| ·Fundación Plácido Castro |
Abellas de ouro. Libro do heroísmo aldeán
Plácido Ramón Castro
del Río
“Abellas de ouro. Libro del heroísmo
aldeano”. El Pueblo Gallego, mércores, 8 de outubro de 1930.
Traducción ó galego de Daniel
Landesa Porras.
José Lesta Meis, que xa nos dera en “Estebo”
unha excelente mostra do seu íntimo coñecemento da vida da súa aldea, prosegue o estudio do
mesmo tema no seu recente libro Abellas de ouro –publicado pola editorial Nós–, cun admirable prólogo
de A. Vilar Ponte e unha certeira caricatura de Cebreiro.
Agora nos ofrece Lesta Meis un feixe de vidas individuais, que en conxunto nos revelan tan plenamente como puidera facelo unha novela, a existencia cotiá da aldea de Eirís. Desfilan polas páxinas do libro coma se paseasen ante nós pola corredoira da súa aldea estes paisanos, tan semellantes superficialmente, tan vulgares para algúns, pero tan fondamente interesantes cando os vemos cos ollos do autor de Abellas de ouro, coñecedor de cada momento da súa vida diaria. Lesta fálanos deles con sinxeleza, sen buscar efectismos literarios, como se eles mesmos nos estivesen relatando a súa vida. Non presenta xamais ó paisano como ese ser pintoresco que a algúns escritores se lles antolla excelente tema para un libro. Non recorre nunca ó chiste fácil a expensas súas que serviu para fabricar tanta literatura chamada “enxebre”. O autor ve sempre ós seus personaxes cun sentimento de dor, piedade, comprensión. E non se propuxo tan só facer unha obra literaria. “Este libro”, dinos, “foi feito coa ilusión de arrecadar simpatías pros nosos aldeáns”. En toda a literatura galega que ten algunha significación latexa unha arela de liberación do paisano e da terra. Esta compaixón polo aldeán, este desexo de liberalo das súas escravitudes é a inspiración de todo o libro de Lesta Meis.
A sinxela claridade de “Abellas de ouro”, o seu sinxelo realismo, son o que mellor convén ó tema, o que vai creando nas súas páxinas o ambiente pausado de sereno esforzo que é o ambiente mesmo dos nosos aldeáns. A visión de Lesta ten o inestimable valor da realidade aldeá, vista por un que a coñece como poucos, que a viviu el mesmo –esa realidade tan complexa, tan chea de posibilidades que xamais se pode esgotar nin coñecer en tódolos seus aspectos. Gracias a esta veracidade, ten a obra de Lesta Meis un valor perdurable. E non precisa o autor recorrer a exclamacións ou diatribas para realiza-lo fin social que se propuxo. Bastáballe relatarnos con detallada veracidade a tarefa diaria da muller que ten ó marido a traballar na cidade –a muller que ten que labra-las terras, face-los labores da casa, coidar dos fillos...Na aldea sempre queda traballo por facer. Os paisanos miden o tempo polo sol, pero o sol sempre se oculta demasiado cedo para que poidan rematar tódolos seus labores. E a noite trae o descanso ós corpos rendidos que han de erguerse aínda coa noite para recomeza-la loita. “Non hai máis remedio que ir tirando ÍNTERIN un poida”. Velaí a síntese da vida aldeá, a frase tantas veces repetida ante a inacabable monotonía do presente e do porvir.
Outra frase reveladora repítese con frecuencia neste libro. Ó falar dos anos que ten unha persoa, case sempre “parece que ten moitos máis”. O rudo labor dos aldeáns failles envellecer cedo. Son vellos durante moitos anos. Pero teñen que seguir loitando coa terra e coa vida coma se fosen novos. Uns ven como recomeza a loita dos seus netos; outros sós, abandonados, non atopan repouso ata que chega a morte. Estes vellos son os tipos preferidos por Lesta, porque nos seus corpos e nas súas almas deixou a súa máis fonda pegada unha vida de inacabables esforzos. Son a historia vivente de moitos anos da pobre existencia aldeá. E tamén as mulleres as que “atenden ó de casa e máis ó de fóra”; ocupan case tódalas páxinas de “Abellas de ouro”, precisamente por ser elas quen CANDO AMASA PARECE LOITAR COA MASA CON TODA A SÚA FORZA NOVA(=xoven) ATA VENCELA...????
Os que coñecemos a Lesta Meis non podemos pensar só no libro cando lemos Abellas de ouro. Algúns poden crer que esas bromas súas a expensas “do ril” son unha cousa forzada ou artificiosa. Pero nós sabemos que Lesta non se refuxiou no sarcasmo e na acedume, nin sequera no humorismo, para esquecer os seus padecementos. O seu carácter ante o sufrimento é algo moi semellante ó ton do seu libro. Ten a mesma serenidade dos nosos paisanos, que algúns equivocadamente toman por resignación. A resignación é o cansazo do que desespera; a serenidade é a confianza do que espera. Unha das maiores esperanzas de Lesta Meis, felizmente realizada, era ver impreso Abellas de ouro. Esperemos que o éxito sexa o que corresponde ós méritos do libro e do xenuíno heroísmo dun escritor que sabe esquecer os sufrimentos propios para sumirse na compaixón polos paisanos da aldea en que naceu e da que nunca quixo apartarse espiritualmente. Para Lesta Meis, a propia dor –ben se aprecia nas páxinas de Abellas de ouro– non foi senón un lazo de unión cos sufrimentos alleos.
P. R. Castro.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 25/05/2001