|
As teorías “ferrocarrilanas” do Sr. Grandmontagne
Plácido Ramón Castro
del Río
El Pueblo Gallego, venres 18 de febreiro
de 1927.
O recente decreto sobre a constitución
da Real Academia parece ter provocado unha ofensiva contra os nacionalismos. Nun mesmo número de “El Sol”,
o señor Gómez de Baquero acúsaos de plantar sebes de espiñas, e o señor Grandmontange
sostén que se os idiomas rexionais aínda existen en España é debido ó feito
de te-lo noso país poucos quilómetros de ferrocarril. Son tan curiosas as teorías do señor
Grandmontagne, que aínda sentindo certa vacilación ó opoñer esta humilde prosa ó
estilo brillante e ameno do ilustre escritor, non me resisto a expresa-la miña máis decidida disconformidade.
Consideremos algunhas das súas consideracións.
Di que “onde só impera o dialecto rexional é maior o analfabetismo. A causa non require explicación”.
Talvez non se lle ocurrira ó señor Grandmontagne a verdadeira explicación – o carácter
exclusivamente castelán – da nosa instrucción pública. “Nos que falan dúas linguas
¿cal delas absorverá máis intensamente o seu sentimento?” Opina que será aquela que
máis se use e na que obteñamos máis éxitos morais ou positivos. “Non admiten nin principio
de discusión as vantaxes positivas e culturais de fala-la lingua que máis extendida se atope”.
Limitándonos a Galicia, non parece difícil
decidir que idioma absorve o noso sentimento. Non existíu ningún poeta galego cuxa obra en castelán
poida compararse nin remotamente coa dos grandes poetas que escribiron en galego. Pode ser isto debido a que o
castelán é moi inferior ó galego como vehículo de expresión poética.
¿Qué poetas casteláns do século pasado, século de florecemento da poesía,
poden compararse coa nosa gloriosa trinidade Rosalía-Curros-Pondal? ¿Campoamor… Zorrilla…?
Pero o fenómeno non é debido exclusivamente
ó carácter do idioma galego, senón tamén á súa maior identificación
cos sentimentos do pobo. E que non se diga que a poesía non é un dos éxitos positivos da nación.
Se o señor Grandmontagne cita a Byron cando di que “a economía intervén dende a confección
dun zapato ata a creación dunha oda” tamén poderemos dicir con Séller, conselleiro moito máis
aceptable que Byron: “Os poetas son os lexisladores non recoñecidos do mundo”.
Afirmar que debemos fala-la lingua que máis
estendida se encontre equivale a declarar que os homes deben se-los escravos dun idioma en lugar de usalo como
instrumento para expresa-los seus sentimentos. A consecuencia lóxica de tal actitude sería a idoneidade
dun idioma universal, o máis estendido, o inglés por exemplo, recomendable por se-lo idioma dos constructores
de locomotoras.
Non creo que os éxitos dunha nación
dependan da extensión da súa fala. Holanda logrou ser unha potencia mundial a pesar de falar unha
lingua pouco difundida. Camoens conseguíu a inmortalidade escribindo en portugués. Pola contra a
hexemonía lingüística de Castela non levou consigo a hexemonía espiritual nin ós
pobos de América, nin ás rexións da península. Pero estas cuestións xa están
sobradamente debatidas na nosa conciencia para que sexa preciso discutilas. Cremos firmemente que se un país
cultiva e atesoura un idioma propio é precisamente porque nel expresa mellor os seus sentimentos e porque
o considera como algo esencial na súa vida, sen que inflúa no seu valor o grao de difusión
no mundo.
Pasemos a considera-la tese “ferrocarrilana” do
señor Grandmontagne. Estráñase de que o castelán non faga desaparece-los idiomas da
península como o fixo cos de América. Atribúeo á falta de ferrocarrís e opina
que a construción de vías férreas que leva consigo “este barullo que chamamos civilización”
desterrará por completo o noso “cantolanismo lingüístico”. Di que onde hai menos ferrocarrís
é onde menos se fala os idiomas rexionais, citando como exemplo a Santiago. Creo que isto é unha
inxustiza para Santiago, pero acaso alí non é aplicable a teoría “ferrocarrilana” debido ó
carácter esencial arancelario da West Galicia Bailway Company.
Ó meu parecer o feito de que sexan os grandes
núcleos de poboación onde máis se fale o castelán débese a razóns máis
complexas, principalemente a certa actitude pouco intelixente da nosa clase media, que considera máis “fino”
e elegante o empleo da lingua oficial, actitude da que por desgracia se contaxiaron outras clases do noso pobo.
Pero de todos modos Cataluña demostra terminantemente que non existe relación algunha entre o empleo
do idioma castelán e os quilómetros de ferrocarril que percorren unha rexión. Se os idiomas
peninsulares resistiron mellor que os americanos o avance do castelán ¿non será polo maior
mérito intrínseco que as súas respectivas culturas posúen? Non me parece aventurada
a suposición sen que desexe ferir con esta hipótese as susceptibilidades dos aztecas ou dos guaranís.
Tampouco será ilóxico pensar que se o castelán non se convertíu no idioma nacional
foi porque non levaba en si ningunha mensaxe espiritual que lle dese a forza suficiente. Ós indios de América
levoulles como contido a relixión católica e unha nova modalidade de civilización. Pero os
galegos estábamos tan civilizados coma os casteláns e a maior parte das influencias que de Castela
nos viñeron non estaban en consonancia co espírito do cristianismo. Ademais ¿é tan
real como se di a hexemonía lingüística de Castela? ¿Cantos millóns de súbditos
españois saben fala-lo castelán?
O exemplo da Gran Bretaña, nación
inventora e construtora de ferrocarrís, na que pode dicirse que xa non caben máis vías férreas,
non apoian tampouco as teorías do Sr. Grandmontagne. Naquel país fálanse cinco idiomas –inglés,
escocés, gaélico, erse e galés– ademais de numerosos dialectos sen que entorpezan o proceso
da nación. A tolerancia e a locomotora non lograron a implantación do idioma único.
Porque o S. Grandmontagne é ante todo moi
tolerante. Para el a tolerancia é o complemento esencial da política ferroviaria. “A xente debe fala-lo
que queira e aínda permanecer muda se o prefire”. ¡Que amable transixencia! “Que falen o que queiran,
xa se encargará o ferrocarril de atropelalos”, parece dici-lo Sr. Grandmontagne. ¡Non pensara nisto
Curros Enríquez cando adicou un dos seus poemas ó primeiro tren que chegou a Ourense!
Pero non depende o florecemento dos idiomas rexionais
da tolerancia ou do recoñecemento oficial. Viven gracias á súa forza íntima e perdura
como forza literaria porque aínda hai moitas persoas para quen a civilización e o rebumbio non son
termos sinónimos. Se os nacionalistas viron con agrado o recente decreto sobre a Real Academia non é
porque crean que significa unha grande axuda para os seus respectivos idiomas. Agradoulles porque revela unha plausible
actitude no goberno. O que sae beneficiado e engrandecido polo recoñecemento oficial dos idiomas é
precisamente o Estado español.
Ás veces lemos na Prensa que un distinguido
forasteiro visitou a catedral de Santiago, poñamos como exemplo, e que expresou a súa admiración
pola grande obra artística. ¡Non creo que lle importe gran cousa á catedral!
P. R. Castro.
|