·Fundación Plácido Castro
Volver


Enlaces


Plácido Ramón Castro del Río
“Enlaces”. El Pueblo Gallego, venres 30 de xuño de 1933.
Traducción ó galego de
Daniel Landesa Porras.

Aqueles gobernantes da dictadura que querían cegarnos e asombrar ó mundo cos seus grandiosos proxectos, teñen un digno sucesor no actual ministro de Obras Públicas. Daquela as palabras máxicas eran “exposición internacional” ou “autovía”. Agora o Sr. Prieto utiliza coa mesma satisfacción a palabra “enlaces”. Pero os galegos non debemos permitir que sirva soamente de descrición duns fantásticos proxectos. Debemos utilizala como berro de protesta contra un réxime centralista que fai posible esta nova ofensa á nosa terra, esta última postergación dos nosos intereses.

Enlaces si, debemos dicir, pero non esas obras de luxo coas cales pretende unha nación modesta como España supera-lo feito nas máis importantes capitais das máis prósperas nacións. Ben está que se enlacen da forma máis barata posible as diversas liñas que aflúen ás grandes cidades. Pode facerse construíndo liñas de circunvalación, pero non hai ningunha xustificación para a inversión innecesaria de millóns de pesetas en liñas e estacións subterráneas.

Constrúanse antes, se é que o diñeiro abonda tanto, as comunicacións que as aldeas de España precisan para estar enlazadas unhas con outras. Mellórense as liñas ferroviarias que xa existen. Pero d ningunha maneira se pode admitir que se realicen enormes dispendios para enlazar ferrocarrís lentos, deficientes, sen material adecuado, con trazados que non cobren as necesidades do país e que en moitos casos seguen unha liña absurda, trazada con miras á conveniencia das compañías e non a do país.

Se se levan a cabo os propósitos do ministro de Obras Públicas podemos imaxinarnos a alegría dun visitante estranxeiro cando se atope despois de saír da grandiosa estación subterránea de Madrid, nun tren chamado expreso, con vagóns vellos e non moi limpos, circulando por vía sinxela a unha velocidade media de cincuenta quilómetros por hora –a que noutros países alcanzan os trens de mercancías menos rápidos– e chegando con frecuencia ó seu destino cunha ou máis horas de atraso. “Cousas de España” dirase o suposto turista se ten a ocorrencia de vir a Galicia e observa o contraste entre a magnífica estación de partida e o lamentable medio de transportar que o conduce ó seu destino.

E se logo quere percorre-la nosa terra e pretende trasladarse en ferrocarril de Santiago a Ourense, por exemplo, diranlle que para salva-la distancia de cen quilómetros que separa as dúas cidades, ten que pasar por Tui, e viaxar bastante máis de douscentos quilómetros. E se desexa ir da Coruña a Xixón para coñece-la costa norte da nosa rexión decatarase de que debe internarse na península ata León...(Claro está que ó señor Prieto non se lle puido ocorrer xamais que ninguén cometa a extravagancia de vir a Galicia, terra, segundo el, tan pobre que non ten dereito a que se lle constrúan vías férreas).

Máis non nos faltan só ferrocarrís. Porque se o noso visitante sente o desexo, ben natural, de percorrer en automóbil a costa de Galicia, atoparase ó querer trasladarse de Corcubión a Muros, cun río que ningunha ponte atravesa. Verá rematar no borde do río a estrada pola que veu e observará, ó outro lado, outra estrada pola cal podería continua-la súa viaxe. Pero como a ponte, poxada hai vinte anos, aínda non pasou de ser un proxecto, terá que volverse atrás e percorrer máis de cen quilómetros para chegar a un punto que está a unha distancia de cen metros.

Enlaces que acaben con este absurdo estado de cousas son os que Galicia necesita –vías, estradas e pontes que unan as súas propias aldeas, que a aproximen ó resto de España, que faciliten o seu contacto co mundo, ó cal non a unen hoxe máis comunicacións presentables que os transatlánticos estranxeiros que tocan nos seus portos. Estes enlaces e aqueles outros menos importantes, da terra ou do mar –unha das maiores fontes de riqueza de Galicia. Uns modestos peiraos –¡cantos se poderían construír con eses trescentos millóns que van custa-las suntuosas obras de Madrid!– que permitisen ós pescadores, despois da súa loita cotiá coas ondas, chegar ó seu fogar e ó seu mercado cun pouco menos de perigo, con algunha maior facilidade non como hoxe acontece en tantos portos galegos, onde arriban a unha praia aberta, sen o menor abrigo, sen lugar onde atracar, onde teñen que lanzarse á auga e arrastra-las súas embarcacións pola area ata un lugar seguro onde non os alcance a rompente.

En semellantes cousas pensaría un ministro de Obras Públicas que o fose de toda España, non dunhas rexións ou dunhas capitais privilexiadas; un gobernante que non dividise ós cidadáns españois en ricos e pobres, que colma de favores ós privilexiados e que lle nega o dereito a existir ós menos afortunados.

E se por desgracia non acontece así, debemos coidarnos de que a palabra que o ministro utiliza con tal aire de satisfacción para describir uns proxectos antieconómicos e fantásticos sexa para nós un berro de protesta contra un sistema de organización nacional que permite e facilita tales inxustizas.

P. R. Castro.

Volver


Volver ao principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 01/08/2001


Logotipo, obra de Pepe Carreiro