|
A democracia conservadora
Plácido Ramón Castro
del Río
El Pueblo Gallego, Desde Londres, martes
10 de abril de 1928.
A última semana parlamentaria inglesa
tivo un interese excepcional. Discutíronse na cámara varias cuestións relacionadas co sistema
electoral –unha moción liberal pedindo a implantación da representación proporcional, a segunda
lectura do proxecto de lei que concede o voto ás mulleres ós 21 anos, e unha moción conservadora
encamiñada a privar do voto nas eleccións de “Boards of Guardians”, as institucións que reparten
os auxilios municipais ós pobres, a aquelas persoas que reciban auxilios desas mesmas institucións.
A moción liberal, dun interese máis
ben académico nestes momentos, foi rexeitada por unha gran maioría. O sistema actual só perxudica
ós liberais, pois a representación liberal na cámara non garda relación co número
de votantes ó seu favor no país. Pero de seguir existindo tres partidos na cámara, quizais
sexa necesaria, tarde ou cedo, unha reforma dos métodos de elección, que asegure un reparto máis
equitativo dos postos.
A concesión do voto ás mulleres,
nas mesmas condicións que ós homes, marca a fin da evolución do sufraxio. Xa non é
posible facelo máis extenso. E é interesante recordar a historia da reforma electoral na Gran Bretaña.
A lei de 1832 aumentou en cen mil o número de votantes, que ascenderon entón ó catro e medio
por cento dos habitantes. A lei de 1867 añadiu un millón de electores ó rexistro e fixo subir
a proporción ó nove por cento. En 1884 concedeuse o voto a dous millóns e medio de persoas
que non o tiñan anteriormente e a proporción chegou ó dezaseis por cento. A lei de 1918 incorporou
trece millóns de electores ó rexistro e puideron votar un corenta e oito por cento dos habitantes.
E finalmente, a lei actual concederá o voto a cinco millóns e medio de mulleres e os electores sumarán
vinteseis millóns, ou sexa un sesenta e cinco por cento da población total (...) as máis terribles
consecuencias para a nación en xeral e para o partido conservador en particular. As prediccións non
se cumpliron, e o partido conservador non sufriu eclipse ningún, talvez porque tivo o bo sentido de introducir
todas estas leis de ampliación do sufraxio como medidas propias en lugar de darlle ós seus inimigos
a ventaxa táctica de poder presentar ós conservadores como inimigos da democracia. Seguiron as normas
de Disraell, o cal dixo en 1867: “A mellor maneira de conservar e fortalecer o carácter e as funcións
da Cámara dos Comúns consiste en establecela sobre unha base amplia e popular”. E Joseph Chamberlain
declarou 1884: “Canto máis amplos sexan os cimentos das nosas liberdades e das nosas institucións
tanto máis estables serán esas liberdades e esas institucións. Non lle teño medo ó
pobo...”.
Algúns elementos reaccionarios do partido
conservador opuxéronse tenazmente á nova lei. O “Daily Mail” e os demais xornais de Lord Rothermere
levaron a cabo unha enérxica campaña contra a ampliación do sufraxio. O seu principal argumento
é o de que as mulleres menores de trinta anos non son conservadoras. O ministro do Interior, Sir William
Joynson-Hicks, rexeitou con enerxía este argumento partidista, e declarou que aínda cando confía
en que os conservadores obterán unha gran proporción dos votos das novas electoras, as opinións
políticas dos votantes non teñen nada que ver coa concesión do voto, que é unha medida
lóxica e xusta, calquera que sexa a súa influencia sobre as fortunas dos distintos partidos.
Sen embargo, era razoable agardar que a campaña
de Rothermere tivera algún reflexo na opinión da cámara. Pero o “Daily Mail” fracasou por
completo como influencia política a pesar da súa circulación de dous millóns. Só
conseguiu que se opuxeran á medida quince deputados consevadores. Trescentos oitena e sete deputados votaron
ó seu favor. Evidentemente o poder da prensa non é tan grande como se pretende. E esta votación
case unánime revela a confianza que o pobo inglés ten nas súas institucións democráticas
e amosa a debilidade do sector reaccionario do partido conservador inglés.
A moción sobre as eleccións dos
“Boards of Guardians” non foi menos interesante. No fondo non era unha proposición reaccionaria. Existen
moitas excelentes razóns para privar do voto ás persoas que reciben auxilios da beneficencia municipal,
cando se trata de elixi-las xuntas que terán que administrar esa beneficencia. É moi natural nestes
casos que resulte elixido o candidato que máis prometa ós electores pobres e a corrupción
electoral parece moi fácil. E sen embargo a moción foi retirada a petición do ministro do
Interior, que a calificou de antidemocrática e inxusta, porque privaría dos seus dereitos a moitas
persoas cunha pobreza que non é resultado das súas propias culpas senón da crise industrial,
que as deixou sen traballo. A actitude do ministro do Interior é outro exemplo da democracia do partido
conservador inglés. Calquera medida que represente unha restricción dos dereitos políticos
do cidadán é hoxe inaceptable, aínda para os partidos da dereita.
Por unha coincidencia celebráronse precisamente
estes días as eleccións de “Boards of uardians”. Os seus resultados xustifican plenamente a confianza
na democracia. A representación laborista non aumentou e os distintos partidos teñen pouco máis
ou menos o mesmo número de representantes que tiñan antes das eleccións. E nin pretenderon
a inmensa maioría dos candidatos laboristas sobornar ós electores pobres con promesas de dádivas
fantásticas, nin se deixaron seduci-los electores polas promesas dalgúns candidatos. As eleccións
destes “Boards of Guardians” non adoitan ter gran resoancia na prensa, pero nesta ocasión vale a pena comentalas,
dada a súa significación despois da recente discusión parlamentaria que citei.
Os distintos aspectos desta semana parlamentaria
son unha mostra da forza inconmobible das institucións democráticas na Gran Bretaña e xustifican
a fe e a confianza na democracia como o mellor e insustituible sistema de goberno.
P. R. Castro.
|