| ·Fundación Plácido Castro |
Fronte única
Plácido Ramón Castro
del Río
“Frente único”. El Pueblo Gallego,
sábado 27 de maio de 1933.
Traducción ó galego de Daniel
Landesa Porras.
Un artigo meu titulado “Nós sos” tivo a virtude
de que Xoán Carballeira, atento sempre ás realidades da vida política de Galicia, publicase
un interesante comentario no cal dá estado público a unha cuestión que vén preocupando
desde hai tempo a cantos viven dentro do ambiente galeguista. E debemos loa-la súa iniciativa, xa que un
partido democrático na súa esencia e nos seus procedementos non ha de temer xamais que os seus problemas
máis íntimos se discutan coa máxima publicidade por tratarse de nobres preocupacións
que non afectan só ós destinos dunha agrupación senón a toda a orientación política
de Galicia.
Contén o artigo de Carballeira unha afirmación e unha pregunta. Afirma que o galeguismo debe dividirse en dúas frontes, dereita e esquerda. Pregunta “a quen corresponda” se o momento oportuno para a división non chegou xa. Á súa interrogación só podería responder autorizadamente unha asemblea xeral do Partido. Pero quixera, xa que foi unha opinión miña a que deu lugar á proposta que fai Xoán Carballeira, expoñe-la miña opinión acerca da cuestión.
Non debemos esquecer a qué causas obedecen a creación do Partido Galeguista. Foi unha fusión de grupos de diversas tendencias que se fixo imprescindible en canto se convenceron os galeguistas de que tódolos partidos existentes, españois ou autónomos, carecían de espírito galego, non defendían os intereses da nosa terra e non traballaban con eficacia pola causa autonomista. Interviñeron na primeira asemblea do partido elementos de diversas ideoloxías, pero elaborouse un programa, e este é un feito significativo, que é no terro político o máis democrático de cantos se ofrecen á opinión galega, e no aspecto económico e social avanzou coma o de calquera partido republicano. Só se poden considerar máis esquerdistas no económico os partidos –socialistas ou comunistas– que propugnan o colectivismo estatal, programa que non aceptaría, ó meu xuízo, a maioría da opinión galeguista nin os electores de Galicia.
Se algúns nos cualifican de esquerdistas, como di Carballeira, non temos motivo para rectifica-lo noso rumbo, sobre todo se os chamados dereitistas do galeguismo seguen no partido. E se nos tachan de dereitistas, haberá que recoñecer que se debe unicamente a que o Partido Galeguista, cunha elegancia espiritual que supoño que non estará disposto a contradicir agora, negouse a descender ó terreo maxo e sinxelo da loita relixiosa, tal como hoxe se formula en España por partidos que explotan con fins políticos, e xeralmente de forma insincera os sentimentos relixiosos ou os ideais laicos. Non creo que cheguemos nunca a recoñecer que o problema relixioso se poida formular en Galicia nos mesmos termos que en España, nin que nos pre...mos a admitir como bandeira política do partido o que debe deixarse á conciencia libre de cada cidadán.
Excluído o aspecto relixioso, que é un dos fundamentos das divisións políticas actuais en España, non acerto a ver que razóns existen para que o Partido Galeguista modifique radicalmente a súa orientación e menos aínda para que se fraccione por iniciativa propia. Ha de segui-la tendencia que o seu programa lle marca, coas modificacións que introduzan sucesivas asembleas –modificacións que ó meu xuízo, deben ser e serán sempre de significación esquerdista, que nos leven a unha situación de liberalismo político e de cooperativismo integral, e que obedezan sempre a un criterio netamente galego. Será un partido cada vez máis esquerdista, pero representará o centro do movemento galego. Chegará un momento en que os dereitistas que non poidan acompaña-la evolución do partido se separen del. Posiblemente farán o mesmo os esquerdistas que estimen que a evolución non é o suficiente rápida. Uns e outros agruparanse e seguirán loitando sempre polos ideais galeguistas. Pero o Partido Galeguista, que eu creo a máis xenuína interpretación das realidades presentes de Galicia, debe segui-la súa marcha sen provocar disidencias internas e sen temer tampouco que os seus actos ou a súa fidelidade ó seu programa, orixinen a separación dos que non estean de acordo con el. Non vexo pois ningunha razón para que sexa o Partido o que teña que tomar unha decisión da índole que Xoán Carballeira propón. Se unha división é inevitable han de iniciala aqueles que non estean satisfeitos co actual programa do partido, ou os que non consigan que nunha asemblea prevalezan as modificacións que propoñan.
E en todo caso ¿é oportuno o momento para que se produzan divisións no movemento galeguista? Creo que non. Por desgracia non se pode facer política interna na nosa terra porque Galicia aínda non é libre. Para un galeguista non existe a política galeguista. Só pode haber unha política galega, a de colocarse fronte a un Estado que descoñece os nosos problemas, posterga os nosos intereses e fai o posible por obstruí-lo camiño que conduce á autonomía que teoricamente nos conceden, e tamén fronte a tódolos partidos, galegos ou nacionais, que colaboren con ese Estado ou non loiten pola liberdade de Galicia. Esta actitude é a que o Partido Galeguista representa desde a súa fundación, e as circunstancias non variaron desde entón. Todo galeguista debe seguir subordinando a súa ideoloxía persoal para colaborar na loita pola liberación de Galicia, que cando sexa autónoma poderá escoller por vontade propia a orientación política que máis lle conveña. Ata ese momento non desaparecerá a necesidade da unión da fronte única do galeguismo para conseguir que Galicia sexa dona dos seus destinos.
P. R. Castro.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 01/08/2001