·Fundación Plácido Castro
Volver


Confianza no porvir


Plácido Ramón Castro del Río
A Nosa Terra, 01/12/1931.


O nacionalismo, agora que as circunstancias o obrigan a intervir na loita política, ten forzosamente que atopar no seu camiño moitas dificultades que teñen xeralmente a súa orixe na inexperiencia política dos nacionalistas. Ata hoxe o nacionalismo foi un núcleo de entusiastas nacionalistas, que pensaban soamente na liberdade da súa terra, sen excluír a ninguén polas súas ideas sociais ou tendencias políticas. Cumpriu nobremente, en tempos difíciles, a súa misión de manter viva a chama do espírito nacional. Agora chegaron outros tempos que presentan outras dificultades. Ó intervir na política tiñan que xurdir as diferencias ideolóxicas, se ben tódolos nacionalistas, sexan da dereita ou da esquerda, seguirán traballando pola liberación de Galicia.

Pero somos moitos os que coidamos que é esencial que o grupo máis forte do nacionalismo se declare francamente liberal en tódolos sentidos, se a causa da independencia de Galicia ha de triunfar nunha data próxima. Coidamos que así o esixe o ambiente actual de Galicia, de España e do mundo. E así opinamos que o espírito galego foi sempre tan fondamente liberal que incluso por tradicionalismo ten que ser liberal o galeguismo. Este é sen dúbida un dos máis urxentes problemas que debe resolver o nacionalismo galego.

Hai outro problema que se me antolla de capital importancia. ¿Cal ha de ser a posición do nacionalismo nas súas relacións cos partidos republicanos? ¿Convenlle máis a cooperación individual, semellante á que aportou á loita en contra da monarquía, ou sería máis recomendable a colaboración circunstancial dun partido nacionalista organizado?

O actual panorama político de Galicia e a actuación dos partidos republicanos non pode sernos enteiramente simpática. O nacionalismo ten ante todo o deber de conservar o que ten de máis valía, a súa integridade, o seu prestixio moral, xamais ligado polo contacto coa baixa política. Débese meditar moito se conveñen as alianzas, ou as colaboracións que poidan semellar alianzas ós ollos da opinión, e que quizais prexudicarían este prestixio. Lémbrese o caso de Irlanda, onde mentres os nacionalistas, mestres de estratexia política, se dedicaron a intervir no xogo político do Parlamento británico, non conseguiron para a súa terra a máis pequena autonomía. Foi preciso o arredismo e o exclusivismo do Sinn Fein para acadar a independencia de Irlanda. E téñase en conta que, uns anos antes do seu triunfo, non era senón un pequeno grupo dunha ducia de persoas.

Mais todas esas dúbidas non deben diminuír a nosa confianza no porvir. porque toda a indiferencia do momento, a falla de ambiente que os nosos adversarios alegan en contra nosa, non é máis que o froito inevitable da política monárquica española, fomentadora interesada do analfabetismo, da ignorancia, da ausencia de civismo. E precisamente este mesmo arredamento da vida cívica en que España mantivo o noso pobo pode ser unha cousa que favoreza ó nacionalismo. Porque agora que o pobo galego vai adquirir unha maior cultura, xurdirá na súa alma, ó entrar na vida política, o seu sentimento galeguista case intacto, sen ningunha contaminación de españolismo. E cando isto aconteza coido eu que o galego sentirá fondamente o galeguismo, e soamente precisará atopar un núcleo de entusiastas nacionalistas para agruparse arredor del, o que lle daría ó movemento unha forza asoballadora, producto da unión do galeguismo consciente co galeguismo latente.

O dilema actual de Galicia é o seguinte: ou galeguismo ou morte; ou crear unha vida propia ou seguir sendo imitadores. E o que é peor, imitadores de imitadores, europeos de segunda man. E como non podemos acreditar na morte da nosa terra -aínda que a monarquía nola deixase tan preto da morte- temos que confiar na súa galeguización máis que nada porque confiamos no triunfo das causas xustas e nobres; e a única causa xusta, nobre na Galicia de onte e na de hoxe, é precisamente a nacionalista.

P. R. Castro.

Volver


Volver ao principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 25/11/2001


Logotipo, obra de Pepe Carreiro