Logotipo, obra de Pepe Carreiro
-Fundación Plácido Castro
VolverVolver a Titulares
 
   

“A batalla das rosas”


Plácido Ramón Castro del Río
El Pueblo Gallego, Desde Londres, venres 4 de maio de 1928.


No partido final da “Copa de Inglaterra” Blackburn Rovers venceu a Huddersfield Town por tres goals a un. Foi esta unha victoria inesperada, como o son con frecuencia os resultados dos partidos da Copa. Huddersfield é sen dúbida un equipo de excepcional valor, na actualidade o mellor equipo de Inglaterra. Blackburn ocupa un dos últimos postos da primeira división. Pero a decisión e o impulso de Blackburn non permitiron a Huddersfield desenrolar o seu característico xogo científico, e a súa famosa liña dianteira de internacionais quedou case anulada pola enérxica defensa dos seus contrarios. Influiu moito no resultado o feito de ter obtido Blackburn o seu primer goal ós trinta segundos de comeza-lo partido. O porteiro de Huddersfield non despexou coa suficiente rapidez e Roscamp, o dianteiro centro de Blackburn meteu ó porteiro e á pelota dentro da rede. Blackburn dominou durante todo o primeiro tempo e conseguiu outro goal ós vintedous minutos. Ó comeza-lo segundo tempo tivo Huddersfield uns minutos de dominio marcando Jacson un goal. Viu despois un período de dominio de Blackburn que puxo varias veces en perigo a meta de Huddersfield. Cara a fin do partido parecía posible que Huddersfield acadara o empate, pero ó obter Blackburn o seu terceiro goal quedou asegurada a súa merecida victoria. Foi este en resumo un partido emocionante, no cal triunfaron a forza e a decisión sobre a ciencia futbolística. Ambos equipos xogaron con enormes desexos de vencer. Huddersfield, porque se vencía podería consegui-lo excepcional honor de gañar nunha mesma temporada a Copa de Inglaterra e o campeonato da primeira división. Blackburn, porque a súa victoria sería a primeira desde hai trinta e sete anos e permitiríalles iguala-lo record do Aston Villa, vencedores do torneo en seis ocasións.

Pero se grande é o interese deportivo dun partido coma este, é moito maior o que poidéramos chamar o seu interese social. En Inglaterra o deporte é algo máis que un simple xogo, é unha das manifestacións máis importantes da vida nacional. Se non fora máis que un xogo a ninguén se lle ocurriría chamar a este partido “A batalla das rosas”. Hai máis de catro séculos desputáronse a coroa de Inglaterra as casas de Lancaster e de York. A súa prolongada loita chamouse a “Guerra das Rosas”, por ser unha rosa vermella o emblema dos partidarios de Lancaster, e unha rosa branca o dos partidarios de York. Huddersfield é unha cidade do condado de York, Blackburn de Lancashire. E a súa contenda chamouse a “Batalla das Rosas”. Case tódolos afeccionados levaban na solapa unha rosa vermella ou branca. A continuidade da tradición enlaza unha guerra dinástica do século quince cun partido de foot-ball do século vinte...

A emoción dos espectadores de Wembley atopou expresión no ruído, os gritos, e os vivas, as carracas, o sonido de pitos e campás. Pero ó subir o seu estrado o gran director Mr. Ratcliff este ruído converteuse en música, esta emocionante e formidable música que supón unha mansedume de cen mil persoas, cantando as súas cancións favoritas. Pouco antes de comeza-lo partido, estas cen mil persoas, en pé e descubertas, entoaron un dos seus himnos relixiosos predilectos, “Abide with me”. ¡Canto lle terá estrañado este detalle tan inglés a calquera estranxeiro que se atopara en Wembley!

Aínda sendo Londres unha cidade tan enorme, a invasión provinciana transformou o aspecto das súas rúas. No Strand non se podía dar un paso. Viñeron a Londres miles de persoas que non tinan a maior probabilidade de atopar sitio en Wembley. Os máis estraños traxes de máscara, os chapeus e gorras azuis, brancos e encarnados, as carracas, os acentos do norte lle daban ó “West End” londinense un aspecto de carnaval.

Pero o máis saínte desta manifestación deportiva é o espírito de orde que amosou a mansedume. Como di o “Observer”: “Un sentido de compañeirismo que se eleva facilmente ata a unidade orgánica é a esencia da vida democrática... É a unidade que xorde dunha idea, a expresión do espírito dun deporte nacional... A mansedume triunfa sobre sobre o partidismo intenso que a fixo congregarse... Un pobo libre, consciente da súa cidadanía, adquiriu o sentido da orde... O porvir revelará o pleno efecto deste “espírito de mansedume responsable sobre os individuos que están baixo a súa influencia...”.

Un acontecemento deportivo que suxire comentarios como os que copiamos do “Observer”, e que evoca recordos da “Guerra das Rosas” de hai catro séculos, é evidentemente algo máis significativo que un sinxelo partido de foot-ball. Esta democracia da multitude de afeccionados ó foot-ballnon é senón outro aspecto da democracia do pobo inglés en tódalas súas actividades, así como o simpático detalle das rosas é unha mostra máis do seu amor á tradición. Os ingleses exportaron os seus deportes ó mundo enteiro. Non é tan seguro que tamén comunicaran ás demais nacións este ambiente especial da súa vida deportiva. Quizais sexa tan “intraducible” como o ambiente político da súa democracia.

P. R. Castro.

 

VolverVolver a Titulares


Volver ao principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 21/07/2003
Fernando Pol