|
A nova Inglaterra
Plácido Ramón Castro
del Río
El Pueblo Gallego, domingo 20 de marzo
de 1927.
O cambio efectuado no carácter inglés
durante os últimos anos nótase, como din, en case tódalas manifestacións da vida. No
mesmo instante de desembarcar comeza a experimentarse. O oficial de emigración preguntoume: ¿De que
color político é o xornal no que vostede escribe?”. ¡Canto estrañaría tal pregunta
hai uns anos! Na estación de Waterloo vixía un policía para que ninguén se leve equipaxe
que non lle pertenza, pois en Inglaterra existe o sistema de talóns para facturar. É estoutra novidade
desagradable, polo que ten de síntoma. Cando se encarga algo nun comercio xa non se pode te-la seguridade
como antes de que o pedido será executado ó seu debido tempo. Podería citarse toda unha serie
de detalles coma estes que revelan unha gran diferencia entre a Inglaterra de onte e a de hoxe. A moza que me arromba
a habitación di: “É o socialismo. Todo está así dende que gobernou o Labour Party”.
Quizais sexa verdade o contrario, que gobernou o Labour Party, coa súa ideoloxía algo estraña
ó carácter inglés, precisamente porque o país cambiou.
Unha xeración que creceu no ambiente febril
da guerra non pode xa adaptarse ás antigas normas da vida inglesa. O periodo de axitación guerreira
rompeu a continuidade da traición, cambiou o punto de vista dos que pasaron por el.
Como xa apuntei, os ingleses levan hoxe unha vida
máis repousada. Andan máis lento, saborean tranquilamente o café mentres charlan ou len o
xornal, como podería facelo calquera español. E polo contrario, as súas diversións,
continentalizándose tamén, aceleráronse. Ó “music-hall” seguíulle o “night-club”
cos seus bailes ata a madrugada. O vello Empire, o “music-hall” máis célebre de Inglaterra, vaise
converter en cinematógrafo.
Así como antes o orgullo do inglés
era segui-la tradición, o afán de hoxe é distinguirse facendo algo novo, algo que que o diferencie
a un dos demais.
Ben sei que estes son síntomas da vida
londinense tan só e que Londres non é Inglaterra. As grandes cidades son sempre, o menos típico
dun país. Pero é nelas onde primeiro se notan as innovacións que lógo se van estendendo
polo resto da nación. Non quixera da-la impresión de que a transformación de Inglaterra é
completamente desfavorable. Élles preciso recordar non obstante que a marcha perfecta e suave da vida inglesa
non foi nunca debida a unha disciplina imposta polas leis. Proviña de certo sentido espontáneo de
civismo práctico que levaba en si todo inglés. Por esa razón, por se-la sociedade esencialmente
individualista, pode ter consecuencias tan graves o cambio que parece ter sufrido o carácter individual.
Unha sociedade constituída desta forma ten que resentirse en canto se modifican as bases e as normas de
conduta dos seus compoñentes. E estas normas, a forza da tradición, a calma no pensamento, a actividade
na vida práctica, non cabe dúbida que se modificaron profundamente.
Non me parece aventurado supoñer que o
descenso na potencialidade comercial da nación non se debe tan só á situación económica
do mundo. Depende tamén, en gran parte, das transformacións espirituais que observamos. É
imposible predicir se a transformación será pasaxeira. Se non o é pode asegurarse que a Inglaterra
futura vai a ser ben distinta da antiga, e será esta unha das consecuencias máis sensibles da guerra
mundial.
Creo que se pode deducir destes feitos unha ensinanza
nacionalista – que un pobo é tanto máis admirable e eficiente canto menos se deixa influenciar polo
resto do mundo. ¡Agora compréndese que o “espléndido illamento” era en verdade espléndido!
P. R. Castro.
|