|
Carrusel internacional
Plácido Ramón Castro
del Río
El Pueblo Gallego, 2 de agosto de 1956.
Nestas semanas da máxima concentración
estival das nosas festas locais érguense durante uns días bulideiros, en case tódolos pobos,
as barracas e tómbolas, os aparellos xiratorios de diversas clases, as pistas de “coches eléctricos”.
Hai poucas cousas que me amolen tanto como un deses caos conxuntos, sobre todo nun ambiente de aldea. Teñen,
dende o punto de vista dos meus gustos persoais, tódolos inconvenientes posibles. Estrondo de altofalantes
en competencia –chiando polo xeral cousas estúpidas. Maquinarias ruidosas. Penumbra nocturna saturada de
abafante po. Empurróns de masas compactas, nada urbanas, que non adoitan saber moverse nin portarse como
seres razoables. E sen embargo, calquera que sexa o clima no que me atope, case nunca me resisto a dar unha volta
por alí.
Eu penso que debe ser porque a visita á
feira de atraccións cáusame sempre a mesma impresión –a sensación de que é unha
das cousas máis internacionais que existe no mundo, sexa o espectáculo no seu conxunto brillante,
luxoso, cheo dos máis recentes e enxeñosos inventos, o anticuado, poeirento, escuro e pobre, achémonos
nun “parque” de Londres ou París ou entre as modestas barracas dun pequeno pobo; non podemos deixar de percibir
unha esencial irmandade que transcende tódalas fronteiras. É certo que isto tamén pode sucedernos
no circo, pero alí desempeña un papel moi importante na creación dun ambiente internacional
o feito de que os personaxes que poboan a pista son internacionais eles mesmos, xente que no curso do seu traballo
desdeñan tódalas divisións xeográficas. E os animais tamén, claro está.
Pola contra, na “feira” non se dá ese caso. Os seus animadores, en cada país, son completamente indíxenas.
Se se nos permite a frase, do máis indíxena que se poida imaxinar... E a pesar diso, na voz e no
xesto, o aspecto, os trucos para sacarnos os cartos do peto, as habilidades na tentación, a técnica
profesional, en suma, hai moi escasa ou nula diferencia dun país a outro. Se un está un pouco distraído,
ou se deixa levar da imaxinación, pode mesmo esquecerse, momentaneamente, de onde se atopan...
Mais se nos “operadores” da feira existe esta
irmandade internacional, e este coñecemento, semellante en tódolos climas, das debilidades das súas
“víctimas”, non é menos curioso que o parecido entre os públicos que alí acoden. A
mesma fundamental inxenuidade, o mesmo retorno ó infantil e esquecemento da seriedade de persoas maiores.
Idéntico afán de conseguir algo bo por poucos cartos e de levarse a casa a vistosa boneca ou a ola
chea de louza. Semellante confianza na nosa pericia coa escopeta de aire comprimido. E o mesmo retorno habitual,
todo o máis co bonequiño de arame e algodón ou o cinseiro de arxila. E os nenos, naturalmente,
son os mesmos. Cos seus tiróns nas mans adultas, a súa inesgotable reserva de enerxía, a súa
insaciable lambonería de xelados, doces lambetadas e laranxadas, as súas inevitables discrepancias
co criterio financeiro dos seus pais, os seus prantos ocasionais entre a bulideira diversión.
Este ano tivo aquí bastante éxito
o “xato con seis patas” –unha especie de “irmáns siameses” malogrados e incompletos, posto que o segundo
“xemelgo” non era máis ca unha adherencia dorsal de pel e patas que levaba consigo un xatiño normal,
de aspecto satisfeito e ó parecer nada molesto pola íntima veciñanza do seu irmanciño
fracasado. Se o espectáculo non era moi impresionante, o letreiro anunciador, pola contra, interesoume.
“Pasen a ve-lo vitelo atómico, procedente de Marte. “¡Cómo se disemina e vulgariza a máis
moderna ciencia ata nos lugares máis remotos!” Porque tanto o xato como os seus exhibidores eran xenuinamente
indíxenas, o cal non foi obstáculo para que os segundos estean ó corrente dos posibles efectos
xenéticos das variadas radiacións que os nosos sabios están soltando polo mundo, así
como da actualidade dos proxectos de viaxes interplanetarios. E xenerosamente –non se pode pedir máis por
dúas pesetas– non só nos ofrecen a visión dun modesto fenómeno, senón dúas
explicacións científicas, por se unha non fose abondo. Esperamos que ningún veterinario lle
poña o veto ó vitelo cando chegue a cumpri-lo seu destino natural, nin crea necesario examinalo cun
contador “Gelger”, como se fai co peixe nos mercados de Tokío. De tódolos xeitos, o espectáculo
dos que acudían a admira-lo excepcional animaliño galaico tróuxome ó recordo os xentíos
que vin apiñarse a carón do Támese para extasiarse ante a balea “Xonás” de trinta metros
de longo, saturada de formol, e que tantas libras, francos, marcos e floríns proporcionou ó seu intelixente
embalsamador, o primeiro home, seguramente, que viu un negocio en poñer unha balea enteira en conserva...
E como dixen tal vez sexan cousas como estas,
mostras da básica irmandade dos homes, por enriba das fronteiras, as que me fan ir á feira de atraccións
cada vez que me atopo preto. E por iso, non deixo de acudir malia que sei que hei volver a casa canso, coa cabeza
atordada e o peto un tanto máis lixeiro, coa desilusión de quedar mal diante dos meus fillos como
tirador –as escopetas, claro, son moi malas– pero con certa satisfacción de ter ido. De ter unha vez máis
esta sensación de que o carrusel, a barraca, a tómbola son, nun mundo que case esnaquizamos, humildes
pero persistentes mostras de algo que tendemos a esquecer –a esencial irmandade dos humanos, quizais nunca tan
evidente como cando se esquecen de parecer serios e importantes e se deixan ser algo inxenuos, infantís
e mesmo parvos, se se quere.
Xentes que á fin e ó cabo, se o
destino non semellase teimar en impedilo, poderían apreciarse e entenderse. Como os públicos de varios
países europeos teñen querido e comprendido a un fenómeno tan desconcertante como o dun “clown”
ruso, esa nova estrela triunfadora no firmamento circense, Oleg Popov, acollido como sucesor do inesquecible Grock.
E que debe ser moito máis apreciable e comprensible, dende logo, que os seus compatriotas “Mister B” e “Mister
K”.
P. R. Castro.
|