|
Aspectos do liberalismo inglés
Plácido Ramón Castro
del Río
El Pueblo Gallego, mércores 6
de abril de 1927.
Díxose moitas veces que Inglaterra
é un país esencialmente liberal, a pesar do seu recoñecido tradicionalismo. Pero é
preciso distinguir entre o liberalismo do carácter inglés e o liberalismo político. Este cambiou
o seu ideario e o seu programa adaptándoo á época actual, abandonando pouco a pouco o seu
carácter individualista. Conseguíu, polo menos na teoría, a liberación e a igualdade
de tódolos cidadáns, e o seu programa actual é un programa de organización nacional.
Mais o fundamental do liberalismo do pobo inglés,
sen relación algunha coas etiquetas políticas, é o sentido da independencia de cada individuo.
Como se concilia esta independencia cos intereses
da colectividade é o gran segredo da nación inglesa que ningún outro país descubríu,
e que os propios ingleses non adiviñan. Pero o indudable é que o individualismo do pobo inglés
será o obstáculo máis serio para a implantación do socialismo. Se algún día
chega a goberna-lo partido socialista moitas persoas que hoxe votan a favor do laborismo serán as primeiras
en rebelarse contra el. E entre elas estará seguramente o deputado laborista coronel Wedgwood, a personificación
do antigo liberalismo.
Cando se discutíu recentemente un proxecto
de lei para restrinxi-los abusos dos prestamistas, dixo o coronel: “Estamos esaxerando a máxima de ‘Safety
First’ (Seguridade ante todo). ‘Safety First’ non fixo a Inglaterra o que é – Inglaterra creouse correndo
riscos-. Esta é unha mala divisa para Inglaterra... Nin eu nin os meus colegas laboristas queremos facer
máis difícil para a clase obreira o facer parvadas”. E cando se discutía unha lei permitindo
recluir en manicomios os delincuentes que tivesen perturbada-las súas facultades mentais, o coronel Wedgwood
opúxose tamén a iso no nome da liberdade do individuo. Segundo el os tolos deben te-lo dereito de
ir ó cárcere se lle dá a gana. O coronel é un tipo representativo de gran número
de ingleses para quenes o deber de cada persoa é ocuparse dos seus propios asuntos, “to mind his own bussiness”.
O estraño é atopar a este individualista no partido liberalista. Poderá formar parte do partido
mentres está na oposición, pero é difícil concebilo apoiandoo cando chegue a gobernar.
Igual matiz de liberalismo inglés atopa
unha expresión máis delicada de C. E. Montagne, un dos mellores ensaistas da Inglaterra actual. Cando
Mr. Montagne deixou o seu posto no “Manchester Guardian” declarou que nunca dera consello ningún ós
seus subordinados, porque tiña medo de influír sobre o ánimo dos demais, non se sentía
o suficientemente seguro de estar no certo para aconsellar a outros que seguiran os seus pasos. Non lembro se é
Madariaga ou o seu amigo Arceval quen di que o liberal aspirta a convencer antes que vencer. Paréceme (o
de Montagne) un liberalismo máis fino, e máis digno de emulación. Por desgracia esta clase
de liberalismo vaise extinguindo, en España talvez non exista nunca. Somos moi individualistas cando alguén
trata de organizarnos, pero non comprendimos nunca que o liberalismo ideal esixe a humildade e a toleracia.
P. R. Castro.
|