·Fundación Plácido Castro
Volver


Escocia, Irlanda, Bretaña, Galicia


Plácido Ramón Castro del Río
“Escocia, Irlanda, Bretaña, Galicia”. El Pueblo Gallego, venres, 2 de decembro de 1932.
Traducción ó galego de
Daniel Landesa Porras.


Contra os tópicos empregados polos que se opoñen á autonomía dos pobos, tachando de reaccionaria calquera tendencia que non sexa a do internacionalismo uniforme, é preciso repetir, cando a actualidade os faga oportunos, razoamentos que xa se empregaron. É difícil decidir se unha idea política é avanzada ou reaccionaria porque as transformacións do espírito humano fan parecer retardador o que anteriormente se nos antollaba progresivo. Só podemos aventurarnos a afirmar que unha idea política está ou non de acordo coas tendencias contemporáneas do mundo. Enfocada así a cuestión, é indubidable que tanto a vida política española como a mundial veñen da-la razón ós que sosteñen que, para ben ou para mal da humanidade, as cuestións autonomistas son dunha actualidade palpitante.

Sen buscar unha vez máis nos máis recentes acontecementos históricos a confirmación desta tese, limitémonos a dedicar un momento de atención ás noticias que a Prensa nos transmite nestes días desde os países máis próximos e afíns a nós, nacións da costa occidental de Europa –Francia, Gran Bretaña– que non poden ser clasificados como países atrasados politicamente, posto que foron neste terreo mestres e orientadores do resto do mundo.

Francia, exemplo de país centralista, que frecuentemente presentan con eloxios os defensores do unitarismo, está preocupada actualmente non só polo antigo problema alsaciano senón tamén polo rexurdimento do nacionalismo bretón, que provocou hai pouco tempo un atentado contra o monumento simbólico da unión de Bretaña a Francia, e máis recentemente o atentado atribuído ós nacionalistas bretóns contra o tren no que M. Herriot viaxaba a Nantes.

Irlanda, non satisfeita pola independencia case completa que hoxe goza, arrisca todo o seu benestar económico nunha loita aduaneira e política contra un rival tan formidable como Inglaterra.

En Escocia, tamén nestes días, formouse un novo partido autonomista. O caso de Escocia, desde o punto de vista nacionalista, é sumamente interesante. Cando o rei escocés Xacobe i ascendeu ó trono de Inglaterra, como sucesor de Isabel, levouse a cabo a unión das dúas coroas, pero foi un século máis tarde, en 1707, cando Escocia se asociou voluntariamente á nación veciña para forma-lo Reino Unido. A unión, segundo recoñecen os mesmos escoceses, foi beneficiosa para Escocia, sobre todo no aspecto material. Este país soubo conservar íntegro o seu espírito nacional, á parte de certa autonomía política, xudicial e relixiosa. A través de máis de dous séculos seguiu considerándose a si mesma nación perfectamente definida, con espírito, cultura e carácter enteiramente distintos ós de Inglaterra. Incluso sentiron sempre os escoceses certo desprezo polos seus veciños do Sur, a quen son inferiores.

Nación eminentemente práctica, chegou Escocia a un alto grao de benestar material e de desenvolvemento industrial e a un nivel cultural superior ó de Inglaterra. Nas súas actividades artísticas e literarias expresaron sempre os escoceses o espírito propio da súa nación. E xamais puido Escocia considerarse, como outras nacións sen liberdade, oprimida ou vexada polos Gobernos británicos, nin tan sequera limitada na expresión do seu carácter nacional.

E sen embargo, a pesar de todas estas circunstancias que parecen facer completamente superfluo un movemento autonomista escocés, o nacionalismo rexurdiu en Escocia. Desde hai moitos anos, conservadores, liberais e laboristas eran partidarios da concesión de certa autonomía a Escocia, aínda que non fose máis que por razóns prácticas que aconsellaban a conveniencia da descentralización, para desconxestiona-lo Parlamento británico. Pero isto xa non satisfai ós escoceses. Impulsados en parte por razóns materiais e en parte por inmortais sentimentos nacionalistas apareceron recentemente en Escocia partidos que piden para o seu país unha ampla autonomía. Os escoceses observan que o Parlamento británico non ten tempo nin coñecemento para resolve-los problemas de Escocia, nin para dárlle-las solucións netamente escocesas que precisan. A crise económica fixo máis evidente a existencia de tales problemas e levaron ó ánimo de moitas persoas o convencemento de que só unha Escocia autónoma podía resolver adecuadamente os conflictos presentes e orienta-la futura vida da nación dunha forma que estea de acordo coas súas características.

Por estes motivos, engadidos ó natural sentimento nacional, formouse hai poucos anos o Partido Nacionalista Escocés, que ten cada día máis afiliados. O seu primeiro triunfo foi o de capta-la simpatía da xuventude intelectual, segundo o demostrou na recente elección, polos estudiantes da Universidade de Glasgow, dun nacionalista, o novelista Compton MacKenzie, para o cargo de “Lord Rector” da citada Universidade. O Partido Nacionalista pide para Escocia un estatuto de dominio, que lle concedería unha autonomía case completa, reservando unicamente para o Parlamento británico a política exterior e a defensa nacional.

Moitos escoceses, aínda sendo autonomistas, consideran demasiado extremista a posición do Partido Nacionalista. Por iso acaba de formarse unha nova organización política, o Scottish Self-Government Party, que pide para Escocia un Parlamento que lexisle en tódalas cuestións puramente escocesas, por estimar, segundo di no seu manifesto, que “o comercio e a agricultura necesitan un desenvolvemento intensivo que non pode darlles un Parlamento británico”. O novo partido defende unha ampla autonomía, da cal só serían excluídas cuestións como a sucesión ó trono, a política exterior, a defensa nacional e a declaración de guerra, pero non o de Facenda que quedaría a cargo do Goberno de Escocia. Unha autonomía moito máis extensa, desde logo, que a que hoxe pode gozar unha rexión española. Este partido chámase a si mesmo “moderado”, pero o é, máis que polas limitacións do seu programa autonómico, porque concede maior importancia ás razóns prácticas que ó pulo sentimental que anima ó Partido Nacionalista que lle dá un carácter extremista e ata certo punto antibritánico. Conta xa a nova organización co apoio de numerosas persoas das máis destacadas en tódalas actividades, e incluso se lle incorporaron algúns grupos locais do partido conservador, ó que ninguén poderá tachar de separatista nin de “desmembrador da patria”.

É un caso o de Escocia que convén destacar. Primeiro, porque non se trata dunha nación oprimida en ningún sentido. En segundo lugar porque a unión con Inglaterra non foi, en xeral, prexudicial para os intereses de Escocia. E en último termo, por tratarse dunha das nacións máis progresivas, prácticas e sensatas do mundo. De todo isto podemos deducir que o sentimento nacionalista ten tal forza que é capaz de rexurdir despois de séculos de inacción e nas circunstancias que parecen menos propicias. E coñecendo o curso que adoitan segui-los movementos desta índole, non podemos dubidar do triunfo, máis ou menos próximo, da causa autonomista escocesa.

Escocia, Irlanda, Bretaña, Galicia...A ansia de liberdade vibra nas terras da “franxa céltica”. Confiemos en que non será Galicia o elo que falte nesta cadea de pobos unidos por remotos lazos sociais e espirituais.

P. R. Castro.

Volver


Volver ao principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 25/05/2001


Logotipo, obra de Pepe Carreiro