Westminster como asamblea federal do Reino Unido. Os ministros
federais formarían cos representantes dos Dominios e os da India, un Consello de Negocios Imperialistas.
O caso de Escocia é parecido ó de
Gales. Como non é un país oprimido, non existe o nacionalismo político. Os escoceses teñen
un orgullo nacional tan forte como o de calquera nación independente. Sen embargo, como os seus intereses
son en xeral case idénticos ós de Inglaterra, non houbo motivo para crear un movemento nacionalista.
Pero a concesión do “Home Rule” a Gales e a Escocia non poderá aplazar asuntos de cada nación,
o parlamento de Westminster non pode atender debidamente a tódolos asuntos da Gran Bretaña. A pesar
do enorme alivio que supón a separación de Irlanda, o parlamento británico atópase
abrumado polo traballo. Tódolos anos quedan sen aprobar moitas leis necesarias, e as que se aproban non
se discuten coa minuciosidade debida. Pero se Escocia, Gales e Inglaterra tiveran parlamentos propios para lexislar
nos asuntos de cada nación o parlamento de Westminster podería dedica-la súa atención
ás cuestións británicas, sen ter que ocuparse das meramente locais. Isto é o que sucede
actualmente no caso do Norte de Irlanda, que ten un parlamento propio ademais de enviar representantes a Westminster.
E como a aglomeración de traballo en Westminster é cada vez maior, porque o Estado está estendendo
constantemente a esfera das súas actividades, a descentralización non pode tardar moito tempo en
ser indispensable. Desta descentralización, e da creación dun parlamento federal en Westminster poden
derivarse interesantes transformacións nas relacións imperiais, facéndose máis fácil
a constitución dun gabinete imperial en Londres, aínda que este gabinete sería máis
ben un corpo consultivo que un instrumento de goberno do Imperio.
Só existen dous motivos importantes que
contribúen a aplaza-la concesión do “Home Rule” a Escocia e Gales. O afecto ás tradicións
seculares de Westminster fai difícil e pouco popular calquera transformación no carácter e
nos poderes da “Madre de Parlamentos”. E a mesma aglomeración de traballo na Cámara Británica
é un obstáculo que se opón á discusión dun problema como este que non é
de absoluta urxencia. Pero é moi probable que non pasen moitos anos sen que sexa unha realidade a federación
das nacións británicas, que asegurará o bo goberno de cada unha delas sen restarlle forza
nin significación ó conxunto das Illas Británicas.
P. R. Castro.
|