|
A Inglaterra Céltica
Plácido Ramón Castro
del Río
El Pueblo Gallego, xoves 10 de marzo
de 1927.
O país europeo menos coñecido
en España é indudablemente Inglaterra. A opinión xeral, aínda entre as persoas cultas,
é que os ingleses son frios e flegmáticos, preocupados unicamente polos negocios e indiferentes á
arte e a tódalas cousas do espírito. Os que coñecemos e admiramos Inglaterra temos que lamentar
esta apreciación tan errónea da civilización daquel país e, quixera nestas liñas
contribuir a modificar ese estado de opinión e demostrar ó mesmo tempo a grande importancia que ten
para Galicia o estudo da cultura inglesa.
Examinando calquera actividade da civilización
británica – a súa ciencia por exemplo, na que destacan os nomes dos innovadores xeniais coma Bacon,
Newton e Darwin, ou as súas múltiples relixións, mostra palpable das súa inquedanza
espiritual – pódense deducir razoamentos que demostren o erro da nosa habitual opinión acerca dela,
pero é aínda máis interesante considera-lo carácter da súa producción
literaria, porque é na súa literatura onde un pobo demostra con máis claridade o seu verdadeiro
temperamento. Os libros, ademais de revela-lo espírito dos seus autores, indican tamén o do pobo
que os le.
O máis lixeiro exame da literatura inglesa
permítenos ver que o que domina nela é o sentimentalismo fondamente humano, a imaxinación,
a fantasía. Naturalmente estes sentimentos só encontran a súa expresión adecuada nas
obras dos escritores xeniais; a arte imaxinativa non está ó alcance de calquera. Pero aínda
na literatura inferior, nos libros escritos co só obxectivo de entrete-los lectores, nos mesmos “magazins”,
nótase a mesma tendencia cara ó sentimentalismo, ó afán de remanticismo e de aventuras.
Por algo é Inglaterra, como dixo “Andrenio”, a patria das novelas detectivescas. Os numerosos volumes de
memorias e de biografías, a constante atención que adican os xornais de maior circulación
ó humano, ó intimo e ó sensacional constitúen unha proba máis desta tendencia.
É non obstante na poesía lírica
onde máis claramente se destaca o matiz da espiritualidade británica. O mero feito de que a poesía
sexa a máis alta expresión artística do pobo inglés xa é en si un dato revelador
do seu carácter. Pero ademais a calidade e o espírito desta poesía, non superada en literatura
algunha, desminte rotundamente a opinión corrente acerca do temperamento inglés.
Inglaterra non é un país tan anglosaxón
como xeralmente se pensa. Está profundamente certificada. Séculos de contacto coas razas celtas e
coa súa literatura modificaron o seu carácter. Á parte destas influencias e do celtismo da
súa poboación presaxona hai que ter en conta a teoría, recentemente enunciada, de que a tribo
dos anglos invasores era tamén céltica.
Todos estes feitos contribúen a que as
características distintivas da literatura inglesa sexan derivadas de fontes célticas. Así
o demostrou o gran crítico Matthew Arnold, citando como tales características o estilo, a melancolía
e a marabillosa expresión do encanto máxico da natureza.
¡Estilo, melancolía, o encanto máxico
da naturaza! ¡Que calidades tan galegas! ¿Non son suficientes para mostra-la afinidade da poesía
inglesa coa nosa?
E eu engadiría outra calidade que é
un lazo entre elas. Di Yeats que os corazóns dos celtas están demasiado cheos de emocións
para que as súas palabras poidan expresalas. E istó é o que precisamente se nota na poesía
inglesa, ese algo que trascende a toda expresión verbal, só comprensible para os que levan na súa
alma os reflexos destas emocións. Os galegos que sabemos conmovernos ó ler unhas sinxelas palabras
de Rosalía, tan cheas desa misma emoción inexpresable, porque encontran o seu complemento nas vibracións
da nosa alma, saberemos tamén comprender o marabilloso encanto da lírica inglesa.
De igual forma o seu humorismo, baixo a influencia
celta, alcanza esa elevación do sentimento onde se confunden as bágoas co sorriso. Non sería
nada novo nin estraño para os compatriotas de Castelao.
Pódese afirmar que a inglesa é a
menos realista de tódalas literaturas. Parece o produto dun pobo que envelleceu menos ca os demais, que
aínda ve o mundo con ollos algo infantís con certa actitude de asombro ante as cousas, cun infinito
anhelo de maxia, de fantasía. Outros pobos chegaron ó realismo ou ó cinismo. A el aínda
lle gusta soñar, deixar voar libremente a súa fantasía e buscar na vida o que lle faga sorrir
ou humedeza os seus ollos.
Creo con Matthew Arnold que a verdadeira clave
para resolve-lo enigma do carácter inglés consiste en estudar debidamente o seu elemento céltico.
Inflúe non só na súa literatura senón tamén no seu carácter, creando
ese temperamento complexo, produto do choque entre o práctico materialismo xermánico e a intuición
e a espiritualidade célticas que o fan tan incomprensible a primeira vista.
Francia e Alemaña ocupan case por enteiro
o noso horizonte intelectual. Unha serie de circunstancias, as preferencias dos escritores madrileños, o
pouco que os ingleses se preocupan da propaganda cultural, derivaron cara a eses países toda a nosa atención.
Creo, non obstante, que a civilización e a literatura de Inglaterra, dado o seu carácter céltico
e vistas as afinidades que teñen co espírito galego, ofrecen un campo de maior interese e proveito
para o noso estudo preferente.
Á parte das razóns expostas é
preciso advertir que case toda a moderna literatura irlandesa, escocesa e galesa está escrita en inglés.
¿Como imos penetrar no ambiente espiritual desas nacións sen ler a Yeats, Synge, George, Macdonald
ou Barrie. Sería como excluír a Valle Inclán da literatura galega.
Fronte ás tendencias latinistas e orientalistas
podemos opoñer francamente o ideal céltico. Deixemos que outros encontren satisfeitas as súas
aspiracións espirituais no elegante cinismo francés, na pesada “kultur” xermánica, no estridente
exostismo árabe ou nos ideais latinos, tan alleos ás nosas inquedanzas. Galicia debe mirar cara ás
terras brumosas do Norte, terras de Ossian, de Fingal, de Deidre das tristuras. E o lazo entre Galicia e eses países
ten que selo Inglaterra, a cultura inglesa, a única no mundo saturada do espírito celta.
Non puiden facer máis que esbozar estas
ideas dentro dos límites dun artigo aínda que moitas delas se prestan a extensas consideracións.
Propúxenme tan só contribuír modestamente á mellor comprensión desa terra de
románticos, de humoristas, de poesía máxica e melancólica, cuxo coñecemento
considero tan necesario para o desenvolvemento cultural de Galicia.
P. R. Castro.
|