| ·Fundación Plácido Castro |
Estatuto e nacionalismo
Plácido Ramón Castro
del Río
“Estatuto y nacionalismo”. El Pueblo
Gallego, xoves 17 de agosto de 1933.
Traducción ó galego de Daniel
Landesa Porras.
Aqueles inimigos da autonomía de Galicia
que xa non se atreven a combatela abertamente pretenden agora crear un estado de opinión contrario ó
Estatuto ó denuncialo como nacionalista. E teñen incluso o atrevemento de anunciar mitins autonomistas
contra o Estatuto. Ata ese punto chegou a mala fe e a hipocrisía.
Pero dubidamos que esa táctica dea resultado. Os espíritos están o bastante espertos, a intelixencia media o suficientemente elevada, para que fracasen as propagandas políticas realizadas a base de frases explosivas e altisonantes. Os oíntes piden feitos concretos, datos convincentes e irrefutables. Cousa que xamais se ocuparon de presentarlles os adversarios do Estatuto. Non sei se porque saben que non din a verdade ou porque non se tomaron sequera o traballo de ler a Constitución nin o Estatuto.
De tódalas formas o certo é que unha comparación do Estatuto coa Carta fundamental da República demostra a absoluta constitucionalidade do primeiro; e que o Estatuto galego, se algún exceso contén, aínda ha de pasar polas Cortes españolas, en consecuencia, ou son nacionalistas galegas e catalanas a Constitución e as Cortes ou non acertamos a comprender cómo pode selo o Estatuto galego.
Pero existe unha proba aínda máis convincente. Cantos seguiron –coa atención que deben prestarlle os que pretenden ter autoridade para intervir nestas cuestións– os trámites da elaboración do Estatuto lembrarán que o Partido Galeguista presentou unha serie de emendas que foron retiradas para facilitar un acordo. Citemos tan só as máis importantes do Estatuto cos artigos correspondentes de Estatuto.
O Partido Galeguista desexaba que constase que “A nación galega orgaezase autonomamente dentro da Repúbrica Hespañola con arregro ao presente Estatuto”. O cal quedou no artigo primeiro reducido a isto: “Galicia se organiza como región autónoma en el Estado español con arreglo a la Constitución de la República y al presente Estatuto”.
Os galeguistas desexaban que se dixese: “O galego será considerado como idioma oficial de Galicia sin perxuicio do que con respecto ao emprego do castelán despoña a Constitución da República”, mentres que o artigo correspondente declara idiomas oficiais en Galicia o castelán e o galego.
Un voto particular do Partido reclamaba para Galicia tódalas atribucións que o Estado non se reserva. O estatuto non recolle nin sequera tódalas facultades que a Constitución concede.
Respecto ó ensino, pretendía o Partido Galeguista que Galicia o regulase libremente en tódolos seus graos, especialidades e clases, salvo o disposto na constitución. Desexaba así mesmo que o ensino se dese na lingua materna do neno, para aprende-lo segundo idioma máis tarde. Todo isto quedou reducido no Estatuto a que a rexión poida crear e rexer establecementos docentes –pero se entregarlle os do Estado–, a que sexa obrigatorio o ensino das dúas linguas nas escolas primarias e a posibilita-la creación pola rexión de cátedras en Normais, Institutos e Universidades dedicadas ó estudio de cuestións galegas.
Ben clara está en cada caso –e estes son aspectos quentes da cuestión– a distancia que media entre o proposto polo Partido Galeguista e o que no Estatuto quedou estampado. Non se ve o nacionalismo por ningunha parte –a non ser que se pretenda tachar de nacionalismo á indispensable adaptación do ensino ás realidades do pobo, ou á oficialidade concedida ó idioma galego. Quen se opoña a isto, coñecendo a vida da nosa terra non será xa tan só un antinacionalista senón inimigo da democracia. O que realmente sucede e que hai persoas que consideran nacionalista toda clase de autonomía por temperada que sexa. O cal é posible que sexa certo. Pero entón os nosos adversarios deben ser sinceros e presentarse francamente co seu verdadeiro carácter de contrarios e centralistas.
E conste finalmente que as emendas citadas non son nacionalistas. O Partido Galeguista non actuou na Asemblea de Santiago dun xeito nacionalista, senón tendo en conta a letra da Constitución. Doutra forma non se preocuparía nin da Constitución nin das Cortes nin de ningún Estatuto concedido. O nacionalismo só pode afirma-la vontade dun pobo de ser libre, e a súa liberdade para organizarse como queira, sen ter en conta para nada leis ou disposicións que emanen dunha soberanía allea ó seu territorio, porque non pode recoñecer máis soberanía que a do pobo de Galicia.
Hai pois unha profunda diferencia entre o nacionalismo e a actitude do Partido Galeguista na Asemblea. E unha considerable distancia entre esa actitude –reflectida nas súas emendas– e a letra do Estatuto. A parte de que non pode ser nacionalista a colaboración na creación dun Estatuto concedido polo Estado e non emanado da vontade galega. Quen afirme, polo tanto, que o Estatuto é nacionalista, ou non di a verdade ou non ten a máis remota idea do que é o Estatuto. E en calquera dos dous casos engana e descoñece á opinión galega en momentos que esixen claridade e sinceridade.
P. R. Castro.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 01/08/2001