·Fundación Plácido Castro
Volver


Comentarios a un discurso


Plácido Ramón Castro del Río
“Comentarios a un discurso”. El Pueblo Gallego, martes, 17 de outubro de 1932.
Traducción ó galego de
Daniel Landesa Porras.


Non é o momento actual da política galega o máis indicado para suscitar controversias entre distintos sectores de opinión. Debe impera-la cordialidade necesaria para facer posible a implantación dun réxime autonómico na nosa terra. Pero esta necesidade non pode impedi-lo exame sereno, aínda que franco, desde un punto de vista galeguista, do discurso pronunciado en Lugo polo señor Casares Quiroga, nin debe privar do dereito de defensa ós que foron repetidamente aludidos e incluso atacados con bastante violencia polo líder do Partido Republicano Galego.

Xa se dixo nun recente editorial de El Pueblo Gallego que algunhas das afirmacións feitas polo señor Casares poden suscitar entre os suspicaces, receos ou desconfianzas que comprometen o éxito do Estatuto de Galicia. Desgraciadamente case todo o que o señor Casares dixo sobre a autonomía ten este carácter de inoportunidade.

Á parte dos seus ataques contra o galeguismo, insinuou case tódalas dúbidas posibles respecto ó Estatuto. Basta dicir que a súa actitude foi eloxiada por un xornal tan inimigo da autonomía como El Ideal Gallego.

O señor Casares ó insistir sobre a necesidade de que o Estatuto sexa de esquerda, insinúa a posibilidade de que teña un sentido reaccionario, sen preocuparse de examina-lo actual anteproxecto, ou calquera relatorio anterior, para ver se en realidade contén extremos incompatibles coas ideas esquerdistas. En todo caso a súa dúbida é superflua, posto que o Estatuto non é senón unha consecuencia da Constitución, claramente definido nos seus límites e ten que ser tan avanzado como o sexa a Constitución española. O maior ou menor esquerdismo de Galicia na súa Constitución interna e no desenvolvemento da súa vida rexional dependerá dos sentimentos dos seus habitantes e da actuación dos seus partidos. Nada que o Estatuto conteña pode ser un obstáculo porque nada pode contradici-la Constitución española, e canto ó que no anteproxecto se refire ó réxime político de Galicia é dunha clara tendencia esquerdista e democrática.

A segunda cuestión inoportuna suscitada polo señor Casares é a necesidade de que o noso Estatuto non sexa unha copia do de Cataluña. O anteproxecto que actualmente existe non é idéntico ó Estatuto catalán, aínda que entre os dous existan inevitables semellanzas, xa que ambos proceden de idéntico texto constitucional e posto que o de Galicia se fixo tendo en conta o que as Cortes Constituíntes se mostraron dispostas a conceder. Os inimigos da autonomía xa aproveitaron este aspecto da cuestión para crear unha maior confusión na opinión pública. As palabras do señor Casares serviranlles de nova base para os seus ataques.

Foi igualmente desafortunada a afirmación do orador de que unha Galicia autónoma non debe enfrontarse con España, nin debe un réxime vantaxista de “galeguismo de socaliña” para defende-los seus intereses rexionais fronte ós da nación, o cal, segundo el, constituiría unha chantaxe. Moito se podería dicir en canto a actuación do Partido Republicano Galego en defensa dos intereses de Galicia. Pero cinguíndonos ó dito polo señor Casares, a súa alusión á “España Grande”, e a súa insistencia respecto á preponderancia do seu republicanismo sobre o seu galeguismo, só cabe afirmar que a autonomía inmediata será a que marca a Constitución, e a máis afastada a que concedan futuras Cortes españolas. Se a autonomía actualmente posible é contraria ós intereses de España a culpa é das Cortes que fixeron a Constitución. Non pode haber antagonismo entre a rexión e a nación, posto que o réxime rexional e o nacional proceden de idéntico texto. Semellantes tópicos estaban ben en beizos de Royo Villanova ou de Emiliano Iglesias antes da concesión da autonomía a Cataluña. Agora, e sobre todo despois da viaxe do Goberno a Barcelona, resultan completamente superados. Se o señor Casares estima que o noso galeguismo é antiespañol e ve nel un futuro perigo para a nación, ten unha opinión da nosa futura importancia política que non se atrevería a expresar o máis optimista de entre nós. E en todo caso debeu votar contra a concesión da autonomía a Cataluña. Tampouco era procedente insinuar unha posible incompatibilidade entre republicanismo e galeguismo, porque supoño que o señor Casares non crerá que os galeguistas soñamos coa implantación dunha monarquía céltica en Galicia...

Tamén creu oportuno o ministro falar da existencia de seis Estatutos –nova arma que se ofrece ós inimigos da autonomía–. O primeiro Estatuto, o da asemblea da Coruña, non ten actualidade porque foi elaborado antes da Constitución. O do Seminario de Estudos Galegos foi retirado, co obxecto de non complica-la situación. Os do Instituto de Estudios Galegos e do Secretariado de Galicia en Madrid, son expresión do criterio de reducidos núcleos de persoas e non representan ningunha masa de opinión. Non pasaron de ser simples relatorios. E respecto ó “Estatuto dos Parlamentarios”, “estatutiño” que os galeguistas apoiarían antes de facer periga-la posibilidade da autonomía, só o P.R.G. e os seus dirixentes poden explicarnos o misterio da súa desaparición. O indubidable é que non existe. Na actualidade non hai máis ca un só Estatuto, ou máis ben anteproxecto, formado por unha relatorio designada por unha asemblea representativa dos grandes municipios, dos partidos políticos e das entidades culturais, económicas e doutra índole, anteproxecto que foi sometido a información pública, que será entregado a unha asemblea de alcaldes, segundo ordena a Constitución, para que o aproben, ou modifiquen ou rexeiten, e que máis adiante, despois dunha propaganda adecuada, se sometería á vontade popular e ás Cortes Constituíntes.

Non hai, pois, máis ca un Estatuto. E para que os actos celebrados en Lugo tivesen algún significado práctico na vida de Galicia, debeu marcarse claramente a actitude do Partido Republicano Galego fronte a este anteproxecto e os pasos inmediatos que respecto a el pensaba dar. Pero en canto a isto o silencio foi absoluto. ¿É que esperan ver o que sucede antes de decidirse? Non será “reformismo”, pero non é autonomismo, aínda que a indicación se oculte baixo protestas de forza democrática. Prestar unha franca adhesión ó Estatuto iniciado polo Concello de Santiago non sería un acto de caciquismo nin unha imposición, senón un procedemento democrático, obrigado nun partido que sinta un ideal e non tema afirmalo impulsado polo desexo de orientar á opinión pública e de realiza-las aspiracións contidas no seu programa.

Máis como, á parte doutras alusións ó galeguismo, se lanzou contra el en Lugo unha acusación de caciquismo, e de te-lo afán de impoñe-las súas ideas contra a vontade do pobo, quede para outro artigo a resposta ós ataques inxustificados que o señor Casares dirixiu contra cantos autonomistas non militan nas filas do seu propio partido.

P. R. Castro.

Volver


Volver ao principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 25/05/2001


Logotipo, obra de Pepe Carreiro