·Fundación Plácido Castro
Volver


Ensinanzas irlandesas. O centralismo desmoralizador


Plácido Ramón Castro del Río
“Enseñanzas irlandesas. El centralismo desmoralizador”. El Pueblo Gallego, sábado, 7 de novembro de 1931.
Traducción ó galego de
Daniel Landesa Porras.


A campaña que se realiza contra a autonomía de Galicia ten algo do carácter mesquiño da murmuración. Non se emprega o argumento aceptable, e mesmo nobre, do sentimento español. Non se discuten ou censuran artigos concretos do Estatuto, nin se combate con razóns o principio autonómico. Polo contrario, descéndese ata o CRISTE/ERISTE/ciste, discútense minucias, aspectos secundarios, perdendo de vista a autonomía e o recoñecemento da súa personalidade.

Acabo de ler nun xornal publicado en Galicia un artigo que revela esta mentalidade dos adversarios da autonomía. Nel aconséllase ós nacionalistas galegos que estudien o exemplo de “tristes ensinanzas” que lles ofrece o Estado Libre de Irlanda, o cal despois de loitar pola súa independencia vaise oprimindo por un lei de Seguridade Pública que anula algúns dos dereitos democráticos dos cidadáns. O cal indica, segundo o articulista, que o Estado Irlandés pode ser libre pero que o pobo é escravo, e que Irlanda resultou prexudicada polo feito de consegui-la súa independencia...

Non acerto a ver moi claramente a relación que todo isto poida ter co Estatuto, pero como o obxecto do artigo é combate-la nosa autonomía interésame demostrar que tal interpretación dos feitos é inexacta e que o caso de Irlanda ten un carácter especial que explica a situación do país nos momentos actuais.

Irlanda conseguiu a súa liberdade despois dunha loita sen igual na historia. Virtualmente sostivo contra Inglaterra unha guerra que durou sete séculos. Setecentos anos de batallas, rebelións, traizóns, asasinatos, incendios, boicots...Desde 1916 ata 1921 a loita foi máis activa, máis sanguenta, os odios terribles e implacables. A xuventude irlandesa formou guerrillas e exércitos. O pistoleiro foi durante eses anos o heroe e o árbitro de Irlanda. Como consecuencia de todo isto o Goberno atopou en 1921 un país desmoralizado, anarquizado, e conste que a culpa non corresponde a Irlanda senón ó país que a oprimiu. Pero a situación moral do país agravouse aínda máis. De Valera e os seus partidarios sostiveron a guerra civil ata 1923 e tardaron varios anos en recoñecer ó Goberno e participar no labor parlamentario. Houbo novas batallas e incendios, asasinatos de políticos e fusilamentos de antigos compañeiros. E unha minoría irreductible de republicanos separatistas, o “Exército Republicano Irlandés”, mantívose en rebeldía, negouse a recoñece-la existencia do Estado Libre, seguiu realizando exercicios militares para o que dispuña de considerables depósitos de municións que sobraran da guerra contra Inglaterra.

Agora, ó adquirir nova virulencia a campaña terrorista, ó rexistrarse de novo asasinatos de policías e de testemuñas que declararan as causas seguidas por posesión de armas ou por exercicios militares ilegais, decidiu o Goberno solicitar do Parlamento os poderes excepcionais que lle concede a nova lei, poderes concedidos pola Cámara e que ela pode revogar co obxecto de defender ás institucións e ó Estado mesmo das ameazas dunha conspiración terrorista. Isto é algo completamente distinto dunha dictadura. É precisamente o procedemento que seguiu o Goberno da República española, sen que por esa razón se atreva ninguén a afirmar que España non mereza ser independente. O presidente Cosgrave logrou que o Parlamento irlandés votase a citada lei e de non conseguilo estaba disposto a disolve-la Cámara e a someterse á vontade do pobo.

¿Pódense cualificar de dictatoriais semellantes procedementos?¿É sorprendente que unha nación, despois de sete séculos de guerra civil e de anarquía, non conseguira a pacificación absoluta en dez anos de independencia? Só descoñecendo a historia de Irlanda, ou terxiversando a realidade, pódense interpretar estes feitos nun sentido contrario ó nacionalismo. As grandes nacións tiveron que apelar con tanta frecuencia como as pequenas a leis especiais para a protección do Estado. A forma en que Irlanda fai fronte a este problema –moito máis aceptable que a adoptada por Primo de Rivera ou por Mussolini– revela precisamente a capacidade do Estado Libre para resolve-las crises máis graves, capacidade que xa demostrara plenamente o Goberno irlandés cun labor tan admirable que Irlanda goza hoxe dunha prosperidade que lle envexa a propia Inglaterra e que xamais alcanzou mentres estivo sometida a un Goberno estranxeiro. Aínda que se derrubase totalmente a economía inglesa, Irlanda podería sobrevivir gracias á súa independencia. E esta si que é unha ensinanza valiosa para Galicia nos actuais momentos.

Se realmente imos os galegos aprender as ensinanzas da historia irlandesa, fixémonos nas seguintes. Observemos en primeiro lugar que os ideais nacionalistas teñen unha forza tal que sempre acaban por triunfar, aínda que a loita sexa dolorosa e longa. E notemos logo que a influencia dun Goberno estraño é tan nefasta, tan desmoralizadora, que unha nación, aínda despois de logra-la súa independencia, tarda moitos anos en reconquista-la tranquilidade, en reface-la súa cultura e a súa vida propia, en librarse das consecuencias do sometemento ou da rebeldía contra a opresión.

En Irlanda a dominación inglesa produciu o espírito anárquico que aínda non puido ser eliminado totalmente do país. En Galicia o centralismo causou estragos tal vez máis fondos e difíciles de remediar. Aínda que pareza un paradoxo, a mesma oposición ó Estatuto, o seu carácter mesquiño, a mentalidade de escravos voluntarios que se revela en quen combate a autonomía, é unha proba máis do lamentable estado ó que chegou Galicia baixo o réxime unitario. O feito de que algúns dos seus propios fillos neguen a Galicia a posibilidade de ser libre, circunstancia de que chegasen a un grao tal de indiferencia que non sintan xa a máis mínima emoción galega –porque se trata de indiferencia, non de patriotismo español– constitúe a máis rotunda condenación do centralismo que é posible imaxinar. E eu, persoalmente, prefiro o entusiasmo apaixonado dos rebeldes irlandeses á indiferencia murmuradora dos galegos desgaleguizados.

P. R. Castro.

Volver


Volver ao principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 25/05/2001


Logotipo, obra de Pepe Carreiro