| ·Fundación Plácido Castro |
Dous casos exemplares
Plácido Ramón Castro
del Río
“Dos casos ejemplares”. El Pueblo Gallego,
domingo, 15 de febreiro de 1931.
Traducción ó galego de Daniel
Landesa Porras.
Dous recentes sucesos revelan de maneira tan interesante
algúns aspectos da vida inglesa que, aínda que non sexan en si de gran importancia, merecen un comentario
tanto como pode facelo calquera acontecemento de significación nacional. Un deles demóstranos cal
é o concepto que teñen as autoridades navais da disciplina e da organización armada. O outro
descúbrenos o nivel de moralidade que o pobo británico esixe de quen intervén na súa
vida pública. Ambos tan distantes das realidades máis próximas a nós que case nos parecen
feitos acaecidos nun remoto planeta...
Hai unhas semanas sublevouse parte da tripulación do barco de guerra “Lucía”, como protesta por quererlles obrigar a traballar en domingo, o que suprimiu a acostumada licencia, para que o buque puidese tomar parte nas próximas manobras do Atlántico. Os sublevados negáronse a traballar e encerráronse ata que se lles intimou para renderse, o que fixeron sen opoñer ningunha resistencia. Uns días máis tarde un Consello de guerra condenábaos a varias penas, segundo a responsabilidade de cada un, das cales a máis severa foi de seis meses de traballos forzados.
“Síntoma grave da descomposición do poderío británico” –pensarían algúns inimigos de Inglaterra. “Penas excesivamente leves para un delicto tan serio” –dirían outras persoas de espírito militarista. Pero os gobernantes ingleses souberon converter este desagradable incidente en algo que vén a realzar, e non a diminuír o prestixio da súa patria. Lonxe de considerar leve o castigo imposto reducírono á terceira parte do que ordenara o Consello de guerra. E ademais, xulgando que se uns mariñeiros ingleses adoptaron a inusitada actitude de sublevarse, algunhas razóns terían, non se contentaron con achacarllo todo, como fan outros Gobernos, a elementos estraños, ós eternos e impalpables axentes comunistas. Procederon a investigar inmediatamente a conducta dos oficiais do “Lucía”. Merecen citarse os parágrafos do comunicado publicado polo Almirantado no que “considera que as condicións de benestar e de simpatía entre oficiais e mariñeiros, habituais nos barcos de guerra británicos [...] distaban moito de ser unha realidade no “Lucía” [...] e que isto se debía en parte á falta de tacto e de consideración por parte do capitán e dalgúns oficiais”... E ese capitán e eses oficiais pasaron inmediatamente á reserva. Non serven para a mariña británica porque os seus xefes estiman que o armamento e a disciplina non abondan para asegura-la eficiencia dunha flota. Fan falta ademais o benestar, a simpatía, a consideración...Actitude ben digna de notarse no Almirantado dunha potencia naval formidable dun país conquistador e imperial, non cal sería bastante explicable un exceso de disciplinarismo e de intransixencia militarista. Quizais a estas razóns, tanto como á súa potencia material, se deba que as forzas da Gran Bretaña saíran victoriosas de case tódalas súas empresas...
Pasemos ó segundo dos citados sucesos.
Recentemente un deputado laborista presentou inesperadamente a dimisión. Poucos días máis tarde comparecía ante un tribunal de policía de Londres para responder a unha acusación que, no seu caso, era sumamente grave. Os deputados ingleses reciben un talonario de cupóns ferroviarios, a cambio dos cales se lles entregan os billetes que precisen para viaxar entre Londres e o distrito que representan, billetes que son persoais e intransferibles. Mais este deputado un tanto apurado economicamente, empregou dous dos cupóns para adquirir billetes para a súa muller e a súa filla. É dicir, que defraudou ó Tesouro cunha suma que non chegaría a duascentas pesetas. Unha multa, unha severas palabras do maxistrado –que xulgou vergonzoso que un deputado se vise mesturado en tal asunto– e a dimisión inmediata, foron as consecuencias da falta cometida. E pode dicirse que a vida política do citado deputado rematou para sempre. Francia persegue con admirable enerxía a certos políticos ós que se acusa de complicidade en grandes negocios fraudulentos. Inglaterra pásese a investigar ata as minucias da conducta dos seus políticos e elimina ó deputado que fai uso indebido dun billete de ferrocarril –¿Verdade que este suceso, e tamén o comentado anteriormente, deben antollárselle ó lector español feitos tan distantes do coñecido que case non parecen terrais?–. E que os ingleses estiman que a xustiza ha de ser igual para todos, oficiais e mariñeiros, cidadáns e lexisladores e, se cabe, máis severa que con ninguén cos homes públicos que infrinxen, por levemente que sexa, os preceptos legais que eles mesmos crearon. E os amigos de Inglaterra –¿Non abondan incidentes como estes para xustifica-la nosa anglofilia?– pensamos que, por graves que sexan as crises que atravese, un país que ten un concepto tan admirable da xustiza posúe unha base indestructible de grandeza que non poderán destruír ningunhas adversidades pasaxeiras.
P. R. Castro.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 25/05/2001