|
A casa do ano dous mil
Plácido Ramón Castro
del Río
El Pueblo Gallego, Desde Londres, xoves
5 de abril de 1928.
Tódolos anos organiza o “Daily Mail”
unha “Exposición da Casa ideal”, que é sempre un dos acontecementos máis interesantes do seu
xénero. O do ano actual superou a cantas se celebraron anteriormente, porque o “Daily Mail” tivo a admirable
idea de construír dentro da enorme sala de “Olympia” unha casa que non é só moderna senón
futura –a casa do ano 2000.
Esta casa do porvir sertá alegre, estará
chea de luz. As fiestras non serán como hoxe sinxelos ocos nas paredes. Ocuparán a maior parte da
fachada do edificio. Os inxeniosos sistemas de iluminación permitirán cambiar a capricho todo o aspecto
das habitacións. E a mesma distribución non será fixa. Bastará tocar un pequeño
resorte para que desaparezan as divisións que separan as distintas estancias. A calefacción eléctrica
será invisible, distribuída uniformemente por toda a superficie das paredes, teitos e pisos. Cando
o día estea oscuro poderase encher de sol artificial e de raios ultravioleta todo a casa e o seu delicioso
xardín. Os moradores estarán en continua comunicación con tódalas rexións do
mundo por medio da radiotelefonía e a televisión. O traballo doméstico queda eliminado case
por completo na casa do “Daily Mail”. A vaixela, dun material extraordinariamente económico, pode destruírse
despois de cada comida. Un sistema eléctrico permite que se faga automaticamente a limpeza de tódalas
habitacións da casa, sendo conducido o pó por tubos ata un depósito central. Os aparatos eléctricos
lavan e cociñan. Un reloxo eléctrico non só despacha á xente senón que quenta
o té para o almorzo sen necesidade de tocalo. Por medio dun tubo recíbense directamente na cociña
os artigos que se desexen, enviados desde o “Depósito Central de Comestibles” sen ser preciso sair á
rúa a compralos. Outros resortes regulan o suministro de ozono e de calefacción. E moitos máis
detalles (...) se atopan nesta vivenda -(...) admirables: un “aerocar”, que é á vez automóbil,
aeroplano e barco; e incluso os donos da casa vestidos segundo a moda de 2000.
As notas saíntes da casa de comezos do
século vinteún son a luz, a alegría, a comodidade, a eliminación do traballo doméstico.
Produce unha sensación de benestar nos que viven nela –aínda que non coincidan as ideas artísticas
de cada un coas tendencias do arquitecto. Pero ó sair da casa do ano 2000 e entrar no Londres de 1928 –e
quen di Londres di calquera outra gran cidade moderna- non é precisamente a satisfacción o que sentimos,
senón certa tristura. Porque a casa do porvir que se exhibe en “Olympia” podía ser, salvo nalgúns
detalles, a casa de hoxe. Algúns dos seus inxeniosos mecanismos non son por agora máis que soños,
pero a súa idea central, o seu ambiente de luz, de alegría, de benestar, podería perfectamente
levarse á práctica nos tempos actuais. E se os que visitan a casa de “Olimpia” desen seguidamente
un paseo por algún dos barrios pobres de Londres aprenderían unha lección social que non deixaría
de ser proveitosa.
Os barrios pobres teñen polo menos a disculpa
da súa pobreza. O lamentable é que as casas da clase media, e aínda as dos ricos, ofrecen
un contraste desfavorable coa casa do “Daily Mail”. Sen a desculpa da falta de medios económicos amósase
nelas a mesma indiferencia cara as posibilidades da vivenda no noso tempo. A nosa xeración, a pesar de precisarse
tanto de ser moderna, parece desprecia-los adelantos que a ciencia fai posibles. E en consecuencia, o noso modo
de vivir actual dista moito de ser moderno. Existe unha enorme diferencia. Un intervalo de decenas de anos, entre
as condicións de vida de hoxe e as que reunirían se se aproveitaran e xeralizaran os inventos máis
recentes. E este atraso non pode atribuirse tan só a razóns económicas, senón tamén
a certo elemento reaccionario no noso carácter, a un tradicionalismo rutinario e mal entendido –porque o
verdadeiro amor á tradición non implica a enemistade cara ó novo. No ano 2.000 haberá
moitas mulleres que se negarán a instala-los aparatos de limpeza eléctrica automática e que
preferiran seguir limpando a casa cun pano e unha vasoira, como se a limpeza tivera algo de ritual. E algún
bo conservador condeará a televisión como un invento do demo, ou falará con pesimismo do porvir
da humanidade cando desapareza a disciplina do traballo manual. ¿Non existen hoxe persoas que se negan a
emprega-lo teléfono ou a viaxar en automóbil? E por iso é de temer, que aínda a comezos
do século vinteún, as vivendas da maioría dos seres humanos estean moi lonxe de ser tan agradables
e fermosas como a casa que se exhibe en “Olympia”.
P. R. Castro.
|