·Fundación Plácido Castro
Volver


A conveniencia de celebra-lo plebiscito


Plácido Ramón Castro del Río
“La conveniencia de celebrar el plebiscito”. El Pueblo Gallego, sábado 6 de maio de 1933.
Traducción ó galego de
Daniel Landesa Porras.


Un aspirante a polemista, que despois de demostrarse partidario da autonomía na Asemblea de Santiago, pretende agora erixirse en líder da campaña contra o Estatuto, pregunta nun artigo publicado nun xornal rexional qué razóns pode haber para que se celebre o plebiscito. Segundo el, non pode vir o Estatuto máis que de dúas maneiras –ou por un fraude electoral, acto do que estima incapaz ó señor Casares, ou polo entusiasmo unánime de Galicia, que ó seu xuízo non existe porque só queren a autonomía uns cantos que ven no Estatuto “rico campo de colocación política”. E di como en Galicia nunca chegan a vota-las dúas terceiras partes do Censo, a única utilidade do plebiscito sería a de permitir, despois do fracaso da votación, que o P.R.G. suprimise do seu programa a aspiración autonomista.

Non merece recollerse a alusión que fai a quen fai a quen veu dedicando desinteresadamente toda a súa vida á causa da liberdade de Galicia, porque ata para inxuriar é preciso ter certo prestixio, e non o pode ter que non vacilou en poñerse ás ordes do máis desprestixiado personaxe que actúa na política española, subordinando os intereses máis vitais de Galicia ás conveniencias políticas dun partido. Pero ós seus restantes razoamentos débese contestar coa máis completa claridade.

Os motivos do P.R.G. e do seu representante no Goberno, ó convocar a un plebiscito ou deixar de facelo, non temos por que investigalos aqueles que non pertencemos a ese partido, e que ademais non vemos a política galega como unha loita polo poder entre dous bandos opostos, senón, nestes momentos, como un medio para logra-la autonomía de Galicia. Soamente debemos declarar, os que somos galeguistas, cál será a nosa actitude en cada caso, e non creo que sexa unha indiscreción dicir qué posición é probable que o Partido Galeguista adopte dentro de poucos días respecto a esta cuestión.

Se o decreto non se publica é evidente que o Partido Galeguista, despois do amplo prazo transcorrido desde a Asemblea de Santiago, verase obrigado a desligarse de toda xestión relacionada co Estatuto, e iniciará unha activa campaña contra quen por neglixencia ou por deslealdade sexan culpables de que Galicia non obteña a autonomía. Como nacionalistas non estamos subordinados politicamente ás disposicións constitucionais que afectan ás autonomías e deben se-los partidos autonomistas os encargados de entenderse co Goberno de España. Só poderemos face-lo ofrecemento de que, se algún día se inicia unha campaña plebiscitaria que teña como base un Estatuto non menos amplo que o aprobado en Santiago, achegaremos para o seu éxito cantos medios estean ó noso alcance, reservando, sen embargo, a nosa absoluta independencia dos demais partidos na propaganda que se leve a cabo.

Se o decreto sae, e se axusta ás normas indicadas polo Comité central Pro Estatuto, os galeguistas estarán dispostos a colaborar con todo entusiasmo na campaña plebiscitaria, sempre que o citado Comité indique, dentro dun prazo razoable despois da publicación do decreto, por exemplo un mes, cál ha de se-la data en que se celebrará o plebiscito, e deixe para a propaganda un espacio de tempo todo o extenso que se queira, pero sen que quede indeterminada unha vez máis a terminación da campaña.

¿Quere isto dicir que os galeguistas somos partidarios do fraude electoral? De ningunha maneira. É evidente que nos enchería de satisfacción o feito de que as dúas terceiras partes dos cidadáns galegos acudisen ás urnas para votar a favor da autonomía. Pero como somos demócratas non nos resignamos a contentarnos, como o fai o noso contrincante, co cómodo argumento de que se debe renunciar á consulta plebiscitaria porque en Galicia nunca votaron as dúas terceiras partes do censo. Compréndese que se coloquen en tal actitude os que desexan que perdure o centralismo, o caciquismo, a falta de cidadanía, posto que así saben que seguirán tendo, nunha Galicia submisa, un campo fértil para as súas ambicións, que non van máis aló da substitución dun caciquismo hostil polo propio caciquismo. Pero nós, que aspiramos tamén ó triunfo, aínda que por outros camiños –é dicir, cando a opinión pública se convenza de que témo-la razón– non temémo-lo resultado do plebiscito aínda que a votación non alcance a cifra desexada. O fracaso será relativo e en todo caso cremos que non será o autonomismo o que sufra a derrota, senón o antiautonomismo, que obtería unha votación realmente ridícula.

¿Cal sería a situación de Galicia se o plebiscito fracasase, neste sentido, é dicir se non se conseguise a proporción de votos favorables que a Constitución esixe? Ó meu entender, moito máis satisfactoria que se se renuncia ó intento de consegui-la autonomía. Vivimos baixo unha Constitución que é completamente antidemocrática en canto se relaciona coas liberdades rexionais posto que entrega os destinos dun país ós indiferentes, exactamente como o acaba de facer a dictadura portuguesa. Non respecta a vontade da maioría dos votantes. Pero se se obtén un resultado plebiscitario –como nós confiamos– que demostre que uns centenares de millares de galegos reclaman a autonomía e só unhas decenas de miles non a desexan, estará Galicia, segundo tódalas normas democráticas, nunha posición extraordinariamente forte ante España e, o que é máis importante, adquirirá unha nova conciencia de si mesma e unha confianza robustecida nos seus propios destinos. Os cidadáns de Galicia estarán xa adestrados no exercicio das súas funcións cívicas. O resultado suporía un triunfo moral para a causa autonomista e para cantos partidos –non só o galeguista– interveñan na campaña estatutista.

É verdade que, fracasado o plebiscito, Galicia tería que agardar cinco anos antes de realizar un novo intento. Pero tampouco é de supor que se agora non se chega a celebra-la consulta á opinión galega, esta teña lugar dentro dun prazo máis breve. E en todo caso aproveitaríase o labor realizado, quedarán legalizados os acordos da Asemblea de Concellos e constará a afirmación democrática da vontade autonomista de Galicia.

É interesante observar dúas circunstancias de actualidade relacionadas coa cuestión da autonomía. Vemos en primeiro lugar que os adversarios do Estatuto, ó mesmo tempo que afirman que o plebiscito fracasará, teñen gran empeño en evitar que se celebre. ¿Por que, se están tan seguros do fracaso do plebiscito, renuncian a esta magnífica ocasión de consegui-la derrota dos seus inimigos? E fixémonos tamén na alianza de elementos antiautonomistas –melquiadistas, dereitas e radicais “emilianistas”– nas recentes eleccións municipais. As consecuencias son evidentes e non deben deixar de telas en conta os partidos republicanos partidarios da autonomía. Todo isto significa que a autonomía de Galicia é hoxe unha causa esquerdista, que os inimigos do Estatuto séntense vencidos e que a campaña plebiscitaria sería o máis adecuado campo para dá-la batalla á rección e aqueles elementos republicanos que se alían con ela para consegui-los seus obxectivos mesquiños de triunfos políticos persoais. ¿Por que, entón, non fan todo o posible eses partidos políticos, republicanos, esquerdistas e autonomistas, para conseguir que o plebiscito se celebre axiña?

P. R. Castro.

Volver


Volver ao principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 01/08/2001


Logotipo, obra de Pepe Carreiro