|
| |
 |
| Vacacións con traballo, profesionais
da solidariedade. |
[Descarga en pdf  ] |
| |
Profesionais da Solidariedade
Vacacións con Traballo
Que é?
O Programa de Vacacións con Traballo é unha experiencia
que impulsa o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade co fin de animar ao persoal dos seus concellos
socios, a coñecer e a participar nos procesos de desenvolvemento dos pobos do Sur, así como a enriquecerse
persoal e profesionalmente a través desta experiencia.
Cales son os seus obxectivos?
• Globalizar o poder local a través do intercambio de
experiencias entre profesionais de Galicia e das comunidades do Sur.
• Dar resposta ás propostas de actuación que nos
formulan as organizacións parceiras do Sur, apoiando as estratexias de desenvolvemento económico,
técnico e humano de cada localidade, partindo das características e necesidades propias de cada lugar.
• Estreitar lazos entre os axentes do desenvolvemento local
galego e os axentes de desenvolvemento local dos países do Sur, propiciando un novo modelo de relación
que supere o tradicionalmente baseado no paternalismo e no asistencialismo.
• Fortalecer o noso compromiso co Sur, e apostar por un futuro
común que avance na implementación de medidas locais acordes cun modelo de desenvolvemento sostible.
• Afondar en contidos e accións, e pouco a pouco precisar
as percepcións que nos permitan interpretar mellor a realidade dos países do Sur.
• Habilitar fórmulas que permitan dinamizar unha cooperación
que potencie o papel dos municipios, que contribúa a consolidar estruturas democráticas e que promova
o desenvolvemento e progreso humano.
• Implicar ao colectivo de servidores públicos en actividades
que estimulen o seu compromiso solidario.
• Contribuír ao intercambio formativo e á mellora
da capacitación técnica dos especialistas dos países do Sur.
A quen vai dirixido?
Poderá participar no Programa Vacacións con Traballo,
o persoal laboral e funcionario da administración local galega, sendo condición imprescindible que
o seu concello pertenza ao Fondo. Valorarase a vinculación co mundo da cooperación e o feito de ter
viaxado ás comunidades do Sur.
A oferta anual de prazas fixarase a partir das necesidades formuladas
polo parceiro quen precisará as características do persoal que precisa e as actividades a desenvolver
durante a súa estadía.
Cando, con quen e a onde viaxamos?
Pódese viaxar en calquera mes do ano, supeditado á
dispoñibilidade das persoas que viaxen e ás posibilidades de acollida nas entidades dos países
do Sur.
Cooperaremos con algunhas das comunidades dos países
onde o Fondo Galego desenvolve proxectos de cooperación, onde os/as participantes se incorporarán
nalgún proxecto dos nosos parceiros na área, que serán as súas entidades de acollida.
Ata o momento, os destinos foron Nicaragua, Cabo Verde e Perú.
Como se desenvolve o programa?
Durante o mes de estadía, o/a participante no Programa
comprométese a desenvolver unha actividade continuada durante un mínimo de vinte días. A contraparte
asume todos os gastos derivados da súa estancia, en materia de manutención e aloxamento. O Fondo
Galego asume os custes da viaxe desde Galicia ao punto de destino.
• Antes
da viaxe: As persoas que desexen acollerse a este Programa,
previa inscrición e posterior selección, deberán participar obrigatoriamente no curso de formación
que organizará o Fondo Galego.
• Durante
a estancia: Seguirá a programación deseñada
polo noso parceiro.
• Á
volta: Deberase elaborar unha memoria da viaxe a entregar
no Concello respectivo á persoa de contacto do Fondo Galego ou directamente a esta entidade. Será
convidado/a a dar a coñecer a experiencia vivida nas comunidades do Sur a través das actividades
que organice o Fondo Galego e poderá divulgar os resultados do traballo desenvolvido.
Os principios deste programa asentan en criterios
de horizontalidade e de respecto mutuo.
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade entende que a verdadeira solidariedade non pode ser de sentido
único.
Na busca de fórmulas que posibiliten un mundo mellor naceu este proxecto co queremos animar aos empregados
e empregadas municipais galegas a comprometerse no desenvolvemento e na mellora das condicións de vida dos
países do Sur.
Sumarse ou sumirse, afirma o escritor Eduardo Galeano. E optamos por sumarnos ao compromiso por conseguir entre
tod@s construír un mundo mellor, un mundo que globalice a solidariedade.
No mundo da cooperación internacional somos necesarios tod@s. A suma dos pequenos esforzos de cada un multiplica
os resultados. |
| |
 |
| Catro experiencias solidarias. |
[Descarga en pdf  ] |
| |
Vacacións con Traballo 2006
O 2006 foi o primeiro ano no que se levou adiante o programa
de Vacacións con Traballo, cuns resultados máis que satisfactorios. Das dúas prazas iniciais,
finalmente catro técnicos e técnicas municipais se desprazaron ao Sur, grazas á colaboración,
ademais da Dirección Xeral de Cooperación e Solidariedade, das empresas de servizos municipais Urbaser,
empresa operativa no Concello de Lugo, e CESPA, empresa operativa no Consorcio de As Mariñas.
Nicaragua e Cabo Verde foron os destinos do mes de vacación
dos/as nosos/as participantes, durante o cal desenvolveron a súa experiencia profesional nun contexto distinto
do habitual, aportando e aprendendo sobre todo, o sentido da solidariedade.
David Saavedra Pino, técnico de Servizos Sociais no Concello
de Noia, incorporouse durante o mes de agosto aos proxectos de desenvolvemento de INPRU-Somoto, organización
parceira do Fondo Galego en Nicaragua, e con ela compartiu experiencias a través de diferentes proxectos
relacionados coa atención á infancia, coa educación e cos procesos de alfabetización.
En Nicaragua, dando continuidade á estancia de David,
estivo tamén durante o mes de outubro María López Avendaño, Educadora Social do Concello
de Neda, que participou con INPRHU levando a cabo obradoiros para nenos/as de lectura, de estimulación temperá,
así como de capacitación para as nais.
Por outra banda, en Cabo Verde contaron coa experiencia do arquitecto
municipal do Concello de Culleredo, Ricardo Pérez, que durante o mes de setembro estivo asesorando á
Cámara Municipal de Ribeira Grande e á de Paúl (Illa de Santo Antao), en materia urbanística
e de infraestruturas.
Na mesma illa estivo tamén Inés Peleteiro, coordinadora
da Área de Xestión Medio Ambiental do Consorcio das Mariñas, que entre setembro e outubro
colaborou co gabinete de Medio Ambiente da Cámara de Paúl en proxectos de mellora da xestión
ambiental da zona que podería desenvolver a cámara, e, paralelamente, desenvolveu varias xornadas
de educación ambiental.
As súas valoracións e apuntes persoais, están
recollidos na publicación Catro Experiencias Solidarias, na que nos amosan coa sinceridade e espontaneidade
o enriquecedor da súa experiencia.
[Descarga en pdf 
Catro Experiencias Solidarias].
Vacacións con Traballo 2007
(O prazo de recepción de solicitudes rematou o 15 de
maio)
No mes de abril, abriuse a convocatoria de tres prazas dirixidas
ao persoal técnico das entidades socias, para que viaxen ao Sur durante un mes e se incorporen aos proxectos
de cooperación que alí desenvolven os nosos parceiros. Recollendo a positiva experiencia do pasado
ano, no 2007 continúanse tendendo pontes entre o noso mundo local e a realidade doutras comunidades menos
favorecidas, dándolle continuidade a unha cooperación de carácter horizontal, de intercambio
e aprendizaxe mutua.
[Descarga en pdf 
Vacacións con Traballo, profesionais da solidariedade].
|