·Fundación Plácido Castro
Volver


Falta de oportunidade


Plácido Ramón Castro del Río
“Falta de oportunidad”. El Pueblo Gallego, sábado, 4 de xuño de 1932.
Traducción ó galego de
Daniel Landesa Porras.


Hai unhas semanas, ó comentar eu nestas columnas o programa do Partido Republicano Galego, dicía que este tiña que demostra-la súa adhesión sincera á causa galega con feitos concretos, xa que por ter representación no Goberno non podía limitarse a expresar aspiracións autonomistas como se estivese na oposición. Desde a súa formación o P.R.G. non deu ningunha mostra do seu autonomismo. E, o que aínda é máis lamentable, cando algúns dos seus líderes tiveron que opinar recentemente acerca da conveniencia de celebrar en Santiago a proxectada Asemblea de Concellos, para inicia-lo plebiscito galego, estes destacados xefes do partido declararon que o momento actual para emprender semellante labor.

¿Será inoportuno o momento para o P.R.G.?¿Temerán os seus xefes que o partido resulte menos eficaz do que parece no momento de actuar?¿Ou será que consideran inoportuna a autonomía agora que son gobernamentais, porque o centralismo segue beneficiando, coma antes, ós que teñen contacto cos Ministerios madrileños?

Se non se trata de razóns como estas, a verdadeira falta de oportunidade foi a do deputado provincial, representante do P.R.G. “autónomo e autonomista”, que se opuxo á celebración da Asemblea. Porque cando el afirmaba que o Estatuto de Cataluña “estaba por riba da Constitución do Estado” –desempeñando na súa esfera o papel de Sánchez Roman galego– o xefe do Goberno pronunciaba na Cámara o magnífico discurso, que todos coñecemos, e que supón a máis cordial comprensión do punto de vista catalán. E o recoñecemento da xustiza das reivindicacións de Cataluña. Supoñemos que o citado xestor terá noticia da efusiva felicitación que o señor Azaña recibiu do ministro da Gobernación e agardamos que o fervor autonomista vaia descendendo por tódolos chanzos da xerarquía política ata chegar a axitar o espírito dos deputados provinciais pertencentes ó Partido Republicano Galego. Se non sucede así vai ser máis práctico afiliarse a Acción Republicana, defensora de tódalas autonomías rexionais...

Inoportuna resulta igualmente a intervención que motiva estes comentarios se lembramos que é absolutamente evidente que xamais houbo en Galicia momento máis favorable para consegui-la autonomía, por unha serie de razóns que viñeron expoñéndose reiteradamente nas páxinas deste xornal. Tampouco volverá haber outro momento na política nacional como o actual, no que as cuestións autonomistas apaixonan e interesan a toda a opinión pública española. E non se esqueza que se ben a Constitución concede a autonomía ás rexións, estas han de solicitala das Cortes Constituíntes (que teñen unha duración que ninguén pode garantir) e non dun Parlamento ordinario.

O aludido deputado incorre nunha sorprendente contradicción cando afirma, por unha banda, que “Galicia se pronunciou pola autonomía”, para dicir despois que “para pedila non se necesita Asemblea”. Declarar semellante cousa é demostrar un descoñecemento absoluto do que estipula a Constitución, que require precisamente o asentimento dos Concellos da rexión. Non se explica esta ignorancia nun defensor tan decidido da Constitución...

O mesmo deputado provincial expuxo a opinión de que a convocatoria da Asemblea de Santiago significará que “quedan desautorizadas as Deputacións de Galicia”, ¿pero é que nesta cuestión poden estar máis desautorizadas que na actualidade? Pasaron oito meses desde que os parlamentarios entregaron un Estatuto ás Deputacións provinciais, sen que se soubese unha palabra das intencións destas Corporacións, nin se levase a cabo a “difusión” e “propaganda”, mencionadas polo presidente da Deputación coruñesa. O señor Somoza declarou que aínda non recibira contestación das outras Deputacións acerca da Asemblea de Santiago. Está no mesmo caso que Galicia, que non recibiu ningunha resposta durante os últimos oito meses respecto ó seu Estatuto.

Os parlamentarios comprenderían xa o lamentable erro que cometeron ó entrega-lo Estatuto ás Comisións xestoras. Tal como están constituídas, estas non representan a ninguén. Están completamente sometidas á vontade dos gobernadores –e polo tanto do ministerio da Gobernación– que poden formar cos centenares de concelleiros de cada provincia decenas de comisións distintas, ningunha delas asentada sobre unha base democrática. Estes organismos administrativos, faltos de significación popular –e que non deberían ter tampouco significación política– fracasados no que se refire á autonomía, non teñen xa papel que desempeñar na campaña pro-estatuto. O lamentable é que non se dean de conta do seu fracaso, que aínda se atrevan a opinar sobre a materia. E que tampouco queiran decatarse de que se outros recolleron a bandeira da autonomía, cumprindo un precepto constitucional, quen se opoña ó éxito do seu labor son, de feito, inimigos da autonomía de Galicia.

P. R. Castro.

Volver


Volver ao principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 25/05/2001


Logotipo, obra de Pepe Carreiro