·Fundación Plácido Castro
Volver


As deliberacións do IX Congreso de Nacionalidades Europeas


Plácido Ramón Castro del Río
“Las deliberaciones del IX Congreso de Nacionalidades Europeas”. El Pueblo Gallego, xoves 5 de outubro de 1933.
Traducción ó galego de
Daniel Landesa Porras.


No IX Congreso de Nacionalidades Europeas, reunido en momentos dramáticos da vida internacional, xuntáronse grupos representantes dos grupos búlgaros de Iugoslavia e Romanía; alemáns de Estonia, Letonia, Lituania, Polonia, Dinamarca, Checoslovaquia, Hungría, Iugoslavia, Romanía e Italia; xudeus de Estonia, Letonia, Lituania, Polonia, Checoslovaquia, Romanía e Bulgaria; iugoslavos de Italia; eslovenos de Austria; croatas de Austria; lituanos de Polonia e Alemaña; ucraínos de Polonia e Romanía; húngaros de Checoslovaquia, Iugoslavia e Romanía; rusos de Estonia, Letonia, Lituania, Polonia, Checoslovaquia e Romanía; suecos de Estonia; checoslovacos de Austria; eslovenos de Hungría; cataláns, vascos e galegos de España.

Non están reflectidos nesta lista os problemas de nacionalidades que en Europa existen. Pero é bastante ampla para impresionarnos e facernos reflexionar sobre estes chamados Tratados de Paz, feitos sen ter en conta as verdadeiras realidades de Europa, que deixaron sometidos a Gobernos de raza e cultura alleas a máis de corenta millóns de cidadáns do noso continente, situados nunha ducia de Estados. O contacto persoal con este organismo internacional, que trata de rectifica-los erros cometidos polos estadistas europeos, fai sentir cunha nova intensidade a traxedia de Europa, encadeada por vellos prexuízos que impiden resolver estes problemas, que en si non teñen nada de insolubles, se se encaran cun inmenso da humanidade e civilización. Problemas que han de resolver antes de que Europa poida chegar a unha era de paz e cordialidade.

Aquí temos ante nós tódalas facetas das cuestións nacionalistas. Grupos, como os de Estonia, que asisten por solidariedade, cos seus familiares problemas resoltos xa por un Estado culto e progresivo. E no outro extremo grupos como os ucraínos de Polonia que veñen queixarse de opresións, persecucións, intentos de extremismo de Comunidades ás que non se concede a máis mínima posibilidade de vivi-la súa propia existencia.

O Congreso de Nacionalidades Europeas non é, como crían seguramente algúns adversarios nosos, unha agrupación de movementos nacionalistas que se xuntan para traballar e conspirar contra os Estados constituídos. Lonxe diso, aspira a que os problemas minoritarios se resolvan precisamente dentro dos Estados, sen chegar á desmembración. Procura orienta-las súas discusións e redacta-las súas resolucións en termos xerais, sen alusión directa a un país determinado. É unha agrupación para o intercambio de ideas acerca de problemas similares que se formulan en diversos Estados, para buscar a través da solidariedade unha maior eficacia e unha defensa contra a persecución. Non ten como misión a formulación de problemas nacionais políticos, senón a de procurar que as minorías nacionais sexan respectadas polos Estados, sobre todo no que se refire ó idioma, o ensino, a relixión, os costumes e a cultura. Ningún organismo pode contribuír máis eficazmente á paz europea, á harmonía dentro de cada Estado e á convivencia de tódolos cidadáns sen distinción de raza, idioma ou relixión.

É interesante notar que a pesar deste carácter do Congreso, alleo a todo movemento político, unha das súas resolucións máis importantes foi a que fai constar que a autonomía territorial é o medio máis adecuado de resolve-los problemas minoritarios, cando se trata de minorías que ocupan, en masa compacta, un territorio definido. Velaí algo que se relaciona directamente co problema de Galicia e vén a confirmar, coa máis alta autoridade, a posición do movemento galeguista.

E tamén merece salientarse, como criterio dun organismo internacional de tan elevado perigo –se ben non confiamos en que teña repercusión entre nós– a resolución que se refire á necesidade de que o exercicio da relixión sexa na lingua materna dos fieis.

Outros acordos, que non teñen relación directa con nós, son referentes ó problema dos xudeus alemáns, que piden que nos casos de “desasimilación” nacional se respecten os dereitos e liberdades das minorías, o que fa resaltar as proposicións da traxedia que atravesan os ucraínos de Rusia, ameazados de extinción pola fame; e finalmente en chamamento á Sociedade de Nacións, reclámase dela unha maior actividade e eficacia en relación coas cuestións minoritarias.

Discutíronse tamén, entre outros asuntos, a persecución dos ucraínos de Polonia, e a situación das minorías búlgaras en Romanía e Iugoslavia.

Non é doado, nin ten sempre resultados inmediatos, o labor dun Congreso de Nacións, cuns acordos que han de ser transmitidos precisamente á Sociedade de Nacións, relegada en grande parte polos Estados que teñen problemas desta índole nos seus territorios. Non faltan sen embargo os que alí defendan os dereitos das minorías, aínda que os resultados prácticos non sexan sempre satisfactorios. Este ano, cando menos, as deliberacións do Congreso tiveron unha repercusión inmediata na Sociedade de Nacións, cunha Asemblea que, cando se escriben estas liñas, se está ocupando das minorías na Alta Silesia, da persecución dos xudeus, do problema dos alemáns refuxiados no estranxeiro e da petición de auxilio feita polos grupos ucraínos para os seus irmáns que perecen de fame en Rusia.

E, o que é aínda máis importante, anúnciase a elaboración dun Convenio Internacional que asegure protección e liberdade a tódolos cidadáns dun Estado, sen distinción de raza, idioma ou relixión.

Vemos, pois, que non foi ineficaz o labor das agrupacións de nacionalidades europeas, que gracias á solidariedade conseguiron resultados que serían inalcanzables para unha minoría illada.

Noutro artigo veremos o que para Galicia representa a incorporación a este movemento internacional europeo.

P. R. Castro.

Volver


Volver ao principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 01/08/2001


Logotipo, obra de Pepe Carreiro