|
A Traxedia do Señor Cero
Plácido Ramón Castro
del Río
El Pueblo Gallego, O Teatro en Inglaterra,
xoves 1 de marzo de 1928.
Quizais sexa o teatro o medio máis
axeitado para a expresión das novas tendencias artísticas. Sexa porque a arte dramática sempre
foi artificial, ou porque medio teatral impón ó dramaturgo certas limitacións que o libran
das extravagancias dos seus camaradas os pintores e os músicos; certo é que o drama expresionista
atopa entre o público unha acollida máis favorable ca poesía, a pintura ou a música
de avangarda. “A Máquina de Sumar”, a obra expresionista do americano Elmer Rice, foi un dos acontecementos
máis importantes da temporada teatral londinense e mereceu a seria atención de tódolos críticos,
aínda dos máis convencionais.
Mr. Cero o protagonista desta obra, é un
oficinista que leva vintecinco anos nunha mesma casa, sumando números e máis números. Aceptou
o emprego coma un paso cara algo mellor. ¡Quen sabe se chegaría a ser xerente! Pero pasaron vintecinco
anos... e segue sumando números. Ben llo recorda a súa muller na primeira escea. –A ambición
da súa muller é poder ir ós cines do centro da cidade, e non ós de segunda categoría-.
Nin iso conseguiu. “¿Porque non me casei cun home, exclama, en lugar de casarme cun empregado de oficina?”.
Escea segunda –Cero anota e suma os números
que lle dicta Daisy Devore. Entre as cifras imos escoitando o que ambos están pensando “Un dólar
cincuenta... Corenta centavos... Crin que me querías... aquela vez na excursión –o ano que non puido
i-la túa muller... Dous dólares cincuenta... Talvez puidera matar a miña muller sen que ninguén
o soubera. En cama unha noite, coa almofada... Pode ser que morra pronto... Esta mañá toseu moito...
Tres dólares vinte... Estás volvéndote vella... Un dólar...”. e así nos vai
contando as súas esperanzas de que o ascendan, de que lle suban o salario, agora que leva vintecinco anos
na casa. Decídase a pedirllelo ó xerente. Pero non ten valor, e cando se dispón a marchar
é o xerente o que ven a falarlle a el, a dicirlle que queda despachado, porque o van reemplazar por unha
máquina moito máis eficiente que o feliz Cero. “Eficiencia... Economía..., o negocio, o negocio,
O NEGOCIO”, exclama o xerente, momentos antes de caer acoitelado pola víctima da oficina. Despois vemos
a Cero na súa casa. A súa muller convidou ós señores un, dous, tres, catro, cinco e
seis coas súas respectivas donas. Son todos iguais, para contar un conto teñen que repartilo entre
todos. Ríense e móvense mecanicamente... Cero é detido pola policía, e despois de escoita-la
súa defensa ante o tribunal, na que di que non é realmente un asasino, que non fixo máis que
o que faría calquera membro do xurado –“Culpable”, gritan entón as doce voces a un tempo- vémolo
no cemiterio charlando con outro asasino. Shrdlu, este mozo matou a súa nai case instintivamente, seguindo
un impulso do seu corazón malvado –unha broma do dramaturgo a expensas dos psicoanalistas. E fumando un
“Camel” para espanta-los mosquitos, os dous criminais agardan o momento de descender ós infernos...
Máis o decorado da escea seguinte non ten
nada de infernal. Un campo verde, árbores, montañas azuis na lonxanía... Cando aparece Cero
atópase co seu amigo. “Estes son os Campos Elíseos”, dille Shrdlu. Cero non sabe o que é iso;
parécelle aquilo un parque moi bonito. Pero, non está acostumado nin ós parques –doenlle os
pés. Shrdlu está desconsolado. “Eu víao todo tan claro, -as chamas, os tormentos, a eternidade
de sufrimentos... E todo resulta tan distinto... ¡Non, non, non! ¡É xusto que eu sofra o castigo
que merezo!” De súpeto entra Daisy. Suicidouse porque non podía vivir sen Cero. Ó fin, nos
Campos Elíseos, saben que deberon amarse no mundo. Ela escoita a música. E el –por uns instantes-
tamén. Bailan uns momentos ós seus acordes. Pero o cerebro limitado de Cero non é capaz de
gozar das delicias dos Campos Elíseos. Os seus oídos van deixando de escoita-la música. E
cando o seu compañeiro lle di que Svvift e Ravelais son os sacerdotes máis admirados, que as xentes
non son como as persoas “boas” da terra, que non pensan senón en vivir felizmente, en pintar cadros, esculpir
estatuas e escribir versos, ou sinxelamente en botarse baixo unha árbore e mirar ó ceo; cando sabe
que non pode casarse con Daisy, porque non é necesario, Cero aterrado, escandalizado, escapa dos Campos
Elíseos. E vai parar, ó fin, ó seu verdadeiro paraíso –un lugar no cal pode pasar anos
e anos movendo as palancas dunha xigantesca máquina de sumar. Atopou o seu nivel espiritual é feliz.
Pero pronto ven o “Tenente dos Inmortais” a ordearlle que regrese ó mundo. O “Tenente” lle relata todo o
proceso da súa dexeneración. Foi un mono na selva, pero era polo menos un mono axil, forte e libre.
Foi escravo en Exipto –pero axudou a construi-las pirámides. Remou nas galeras- pero remaba con vigor. Mais
agora chegou á degradación absoluta. A súa misión no mundo será a de manipulador
“hiper-super-máquina de sumar”, unha marabilla da ciencia, empurrando un pequeño rersorte da máquina
co dedo grande do pé dereito... Este é o resultado de todo o marabilloso proceso da evolución.
Cero chora, pide que o deixen seguir onde está. Pero non pode ser. Fan falta na terra almas de escravo como
a súa. Alucinado pola visión da Esperanza, Cero sube unha vez máis ó mundo terreal...
E rermata a obra coas palabras do “Tenente” –“E un sistema estúpido ¿Pero que lle imos a facer?”.
Sería inxustu xulgar esta obra segundo
as normas do teatro convencional. É esencial considerala como unha cousa aparte. Entre os seus meritos,
ademais dun humorismo irónico, un tanto “shaviano”, apuntaríamos o feito de que as ideas do autor,
libre de preocupacións artísticas, parecen chegar máis directamente ó espectador que
no drama “antigo”. Non creo que isto se deba ó emprego do método expresionista de facer pensar en
alta voz ós personaxes. Despois de todo este método non é máis que unha modificación
do antigo monólogo. E ten o inconvinte de que en moitas ocasións non saben os espectadores se o actor
está falando ou pensando, o cal produce certa confusión.
Un gran actor sabe revelarnos o seu pensamento
mediante o xesto ou a expresión sen necesidade de “pensar verbalmente”. E en último termo parece
un empeño un tanto van o de querer facernos oi-lo que pensan os personaxes. Ninguén chegou nunca
a sabe-lo que está pensando outra persoa. A veces custa traballo fixar os nosos propios pensamentos. E se
os cerebros humanos non poden comprende-lo máis íntimo do pensamento alleo á vida real, ¿cómo
vai a ser posible facelo na escea? En realidade o dramaturgo expresionista non consegue máis que amosarnos
o que el cre que debían pensar os seus personaxes, e así ven a revelarnos as súas propias
ideas –o cal non constitúe precisamente unha novidade na arte dramática.
Ó meu entender, a forza, ou a intensidade
do drama expresionista non é producto deste novo método do pensamento falado. O que ocorre é
que o dramaturgo deshumaniza ás súas personaxes, convérteos en símbolos, esaxera as
súas cualidades típicas. En lugar dun retrato amósanos unha caricatura. E por iso ten a súa
obra toda a forza dunha gran caricatura, sen que por iso se poida pretender que toda a arte dramática deba
ser expresionista, drama de caricatura. O método ten os seus méritos pero non suplanta á arte
anterior.
Mr. Cero é un caso excepcional. O autor
fíxolle sufrir tódalos males da súa clase mecanizada: non lle permitiu gozar de algún
dos seus placeres. Os críticos ingleses recomendanlle ó autor que visite unha fábrica, un
partido de foot-ball, un “Music-hall”, para convencerse de que a vida do traballador non é tan triste como
el a pinta. O programa preséntanos a Mr. Cero como “un home cuns desexos de aventura e de beleza que foron
afogados polo ambiente no que vive”. Pero, en verdade, non vemos nel, a posibilidade de ter tido anhelo algún
de beleza. A súa ambición é ascender dentro do mecanismo, chegar a ser xerente. ¿E
que é o xerente senón outra peza da máquina?
É difícil crer na existencia de
moitos seres humanos de cerebro tan limitado, dunha capacidade de felicidade tan reducida como a de Cero. Todos
estamos un pouco mecanizados, pero non ata tal extremo.
Sempre queda no fondo da alma do oficinista máis
escravo da rutina, algo de individualidade, algo de personalidade, algo que o diferencia de tódolos demais
oficinistas do mundo. Pero feitos todos estes reparos, non se pode negar que en “A máquina de sumar”, apúntanos
Rice unha tendencia perigosísima na civilización moderna. Se ben hai esaxeración no seu argumento,
é a esaxeración dunha verdade moi seria. E o seu drama é un dos máis interesantes,
un dos que máis fixeron reflexionar ós espectadores, de cantos se viron recentemente nos teatros
londinenses.
Sen embargo, o método que Elme Rice emprega
para combate-la mecanización da alma da humanidade paréceme equivocado. No seu drama non hai beleza
algunha. É unha representación implacable da fealdade, da morte espiritual dunha xeración
mecanizada, e como tal é unha grande obra. Ata os Campos Elíseos son vulgares –coma calquera parque
metropolitano. ¡A harmonía celestial resulta ser un vals! Pero o drama revélanos ben claramente
que el é un inimigo desta mecanización. A súa obra é unha protesta, non unha exaltación
da civilización mecánica, como o son moitas obras dos artistas de avangarda. E eu creo que os inimigos
da civilización materialista contribuirían mellor a combatila creando obras cheas de beleza artística,
que escribindo dramas deliberadamente feos e desagradables. O método da creación de beleza paréceme
máis eficaz que o da ironía e a protesta. Se Elmer Rice escribira un drama artístico e belo,
aumentaria o caudal de beleza do mundo, faría realmente un mundo mellor. Ó escribir “The Adding Machine”
non fixo máis que lanzar un grito de protesta, e os gritos son desagradables e non son artísticos.
Hai que aprecia-la súa obra máis ben como propaganda que como arte, e a pesar dos seus méritos
non nos convence de que o seu método sexa superior ou preferible ó que empregaron ata agora os dramaturgos
–os poucos dramaturgos- que merecen o nome de artistas.
P. R. Castro.
|