|
Parabéns a todos e todas!
O 2007 preséntasenos como un ano especial, proxectado
cun dobre propósito: a celebración e a renovación. Dez son xa os anos do noso labor solidario,
ao que cada vez se foron sumando máis Concellos ata chegar aos noventa e cinco actuais. Moitos foron os
proxectos tanto de cooperación como de sensibilización nos que nos embarcamos, e moitos máis
son os que temos aínda por diante, polo que é imprescindible renovar folgos e ideas, revisar o traballo
feito e reafirmar o noso compromiso solidario.
Polo tanto, temos moito que celebrar neste X Aniversario, pero
sen acomodarnos no xa feito senón coa vista posta en todas aquelas portas que aínda temos sen abrir.
O proceso do desenvolvemento é un proceso lento e complexo, e a constancia do compromiso e a adicación
son a chave do éxito, dos bos resultados, só perceptibles a longo prazo.
Con este convencemento de fondo, este ano queremos felicitar,
pero tamén seguir tirando do fío solidario do noso tecido asociativo (Concellos e Deputacións,
cargos políticos e persoal técnico), para incrementar a súa implicación e que esta
se traduza en participación real no devir do Fondo Galego.
SensibilizándoNOS
Coa vontade de que a sensibilización en materia de cooperación
e solidariedade estea cada día máis integrada nas políticas municipais, dende o Fondo Galego
relanzamos un novo ano de ideas e proxectos. A sensibilización é outra forma de facer cooperación,
dende o próximo, dende o noso, asumindo a responsabilidade que temos no empobrecemento doutras sociedades
como primeiro paso, e exercendo o compromiso por cambialo, como segundo.
Para este ano, queremos afondar naquelas iniciativas que mellor
recollen as especificidades da cooperación municipalista, como son o programa de Vacacións con Traballo,
ampliando o número de prazas e destinos, e a Rede Municipalista Solidaria, á que queremos dar un
merecido recoñecemento mediante unhas xornadas de celebración e debate.
Os dez anos compartidos, serán tamén obxecto de
traballo, a través dunha exposición fotográfica sobre os proxectos de cooperación nos
que leva colaborando o Fondo Galego ao longo do tempo, O Fondo Galego: unha década con proxectos. Tamén
será o eixo central das IV Xornadas Anuais, que desta volta se encargarán de analizar o papel dos
entes locais en cooperación ao desenvolvemento; e para avaliar o seu grao de inserción en Galicia,
queremos iniciar unha investigación sobre o alcance e as características da cooperación que
se leva a cabo dende as nosas corporacións locais, tanto dende dentro como dende fóra do Fondo Galego.
Noutra orde de cousas, a mellora da comunicación e a
visibilidade do noso traballo cara o mundo local, o noso espazo natural de actuación, son dous aspectos
clave á hora de afondar nas políticas de cooperación municipal. Este ano queremos darlle un
novo pulo ao Servizo de Orientación para a Solidariedade Internacional, posto en marcha no 2006, para afianzar
a relación cos Concellos socios e estender o noso proxecto a novos Concellos, co obxectivo de que canalicen
as súas vontades solidarias a través do Fondo Galego, en aras dunha mellor coordinación e,
polo tanto, calidade.
E como sempre, contaremos coa visita dos nosos parceiros do
Sur, con programas de colaboración con ONGDs galegas como é o do Bo Café, e coas exposicións
xa coñecidas como A Paz Cuestión de Fondo e os Obxectivos do Milenio, ámbalas dúas
interesantes como apoio de actividades dirixidas á comunidade educativa.
O 2007 en proxectos
Os proxectos de cooperación son a expresión práctica
do noso compromiso co desenvolvemento humano, plasmando en accións concretas e puntuais, unha vontade máis
ampla de transformación e xustiza social. Como cada ano, abrimos unha convocatoria para o financiamento
de proxectos nos países empobrecidos, á cal se poden presentar ONGDs con presenza real en Galicia,
outras entidades vencellas ao ámbito da cooperación ao desenvolvemento, e ONGDs do Sur que conten
cun interlocutor válido e recoñecido ante o Fondo Galego.
As
bases da convocatoria foron presentadas no Consello
Municipalista da Cooperación, órgano de participación sectorial e carácter consultivo
no que están representadas as ONGDs que así o solicitaron, e que foi convocado o pasado oito de febreiro.
Nel estiveron presentes, ademais a Coordinadora Galega de ONGDs e as ONGDs Médicos do Mundo, Intermón-Oxfam,
Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil, Jóvenes del Tercer Mundo, UNICEF, Amigos
da Terra e Solidariedade Galega co Pobo Saharauí.
A convocatoria de proxectos manterase aberta ata o 31 de marzo.
Ao ser o 2007 un ano singular, marcado polas eleccións municipais e a renovación de cargos e representantes,
a convocatoria será resolta entre finais do mes de xullo e principios de setembro, dependendo das datas
de constitución das novas corporacións.
En relación á cooperación directa, que
non se vertebra a través da convocatoria senón de convenios con outras entidades (concellos, deputacións,
Xunta), nesta ano daremos continuidade ao traballo iniciado o ano pasado en Cabo Verde mediante o Plan Operativo
2006-2007, no que colabora a Secretaría Xeral de Relacións Exteriores, así como tamén
abriremos novos escenarios de acción en Cuba, Palestina e Nicaragua.
Información de interese
• Plan
Anual 2007
O borrador do Plan Anual de Cooperación Galega 2007,
elaborado pola Dirección Xeral de Cooperación Exterior, foi presentado nunha reunión cos órganos
de asesoramento e coordinación da cooperación galega, o Consello Galego de Cooperación (CONGACODE)
e a Comisión Interterritorial de Cooperación para o Desenvolvemento (CINTERCODE), nos que está
representado o Fondo Galego.
Para este ano planéase un incremento dun 40% dos fondos
destinados á cooperación, subida que é benvida dende o Fondo Galego, aínda que segue
apremando ao seu progresivo aumento xa que, Galicia aínda non chega nin ao 0,1% dos orzamentos totais adicados
á cooperación. Se temos en conta que a meta fixada para a actual lexislatura é do 0,4% (xa
superada por algunhas Comunidades Autónomas como Castela A Mancha, Baleares, o País Vasco ou Navarra),
faise longo aínda o camiño por percorrer.
• Programa
Municipia
O Fondo Galego participou na xuntanza de presentación
do Programa de Cooperación Municipal Municipia, impulsado pola Axencia Española de Cooperación
Internacional. Nel participarán o Ministerio de Administracións Públicas, a Federación
Española de Municipios e Provincias, e a Confederación de Fondos de Cooperación.
O programa permitirá a realización de accións
conxuntas para mellorar as capacidades institucionais, políticas, sociais e económicas do ámbito
municipal nos países empobrecidos. Os Fondos de Cooperación aportarán a súa experiencia
acumulada e os seus coñecementos técnicos en materia de cooperación municipalista.
• Que
é a Compra Pública Ética?
A compra Pública Ética fai referencia á
introdución nos contratos públicos de obras, servizos e subministros, de criterios sociais, éticos
e medio ambientais. O gasto das administracións públicas equivale a un 18% do PIB da Unión
Europea, o que lles outorga unha destacada responsabilidade á hora de promover unhas relacións económicas
máis xustas Norte-Sur, e un modelo de consumo máis sostible. Os contratos públicos con criterios
de sostenibilidade poden abarcar, por exemplo, dende a promoción do control do gasto enerxético e
a utilización de enerxías limpas, ata a compra de produtos ecolóxicos e/ou aqueles distribuídos
polas redes de comercio xusto (café, textís, etc), que garantan unhas condicións laborais
e humanas dignas, e fomenten o desenvolvementos humano, en contrapartida ás relacións de explotación
que dominan o comercio mundial a día de hoxe.
O reto da sostenibilidade demanda a todos os axentes da sociedade
un esforzo de compromiso importante, que debe traducirse en iniciativas que promovan cambios de comportamento e
consumo, e as administracións locais poden cumprir un importante papel á hora de achegar os debates
sobre a sostenibilidade e o consumo responsable a súa cidadanía.
Axenda
Días 23-24 de febreiro: Encontro Internacional-ART-Gold
Mozambique en Roma, na que participa o Fondo Galego.
Días 3-4 de marzo: Xornadas “A Cooperación galega
e portuguesa en Mozambique”, no Concello de Oleiros, Castelo de S. Antón. Organiza: Axuda en Acción.
Día 9 de marzo: Comisión Executiva en Santiago.
Día 29 de marzo: Asemblea Xeral do Fondo Galego en Santiago,
na sede da FEGAMP.
Día 11 de abril: Asemblea Xeral da Confederación
de Fondos.
Mapa de socios do Fondo Galego
| A Coruña |
Lugo |
Ourense |
Pontevedra |
| Deputación |
Castroverde |
Deputación |
Deputación |
| A Coruña |
Guitiriz |
A Pobra de Trives |
A Cañiza |
| A Pobra do Caramiñal |
Lugo |
A Teixeira |
A Estrada |
| Ames |
Mondoñedo |
Allariz |
A Guarda |
| Arteixo |
Monforte |
Cartelle |
Baiona |
| As Pontes |
Monterroso |
Castrelo de Miño |
Bueu |
| Bergondo |
Samos |
Castrelo do Val |
Caldas de Reis |
| Betanzos |
Sarria |
Entrimo |
Cambados |
| Boiro |
Triacastela |
Gomesende |
Cangas |
| Brión |
Viveiro |
Manzaneda |
Covelo |
| Cabanas |
|
O Barco |
Cuntis |
| Cambre |
|
O Irixo |
Gondomar |
| Carballo |
|
Oimbra |
Lalín |
| Carnota |
|
Ourense |
Moaña |
| Carral |
|
Ribadavia |
Mos |
| Cedeira |
|
San Cibrao das Viñas |
Nigrán |
| Cerceda |
|
Sandiás |
O Porriño |
| Corcubión |
|
Verea |
O Rosal |
| Culleredo |
|
Verín |
Poio |
| Dumbría |
|
Vilardevós |
Pontecesures |
| Fene |
|
Vilar de Santos |
Pontevedra |
| Ferrol |
|
|
Redondela |
| Laxe |
|
|
Rodeiro |
| Lousame |
|
|
Salvaterra de Miño |
| Mugardos |
|
|
Soutomaior |
| Narón |
|
|
Tomiño |
| Neda |
|
|
Valga |
| Noia |
- |
- |
Vigo |
| Oleiros |
- |
- |
Vilagarcía de Arousa |
| Outes |
 |
| Pontedeume |
| Porto do Son |
| Rianxo |
| Ribeira |
| Sada |
| Santiago |
| |
| |
| |
|