·Fundación Plácido Castro
Volver


Cara o proteccionismo oficial


Plácido Ramón Castro del Río
“Hacia el proteccionismo oficial”. El Pueblo Gallego, martes, 2 de decembro de 1930.
Traducción ó galego de
Daniel Landesa Porras.


Sete nacións libres e democráticas situadas en catro continentes reuníronse en Londres para deliberar acerca dos seus intereses comúns. A comunidade de Nacións Británicas –que se compón, segundo se decidiu na Conferencia imperial de 1926, de nacións autónomas, iguais en categoría, de ningún modo subordinadas unhas a outras unidas pola súa común fidelidade á Coroa e libremente asociadas como membros da citada Comunidade– constitúe sen ningunha dúbida, o máis alto exemplo do liberalismo levado á práctica en tan enorme escala. Demostra a posibilidade da existencia dunha Asociación de Nacións libres que saben facer compatible o internacionalismo co nacionalismo. Revela a pouca importancia real das constitucións definidas e escritas cando existen lazos sentimentais e fondo afecto a comúns tradicións de liberdade. O exemplo do Imperio Británico é neste aspecto dun enorme interese para tódalas nacións e en especial para as que desexan a implantación dun réxime federal, posto que representa unha superación do federalismo. Podería dicirse que constitúe o ideal ó que deben aspirar as confederacións de nacións ou de rexións.

Inglaterra tivo a sabedoría de admitir gradualmente cantas reclamacións de independencia presentaron os Dominios. A conferencia de 1926 resolveu nas súas grandes liñas tódolos problemas constitucionais. Mesmo concibiu tacitamente ós Dominios o dereito de secesión, coa consecuencia agardada de que agora que o posúen, todos declararon que non teñen a máis remota intención de exercelo. Case se logrou asegurar a lealdade á Coroa de tódolos Dominios, mesmo no caso de África do Sur, que hai trinta anos aínda estaba loitando contra Inglaterra nos campos de batalla. Só Irlanda, por razóns de política interior, segue concedendo algunha importancia ás cuestións meramente constitucionais.

Precisamente agora que desapareceron tódolos motivos de conflictos políticos, comeza o labor constructivo. Os Dominios, libres e independentes, queren dar ó Imperio unha nova cohesión por medio da cooperación económica. Os nacionalistas e ata os separatistas de onte, convertéronse hoxe en imperialistas, partidarios da creación dunha grande asociación de nacións de enormes posibilidades económicas.

Agora se percibe cánta razón tiveron os estadistas ingleses que comprenderon que a concesión da liberdade era o único medio de chegar á cooperación. A verdadeira cohesión é a que teñen as asociacións voluntarias de pobos libres e non a falsa unidade imposta por un Goberno a rexións diversas.

***

Pero a cooperación económica imperial non depende exclusivamente dos desexos dos Dominios. Para conseguila é necesario que se resolva previamente a antiga loita política inglesa entre proteccionistas e partidarios do librecambio. A circunstancia de estar no Poder un Goberno laborista –partido tradicionalmente oposto ó proteccionismo– dominado por un ministro partidario intransixente do librecambio como Mr. Snowden, impediu que se chegase a un acordo concreto na recente conferencia. Mais a situación de Inglaterra variou moito desde os tempos en que se consideraba que o proteccionismo só conviña ós capitalistas. Na actualidade Mr. Snowden non representa a opinión de tódolos seus correlixionarios. Pode afirmarse que case a metade do partido laborista é máis ou menos proteccionista. A crise actual da industria inglesa convenceu a moitas persoas de que tal vez non sexa posible para unha nación rodeada de países proteccionistas manterse fiel ó librecambio –que non é en realidade tal librecambio, senón simplemente libre importación en Inglaterra dos productos de nacións que non conceden idénticas vantaxes á exportación británica. Ante o problema dos dous millóns de obreiros ingleses en paro forzoso, que non puideron resolver nin conservadores nin laboristas, e comprensible que a opinión se oriente novamente cara o proteccionismo, sobre todo ó falarse non dun proteccionismo nacional, senón nun sistema de barreiras aduaneiras que faga do Imperio Británico unha grande unidade económica que sexa capaz de competir cos Estados Unidos e cunha posible federación europea.

É indubidable que esta forma de proteccionismo resulta moi atractiva para a opinión inglesa, especialmente cando ás súas vantaxes económicas se une a súa conveniencia política, xa que constituiría un novo lazo de unión entre os pobos compoñentes do Imperio Británico. Ante a unanimidade dos representantes dos Dominios, todos eles partidarios do proteccionismo, non é doado que a Gran Bretaña poida manterse fiel á súa tradicional adhesión ó intercambio. Os Dominios propoñen un sistema aduaneiro no cal cada nación do Imperio podería aplicar tarifas a calquera artigo, para defender as súa propias industrias, pero concedendo en cada caso unha preferencia arancelaria ás mercadorías procedentes doutro país británico.

Os Dominios importan anualmente uns cincocentos cincuenta millóns de libras esterlinas de productos manufacturados, dos cales a metade procede de países estranxeiros. Baixo o sistema de preferencia imperial case toda esa importación consistiría en manufacturas inglesas en manufacturas inglesas. Mais como é natural, os Dominios necesitan unha compensación. Exportadores de materias primas e de substancias alimenticias, precisan unha preferencia aduaneira que lles permita vendelas na Gran Bretaña. Actualmente a importación inglesa destes productos ten un valor duns catrocentos setenta millóns de libras, pero só douscentos oitenta millóns corresponden a mercadorías procedentes do Imperio. Son evidentes as vantaxes para todo o Imperio Británico dun sistema que asegurase a venda dentro del, dos productos de cada un dos seus compoñentes, o cambio de manufacturas inglesas por materias primas procedentes dos Dominios. O primeiro ministro do Canadá, por exemplo, ofreceu a Inglaterra unha preferencia aduaneira do dez por cento a cambio dunha tarifa inglesa sobre o trigo estranxeiro, que permita ó Canadá vende-lo seu trigo na Gran Bretaña.

Pero aquí xurdiron as dificultades que non puido vencer o Goberno inglés. A un Goberno laborista, que depende do apoio liberal, élle imposible aceptar o proteccionismo, e moito menos grava-la importación de artigos de primeira necesidade como o trigo. O resultado de tal política sería seguramente unha escisión no laborismo. E tódolos partidos temen a influencia do berro electoral “A vosa comida custará máis”, empregado polos seus contrincantes. Polo tanto o Goberno inglés só puido ofrecer o mantemento das actuais preferencias durante tres anos, a posibilidade de establecer unha “cota” para o trigo, que asegura o consumo dun cincuenta por cento do trigo imperial, a formación de consorcios de importación e o “bulk–purchase”, ou compra de productos en grandes cantidades por organismos oficiais. Ningunha destas proposicións satisfixo ós representantes dos Dominios. Algúns destes as consideraron excesivamente socialistas posto que admiten participación directa dos Gobernos nas operacións comerciais, con posibles perdas cuantiosas para os diversos Estados. Cren ademais que provocarían discusións comerciais anoxosas e prexudiciais para as boas relacións imperiais. E opinan que só no proteccionismo se encontraría unha solución satisfactoria. Por outra parte parece ser que tamén Mr. Snowden e outros ministros se opuxeron a semellantes medidas, por non transixir con esta forma de proteccionismo disfrazado.

Non se puido, pois, chegar a un acordo concreto na recente conferencia. Estudiarase detidamente toda a cuestión e se discutirá de novo nunha conferencia que se celebrará no Canadá durante o ano próximo. Sen embargo, este fracaso momentáneo non lle resta ningunha transcendencia sobre á última reunión. A súa influencia sobre a política inglesa é de incalculable importancia. O goberno laborista, xa anteriormente desprestixiado, sae da conferencia aínda máis debilitado. Non tardarán moito en celebrarse eleccións xerais, nas cales se discutirá principalmente a conveniencia do proteccionismo imperial, e do seu resultado dependerá a futura actitude de Inglaterra neste aspecto. Parece case seguro o triunfo do partido conservador –é dicir dos partidarios do proteccionismo– que representaría entón a Inglaterra na Conferencia de Ottawa. A loita vai ser difícil para os partidarios do librecambio. É verdade, como eles alegan, que o Reino Unido correría un grave perigo económico ó arrisca-lo seu comercio exterior –que depende do prezo das materias primas que empregan as súas industrias–, a cambio das posibles vantaxes do comercio imperial. Pero na súa contra terán a influencia da actual crise económica, a necesidade de protexe-la agricultura inglesa, as evidentes vantaxes da creación dunha grande unidade económica como a do Imperio Británico, e a conveniencia de crear novos lazos de unión entre a Gran Bretaña e os Dominios. Esta nova visión do Imperio, que está modificando a ideoloxía e os programas dos partidos ingleses, é sen ningunha dúbida a influencia política máis poderosa do momento e está chamada a decidi-lo resultado das eleccións que parece que non tardarán moitos meses en celebrarse.

P. R. Castro.

Volver


Volver ao principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 25/05/2001


Logotipo, obra de Pepe Carreiro