| ·Fundación Plácido Castro |
Autonomía e democracia
Plácido Ramón Castro
del Río
“Autonomía y democracia”. El
Pueblo Gallego, sábado 8 de abril de 1933.
Traducción ó galego de Daniel
Landesa Porras.
Unha nación máis caeu baixo o xugo
da dictadura. Trátase dun dos países de maior extensión e número de habitantes do noso
continente. Só dúas grandes nacións europeas, Inglaterra e Francia, seguen gozando un réxime
democrático e parlamentario. Non negaremos que tamén existen pequenas nacións sometidas a
diversas clases de dictaduras, pero trátase case sempre de pobos atrasados, cultural e politicamente, o
cal non se pode dicir, por exemplo, de Alemaña. Porque as democracias das pequenas nacións cultas
–abonda sinalar a Suecia, Noruega, Romanía, Holanda, Suíza, Bélxica, Checoslovaquia, Irlanda–
mantéñense intactas, coma un oasis de civilización entre a nova barbarie que asola a Europa.
Con excepcións explicables o réxime democrático demostrou posuír maior solidez nas
pequenas que nas grandes nacións, tal vez porque as dictaduras atopan un campo máis propicio nos
países poderosos, con ambicións imperialistas e militaristas, onde o patriotismo, auxiliar indispensable
do absolutismo, ten moitas máis probabilidades de existir ca na pequena patria. E quizais porque a complexidade
da vida política e económica de hoxe impón un límite á extensión de territorio
e ó número de cidadáns que poden constituír unha unidade nacional democraticamente
rexida.
Sexan estas ou outras as causas deben fixarse nestes feitos aqueles que se brasonan de esquerdistas e pretenden ver un fenómeno reaccionario no rexurdimento das pequenas nacionalidades. E han de notar tamén que a única oposición seria que o fascismo encontrou en Alemaña ven dos Estados autónomos do Sur, especialmente Baviera, que fixo o posible por defende-las liberdades democráticas e só se renden ante a ameaza da forza superior de Prusia. Baviera, autónoma pero non independente, padece como toda Alemaña o absolutismo hitleriano. Unha Baviera libre seguiría seguramente vivindo baixo un réxime parlamentario. Moi distinta sería entón a actual situación europea.
Este contraste europeo entre grandes e pequenas nacións corresponde a unha situación comparable, se ben non semellante, dentro do territorio español. O noso goberno prefire non celebrar actualmente unhas eleccións municipais en todo o país e limita a consulta electoral ás aldeas nas cales os concelleiros foron elixidos polo artigo 29. Non importa saber se tal actitude obedece a móbiles de conveniencia partidista, ou antes a unha elemental prudencia que aconsella a conveniencia de non perturbar ó país cunha axitada controversia pública que puidera ter consecuencias perigosas. O caso é que os nosos gobernantes –sen ningunha dúbida sinceros demócratas– despois de preto de dous anos de réxime republicano e parlamentario, prefiren limitar todo o posible a área da contenda electoral.
Mais non sucede o mesmo en Cataluña. Exceptuada da convocatoria de eleccións gracias ó seu réxime autonómico, Cataluña, que podería imita-lo exemplo de España, disponse, segundo lemos na Prensa, a renovar totalmente os seus Concellos. Os partidos de esquerda que rexen os seus destinos nin teñen medo ó triunfo dos seus adversarios nin cren que as eleccións poidan provocar graves perturbacións da orde pública. Desexan renova-los Concellos precisamente porque opinan que os que agora se elixan serán máis esquerdistas que os actuais. Desta forma Cataluña prosegue o camiño da súa vida democrática normal e disponse a celebrar, despois do plebiscito e das eleccións da Generalitat, o terceiro dos grandes actos cívicos da súa vida autónoma...
Brindamos este contraste entre o Goberno central de España e o Goberno autónomo de Cataluña a aqueles esquerdistas galegos que combaten a nosa autonomía. Galicia, se os galegos quixesen, podería estar dando agora a España enteira o mesmo exemplo de civismo e democracia que Cataluña lle ofrece.
P. R. Castro.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 01/08/2001