|
| |
 |
| Asemblea Xeral de Socios do Fondo Galego. |
| |
Dunha etapa a outra
As eleccións municipais do mes de maio preséntansenos
como un punto de inflexión no devir do Fondo Galego. Chégase ao final da lexislatura e, con ela,
péchase tamén o Plano Estratéxico 2003-2007 que viña marcando as liñas de traballo
ata o momento. Os obxectivos marcados supuñan un salto cualitativo importante para a nosa consolidación
do Fondo como referente da cooperación municipalista en Galicia, e, cinco anos despois, moitas son as cousas
conseguidas, pero moitas tamén as que quedan por diante. Así se recolle nunha Declaración
expresa aprobada pola Comisión Executiva o pasado 27 de abril.
É o momento de pechar unha etapa, de reflexionar sobre
os resultados e os desafíos, e de renovar os enfoques; pero tamén é o momento de situarse
no novo ciclo que comeza, para darlle o impulso de saída que precisa, asentar ben os seus piares, e reiniciar
o camiño. Somos case un cento de Concellos (máis tres Deputacións), agrupamos a un 70% da
poboación galega e, polo tanto, a fase que se abre agora no 2007, xa non é, prioritariamente, de
crecemento, senón de consolidación dos compromisos e achegas.
As eleccións marcarán a renovación e/ou
continuidade d@s nos@s representantes polític@s. Serán os protagonistas do novo ciclo e marcarán
os próximos rumbos. Cada vez máis solidarios e comprometidos.
| |
 |
| Lara Barros, Blanca Rodrígez, N. Manimekalai
e Iria Alonso. |
| |
Visita da feminista india N. Manimekalai
N. Manimekalai, directora do Centro de Estudos das Mulleres
da Universidade de Bharathidasan (Tiruchy-A India), visitou a Secretaría do Fondo Galego para expor a súa
experiencia en materia de xénero e desenvolvemento e avalar o traballo que a ONGD galega Implicadas/os no
Desenvolvemento xestiona no seu país.
N. Manimekalai percorreu, durante o mes de abril, varias cidades
galegas difundindo a importancia do enfoque de xénero aplicado ás políticas de desenvolvemento.
SensibilizándoNOS
• Na
procura de profesionais da solidariedade
No mes de abril, o Fondo Galego puxo de novo en marcha o programa
de Vacacións con Traballo, dirixido ao persoal técnico dos Concellos e Deputacións socias.
A medio camiño entre a cooperación propiamente dita e a sensibilización, Vacacións
con Traballo propón aos técnicos e técnicas municipais que se incorporen durante un mes nos
proxectos que desenvolven os nosos parceiros do Sur. O intercambio de experiencias, a aprendizaxe mutua, o achegamento
de realidades, a colaboración técnica, son algúns dos obxectivos deste programa que, por fin
último, ambiciona reforzar as políticas de cooperación no eido local galego. E para iso debemos
contar con máis persoas que coñezan de primeira man o que é a solidariedade, ou para que serve
a cooperación, e que se convertan en auténticos axentes de sensibilización local.
Este ano contamos con tres prazas e tres destinos: Nicaragua,
Cabo Verde e Perú, coordinadas cos respectivos parceiros: INPRHU-Somoto, Asociación Nacional de Municipios
Caboverdianos e Tierra de Niños. O prazo de inscrición remata o vindeiro 15 de maio.
• Rede
Municipalista Solidaria
Nos meses de abril e maio, terán lugar as primeiras xuntanzas
do ano da Rede Municipalista, que estarán acompañadas por obradoiros e testemuños solidarios.
O eixe central dos encontros entre técnicas e técnicos dos Concellos socios será o plan de
sensibilización deste exercicio e as actividades que xirarán entorno ao X Aniversario. A iniciativa
conta, unha vez máis, co apoio da Dirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia.
Coma sempre, a participación activa de todas e todos
é fundamental para dinamizar e dar continuidade ao noso traballo en rede. Para facelo e a salvo de cambios
de última hora, aquí tedes o noso itinerario solidario:

| |
 |
| De esquerda á dereita, Eduardo Reneses,
director executivo da UNRWA en España, Teresa Táboas, conselleira de Vivenda, e Alfredo Novoa, presidente
do Fondo Galego. |
| |
proxectos 2007
• Vivendas
contra o esquecemento
A pesar da súa longa duración, o conflito palestino-israelí
segue marcando a axenda da tensión no Oriente Próximo e condenando á exclusión e ao
empobrecemento a todo un pobo: a Franxa de Gaza (un dos dous Territorios Ocupados chamados a constituír
un futuro estado palestino) conta cun dos niveis de densidade de poboación e de empobrecemento máis
elevados do mundo.
O capítulo do dereito ao retorno da poboación
expulsada das súas casas e terras durante a 1ª Guerra Árabe-Israelí de 1948 segue sendo
unha asignatura pendente. A negativa de Israel convérteo nun dos principais escollos que ambas partes atopan
nas sempre difíciles negociacións de paz. Mentres tanto, 4,3 millóns de persoas malviven nos
campos de Gaza e Cisxordania, así como nos países árabes veciños, e son moitos máis
os que conforman a diáspora palestina ao longo de todo o mundo.
A Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina
no Oriente Próximo, UNRWA nas súas siglas en inglés, foi establecida no ano 1949 para paliar
a situación da poboación refuxiada palestina, ante a perspectiva de falta de solución inmediata
para este problema. Dende entón e ata hoxe, é a súa principal fonte de provisión de
servizos básicos.
O Fondo Galego e a a Consellería de Vivenda da Xunta
de Galicia, asinaron o pasado 12 de abril un convenio de colaboración para pór en marcha un proxecto
de rehabilitación de vivendas nos campos de refuxiados de Jalazone e Amari, ambos situados dentro dos Territorios
Ocupados. Cun orzamento de 99.000 euros, o proxecto coordinado e executado pola UNRWA, servirá para mellorar
as condicións de habitabilidade e hixiene de 16 familias.
• Convocatoria
de Proxectos
O pasado 30 de marzo, pechouse a convocatoria de proxectos 2007,
cunha cifra récord de proxectos presentados, tanto por parte de ONGs de aquí como do Sur. Son proxectos
con variados destinos: Cabo Verde, Senegal, Nicaragua, Guatemala, Perú, Colombia, Brasil, Cuba, India, Territorios
Palestinos, etc, e variados sectores de intervención, que están agora en fase de baremación,
para que a nosa Comisión Técnica (composta por técnicas e técnicos municipais con coñecemento
e experiencia en cooperación) poda propor o seu financiamento atendendo a criterios de calidade e relevancia,
e tamén da súa adaptación aos recursos do Fondo Galego.
Declaración do Fondo Galego
Eleccións Locais e Cooperación Internacional ao Desenvolvemento
Ante a convocatoria das eleccións locais a celebrar o
27 de maio próximo, a Comisión Executiva do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade
recoñecida pola FEGAMP como axencia municipalista para a cooperación internacional ao desenvolvemento,
considera de interese formular as seguintes consideracións:
1. Nesta última lexislatura constatouse un avance importante
do tecido solidario do municipalismo en Galicia. Así, o número de entidades asociadas no Fondo Galego
medrou de forma exponencial ata sumar case un cento de Concellos e Deputacións, que representan arredor
do setenta por cento da poboación da nosa Comunidade Autónoma.
2. Nesta última lexislatura constatouse un singular aumento
da sensibilidade das corporacións locais e provinciais respecto á necesidade de contribuír
con fondos propios á loita contra a pobreza e a prol da gobernación democrática nos países
do Sur. A tal efecto, contribuíron de forma notable á difusión das iniciativas de sensibilización
promovidas polo Fondo Galego que gozaron de ampla receptividade en moitas institucións locais e provinciais.
3. Nesta última lexislatura reforzouse a coincidencia
de criterios entre as diferentes Administracións galegas a propósito da necesidade de configurar
a cooperación como un eixe esencial da actuación pública, fortalecendo a transferencia de
recursos, experiencias e capacidades do poder local galego para mellorar as condicións de vida en comunidades
de áreas xeográficas concretas.
4. Nesta última lexislatura asentouse e avanzou a colaboración
cos actores da cooperación e moi especialmente coas ONGDs actuantes en Galicia, firmes aliados neste proceso
de afirmación do compromiso coa construción dun mundo máis humano e sostible.
5. Todas esas circunstancias sinalan un momento especialmente
idóneo para que se produza un salto cualitativo no eido local, de xeito que esta Administración poida
acompañar o esforzo que o conxunto da sociedade está a desenvolver, evitando quedarse atrás
na plasmación dunha solidariedade efectiva e transformadora.
6. Como en anos anteriores, o Fondo Galego levou aos partidos
políticos a mensaxe sobre a necesidade de contemplar este compromiso nos programas electorais cos que concorren
aos comicios do 27 de maio. Sabido é que no Fondo Galego, configurado dende o seu inicio como un espazo
de encontro, conviven todas as sensibilidades políticas presentes no municipalismo.
7. A solidariedade e a cooperación internacional ao desenvolvemento
non pode estar por máis tempo ausente da axenda local coa dimensión requirida. É hora de apostar
polo incremento dos recursos destinados á cooperación internacional e de preocuparse por levar adiante
unha cooperación de calidade que contribúa de forma efectiva a mellorar as condicións de vida
dos seus beneficiarios directos, pero que tamén facilite a complicidade e comprensión social entre
nós mesmos. Como acontece no eido ambiental, as fronteiras da pobreza non existen e todos debemos comprometernos
para contribuír á súa erradicación. Un mundo desigual é un mundo inestable do
que ninguén pode evadirse.
8. O Fondo Galego, avaliando positivamente a lexislatura que
agora remata e felicitando a todos aqueles que contribuíron á dinamización da cooperación
na nosa Comunidade, URXE un pacto global para que a lexislatura 2007-2011 concrete en Galicia o tempo dunha cooperación
alargada, dentro e fóra, que dignifique a nosa presenza neste eido.
| |
 |
| José Ángel Cuerda. |
| |
Conversa municipalista
José Ángel Cuerda
José Ángel Cuerda, ex alcalde
de Vitoria-Gasteiz, é todo un referente no ámbito do compromiso municipal coa cooperación.
Durante o seu mandato, converteu o seu Concello nun exemplo do moito e ben que se pode facer dende o eido local
polo desenvolvemento socio-económico dos países empobrecidos. Por iso quixemos entrevistalo, agradecendo
a súa amabilidade e boa disposición.
Fondo Galego: Por que os Concellos deben implicarse en asuntos globais como é a cooperación
ao desenvolvemento?
José Ángel Cuerda: As cidades e vilas son o espazo privilexiado da política, da
implicación responsable dos cidadáns nos asuntos da súa comunidade, pero son tamén
o espazo da globalización, da interdependencia mundial.
O local e o global, a nosa cidade e o mundo enteiro, están
intimamente relacionados, e desde este lugar concreto no que vivimos, debemos asumir a responsabilidade de cambiar
o mundo.
O noso desenvolvemento, o noso transgresor desenvolvemento,
mediatiza e dificulta o benestar de grande parte da humanidade, e cómpre mudar a nosa forma de ser e de
estar, de pensar e de actuar, para que todos, en todas partes, podan ter a esperanza tanxible dunha vida mellor.
Os nosos concellos deben asumir a encomenda de cooperar ao desenvolvemento
humano dos pobos máis desfavorecidos e de combater as desigualdades a escala local e mundial.
Fondo Galego: Que especificidades debería ter a cooperación ao desenvolvemento
impulsada desde as entidades locais?
José Ángel Cuerda: A grande tarefa dos nosos gobernos locais debe ser a promoción
da solidariedade, como virtude cívica esencial para avanzar cara a igualdade real e efectiva.
Solidariedade co “outro”, con “todo outro”, solidariedade para
unha xusta distribución de bens e afectos, solidariedade para cambiar as estruturas inxustas e non só
para aliviar os síntomas, solidariedade para loitar contra toda discriminación, solidariedade en
todos os ámbitos cidadáns.
Fondo Galego: Ata o de agora, ten funcionado? Cales teñen sido as súas fortalezas
e debilidades?
José Ángel Cuerda: Aínda que se ten avanzado moito desde as entidades locais en
cooperación, o camiño a percorrer non ten fin. É preciso superar o cansazo que provoca a impotencia
para poder cambiar un mundo tan inxusto desde a nosa insignificancia. E tamén se debe evitar a tentación
de abordar só os nosos problemas, os nosos numerosos e importantes problemas de aquí.
Educar para a cooperación, educar para a solidariedade,
é a grande e urxente tarefa que temos no noso mundo local. E nese afán teñen o seu posto privilexiado
as familias, os centros escolares, as organizacións sociais, os medios de comunicación e os poderes
públicos. O valor da proximidade temos que utilizalo para promover a solidariedade cos máis próximos,
pero tamén con todos os pobos do mundo e coas futuras xeracións.
Aos gobernos locais debe de corresponderlle a tarefa de promover
e liderar o esforzo colectivo de cidadáns e organizacións, coordinando o seu traballo horizontal
e verticalmente con outras institucións e cos propios destinatarios da súa cooperación solidaria.
Axenda
23 de abril a 2 de maio: Misión do Fondo Galego en Cabo Verde.
26 de abril:
V Xornadas de Sensibilización sobre a Interculturalidade, no Centro Froxel de Arteixo. Organizan Ecos do
Sur e o Concello de Arteixo.
26 de abril:
Rede Municipalista Solidaria en Tomiño.
27 de abril:
Rede Municipalista Solidaria en Cuntis.
27 de abril:
Comisión Executiva en Santiago.
3 de maio:
Rede Municipalista Solidaria en Culleredo.
4 de maio:
Rede Municipalista Solidaria en Mugardos.
7-8-9 de maio:
Seminario “Compra Pública Ética: Un Modelo Social e Económico de Desenvolvemento e Consumo
Sustentable”, na Facultade de Ciencias Políticas da USC. Organiza Amarante.
10 de maio:
Rede Municipalista Solidaria en Ourense.
10 de maio:
Encontro con AGADER sobre a cooperación en Ecuador.
11 de maio:
Rede Municipalista Solidaria en Mondoñedo.
14-19 de maio:
Curso sobre a metodoloxía ART de cooperación, en Sevilla.
27 de maio:
Eleccións municipais.
Mapa de socios do Fondo Galego
| A Coruña |
Lugo |
Ourense |
Pontevedra |
| Deputación |
Castroverde |
Deputación |
Deputación |
| A Coruña |
Guitiriz |
A Pobra de Trives |
A Cañiza |
| A Pobra do Caramiñal |
Lugo |
A Teixeira |
A Estrada |
| Ames |
Mondoñedo |
Allariz |
A Guarda |
| Arteixo |
Monforte |
Cartelle |
Baiona |
| As Pontes |
Monterroso |
Castrelo de Miño |
Bueu |
| Bergondo |
Samos |
Castrelo do Val |
Caldas de Reis |
| Betanzos |
Sarria |
Entrimo |
Cambados |
| Boiro |
Triacastela |
Gomesende |
Cangas |
| Brión |
Viveiro |
Manzaneda |
Covelo |
| Cabanas |
|
O Barco |
Cuntis |
| Cambre |
|
O Irixo |
Gondomar |
| Carballo |
|
Oimbra |
Lalín |
| Carnota |
|
Ourense |
Moaña |
| Carral |
|
Ribadavia |
Mos |
| Cedeira |
|
San Cibrao das Viñas |
Nigrán |
| Cerceda |
|
Sandiás |
O Porriño |
| Corcubión |
|
Verea |
O Rosal |
| Culleredo |
|
Verín |
Poio |
| Dumbría |
|
Vilardevós |
Pontecesures |
| Fene |
|
Vilar de Santos |
Pontevedra |
| Ferrol |
|
|
Redondela |
| Laxe |
|
|
Rodeiro |
| Lousame |
|
|
Salvaterra de Miño |
| Mugardos |
|
|
Soutomaior |
| Narón |
|
|
Tomiño |
| Neda |
|
|
Valga |
| Noia |
- |
- |
Vigo |
| Oleiros |
- |
- |
Vilagarcía de Arousa |
| Outes |
 |
| Pontedeume |
| Porto do Son |
| Rianxo |
| Ribeira |
| Sada |
| Santiago |
| |
| |
| |
|