|
Dúas democracias
Plácido Ramón Castro
del Río
“Dos democracias”. El Pueblo Gallego,
22 de febreiro de 1927.
Non hai moitos días citaba “El Sol” unhas
interesantes declaracións do industrial de Boston, Mao Ilwain, nas que este señor pretendía
explicar as causas que motivaron a actual prosperidade dos Estados Unidos e o correspondente descenso da potencialidade
industrial da Gran Bretaña. É un problema que preocupa a grande número de persoas en ambas
nacións e que provoca moi variadas explicacións. A complexidade da cuestión fai que case todas
as interpretacións sexan parciais, limitándose a un único aspecto do asunto. As teorías
de Mr. Mao Ilwain adoecen deste defecto, pero no fondo son acertadas. Di que a prosperidade dos Estados Unidos
débese ó maior estímulo que alí se ofrece ó obreiro. A sociedade non está
estratificada como en Inglaterra e o obreiro pode aspirar a ingresar na clase dos de “colo duro” se a súa
capacidade e a súa vontade son suficientes. “O obreiro inglés aspira soamente a gañar algo
máis e, se é o caso, a traballar menos”.
Non me interesa tanto polo momento considerar
as condicións económicas dos dous países como estudiar estas dúas formas de democracia
-aquela en que o obreiro cre poder aspirar a todo, e aquela outra en que a sociedade se atopa aparentemente estratificada-.
¿Cal é a verdadeira democracia, a americana ou a inglesa? Aínda que pareza paradoxal creo
que é a inglesa. En calquera sector da vida das dúas nacións que se examine se atopará
confirmada esta opinión, pero quero limitarme a considerar as deduccións que se poden facer sobre
iso estudiando a psicoloxía do obreiro nos dous países.
Paréceme unha ilusión, explotada
ás veces con fins interesados, esta crenza de que o obreiro, pola súa propia vontade, poida chegar
a ocupar postos privilexiados na sociedade. Pola forza das circunstancias, polos moitos factores que interveñen
na loita pola vida, o obreiro que chegue a ver satisfeito o seu ideal de gastar o colo duro será sempre
unha excepción. É unha de tantas frases (como a “resignación cristiá”) que se usan
moitas veces para ter contento ó de abaixo e para que non xurdan no seu ánimo as “ideas disolventes”.
Pero, na súa base, paréceme ademais unha actitude profundamente antidemocrática, ofrecendo
como estímulo o mandar, tendo como consecuencia lóxica que quen non logra ascender un chanzo na escala
social é un ser inferior, e facendo do diñeiro a medida da categoría social. Esta facilidade
de cambiar de clases é o que máis acentúa a existencia da diferencia de clases.
As consecuencias políticas destas ideas
son evidentes nos Estados Unidos. A atención do obreiro foi desviada dos obxectos cívicos que a absorben
nos demais países. Non pensa máis que en subir, en usar o colo duro, en adquirir un Ford a prazos.
Por iso se atopa dominada a política americana polos magnates do aceiro e do petróleo e por varias
clases de fanáticos sociais como os fundamentalistas e os prohibicionistas. Como consecuencia ocorren alí
moitas cousas que nos asombrarían se tivesen lugar en calquera outra democracia.
A causa da estratificación da sociedade
inglesa, e de que non exista por parte do obreiro ese afán de ascender na escala social, atoparémola
precisamente na inherente democracia da nación inglesa. O obreiro inglés conténtase con gañar
algo máis e traballar algo menos porque non considera ó capataz ou ó xerente da fábrica
como superior a si mesmo. Ten un sentido da vida máis amplo que o americano. Comprende que moi poucos poden
aspirar a subir e que a inmensa maioría continuarán sendo obreiros toda a súa vida. Estima
que a súa clase é tan digna e a súa función tan importante coma a de calquera outro
sector da sociedade e dirixiu todo o seu esforzo a conseguir que a totalidade do país o recoñeza.
Por iso foron as súas aspiracións en gran parte políticas e lle causou mais satisfacción
o ver instalado no poder a un goberno da súa clase que a posibilidade de usar algún día o
colo duro.
Gracias á súa afección ó
ornamental e ó tradicional mira á aristocracia como unha cousa interesante e curiosa, admira a súa
distinción, pero non a considera como unha clase superior á súa. (Cando o goberno laborista
elevou a algún dos seus membros á Cámara dos Lores non escolleu para este honor a ningún
individuo procedente da clase obreira). O que non tolera o obreiro inglés é que a lei conceda ó
aristócrata ou ó rico privilexios que nega ó proletariado. Indígnase se le que os frecuentadores
dos clubes aristocráticos de Londres poden beber whisky a unha hora en que el non pode facer o mesmo na
taberna. E como se viu no recente caso do “Kitcat Club” a lei é igual para todos.
Se realmente existe en Inglaterra algunha clase
privilexiada é precisamente a clase obreira. As Trade Unions non responden cos seus fondos dos actos ilegais
dos seus axentes; non poden ser procesadas por inxurias; o “peacefull pickebiny”, que tan facilmente se converte
en intimidación, está tolerado pola lei. De aí provén o desexo dos conservadores de
modificar a lexislación sobre as Trade Unions.
O seu sentido máis amplo da vida impulsou
ó obreiro a insistir ante todo sobre o acurtamento da xornada de traballo. Considera máis importante
o goce da súa propia existencia, os seus partidos de football, as súas carreiras de galgos, o seu
vaso de cervexa, que o mero progreso material da nación.
¿Cal das dúas tendencias é
a verdadeiramente democrática? ¿A que ve a sociedade como unha escaleira cuns chanzos sinalados con
cantidades de dólares, ou a que considera a tódalas súas clases igualmente dignas e se preocupa
da igualdade política e xurídica de tódolos seus membros?
Creo sinceramente que a actitude inglesa revela
unha idea máis humana e democrática, e que co tempo, as súas consecuencias sociais e políticas
compensarán amplamente calquera desvantaxe resultante na loita económica mundial.
P. R. Castro.
|