|
A humanización da Industria
Plácido Ramón Castro
del Río
El Pueblo Gallego, Desde Londres, mércores
1 de febreiro de 1928.
A conferencia celebrada entre algúns
grandes industriais ingleses e os representantes das Trade Unions non foi máis que o principio dunhas negociacións
que durarán naturalmente moitos meses, dado o difícil do problema que se trata de resolver. Patróns
e obreiros reuníronse en moitas ocasións anteriores para busca-la solución de conflictos industriais,
pero as discusións actuais son algo moi distinto do que ata agora se coñeceu.
Sir Alfred Mond, o iniciador das negociacións,
dixo na súa carta, dirixida ós xefes laboristas: “Cremos que os intereses comúns que nos unen
son máis poderosos que os intereses diverxentes que en apariencia nos separan”. Nestas palabras temos a
clave da conferencia. Ata hai pouco tempo tivo gran preponderancia nos medios laboristas a crenza de que o obxecto
do movemento obreiro era destrui-lo capitalismo, provocando cantos conflictos fose posible, para crear despois
sobre as ruínas do capitalismo unha nova era de benestar xeral. Esta crenza tiña necesariamente consecuencias
desastrosas para o actual sistema. Ó aceptar os obreiros a invitación de Sir Alfred Mond abandoaron
tacitamente a súa antiga posición fronte ó capitalismo, recoñecendoo como única
base posible da prosperidade xeral nos momentos actuais. Aínda cando as ideas doutrinais do laborismo sigan
sendo as mesmas que ata hoxe, os seus xefes convertéronse en aliados do capitalismo de Sir Alfred Mond.
Poderíamos calificalo de “super-capitalismo”, pois Sir Alfred dirixe unha organización industrial
química que conta cun capital de sesenta millóns de libras.
Os patróns, pola súa parte, non
fixeron menos concesións que os laboristas. Recoñecen que é necesario humaniza-la industria,
que o obreiro debe participar na súa orientación e nos seus beneficios (...) se os adelantos mecánicos
lle fan perde-lo seu traballo. Din que o obreiro debe poder sentir “que non é unha máquina, senón
unha parte dun servicio nacional”. Admiten, en resumo, como di o “Observer”, que “os beneficios non son senón
unha proba meramente superficial da eficiencia industrial, a que debe fundarse necesariamente sobre a satisfacción
e a felicidade dos que traballan nela”. É esta nota nova nas relacións industriais con significación
que sería imposible esaxerar. Talvez non sexa fácil atopar unha solución dos problemas industriais
que asegure ó mesmo tempo a felicidade e a prosperidade de obreiros e patróns, pero a transcendencia
do intento débese precisamente a súa audacia e a súa nobreza. Se, como parece, tanto os traballadores
como os capitalistas chegaron por fin a ve-la industria como unha cousa “humana”, e abandoaron o criterio simplemente
materialista, hai razón para esperar que os seus esforzos non fracasaran. Algúns patróns da
“Asociación Industrial Cristiana”, expresan nun manifesto “a necesidade de discuti-las relacións
industriais nun ambiente de fraternidade cristiá”. Os xefes laboristas que forman parte da citada asociación,
entre eles Ramsay Macdonald, piden “a tódolos homes e mulleres de boa vontade” que “traballen activamente
para por en práctica os principios cristiáns no corazón da cidadela do industrialismo”. Cando
Mr. Cook, o secretario da federación de mineiros, saíu da conferencia exclamando con indignación,
“Isto non é economía, é teoloxía”, dixo unha gran verdade, aínda que no canto
de censura, como el pensaba, a súa frase constitúe un eloxio. Se as negociacións comezan neste
ambiente case relixioso non faltan motivos para ser optimistas en canto ó seu resultado.
Sir Thomas Inskip, o Procurador Xeral da Coroa,
dixo con moita razón que esta cordialidade industrial, “é como unha brisa de primavera despois dun
inverno longo e crú”. Ninguén podía esperar que se operara un cambio tan grande no curto espacio
de tempo que transcorreu desde os conflictos de 1926 –aínda que en realidade a cordialidade de hoxe é
un resultado dos conflictos de onte. Todos comprenderon a inutilidade e a estupidez daquela loita.
Entre o optimismo xeral hai algunhas notas menos
agradables que sinalar. O grupo de Sir Alfred Mond non representa a tódolos patróns, senón
ós mellores dentro deles. Non se pode estar (...) de que os máis reaccionarios respecten as recomendacións
da conferencia. Os patróns da industria textil non atoparon máis medios de reorganiza-la súa
industria que o xa coñecido procedemento de aumenta-la xornada de traballo e reduci-los salarios. Dos propietarios
de minas non se pode esperar gran cousa. Hainos tercos e doutrinarios como o mesmo Mr. Cook. Abondan os que carecen
da visión necesaria para concebir un estado de cousas distinto do actual.
E pode ser tamén que aínda cando
as negociacións rematen nun acordo cordial, que funcione admirablemente en tempo de paz industrial, o primeiro
conflicto serio faga que se veña abaixo toda a excelente obra. Así pensa o gran caricaturista Low,
que compara o acordo cos parapetos que se desmoronaron en canto subiu o nivel das augas do Támesis.
Quizais teña razón Mr. Cook, e sexan
incompatibles os intereses de patróns e obreiros.
Existe outro factor, o interese xeral, que aínda
non se considerou debidamente. Porque a base do porvir sorrinte que Sir Alfred Mond nos prometeu é a “irracionalización”
da industria. Alguén definiu a racionalización como “a eliminación da competencia mediante
a fusión”. E esta fusión tende hoxe a ser non só nacional, senón internacional. A intelixencia
de capitalistas e traballadores, a base da racionalización, pode parecerlle a moitos tan chea de inconvenientes
como o mesmo socialismo. ¿Podemos estar seguros de que cando a industria mundial estea nas mans duns cantos
“capitáns da industria”, usarán estes o seu enorme poder en beneficio da humanidade, e non sinxelamente
para aumenta-las súas propias riquezas? A experiencia dos truts e os monopolios non nos deduce a vez como
unha cousa desexable a concentración do poder industrial en mans dun pequeño número de persoas.
Pero, en resumo, todas estas dúbidas non
aminoran o noso optimismo ó rexistrar un feito tan significativo, e de tan enormes posibilidades como a
reunión dos patróns e obreiros da Gran Bretaña. Esta tentativa de humanización da industria
revela en ámbolos bandos unha nobreza de ánimo que non se fixera notar ata hoxe nas relacións
industriais, e un concepto da industria tan distante do antigo capitalismo como do antigo socialismo.
P. R. Castro.
|