Fondo Galego
Fondo Galego

fondogalego.org
info@igadi.org
Tel/Fax: 986 357 238
 
Infórmate a Fondo

VolverNúmero 85 - 26 de decembro de 2005
 
 

Balance 2005: máis cooperación, máis Fondo Galego

Conscientes da importancia do presente ano, por ser o ecuador da lexislatura municipal e por estarmos a dous anos do X Aniversario da constitución do Fondo Galego, comezamos o 2005 fixándonos novos retos e un plan de traballo capaz de fortalecernos en todos os sentidos. Este compromiso co traballo e coa cooperación dos entes locais galegos reflectiuse en varias dimensións: en primeiro lugar, nun considerable aumento do noso tecido asociativo, dando un importante paso cara os 100 socios, fixados no Plan Estratéxico 2003-2007; en segundo lugar, deseñamos e executamos un programa de sensibilización ambicioso e; finalmente, estreitamos relacións entre os diversos actores da cooperación, coas ONGDs, con axencias internacionais, ou impulsamos, como no caso de Portugal, un debate acerca da cooperación descentralizada.


O tecido asociativo do Fondo Galego

Actualmente participan no Fondo Galego un total de 78 concellos e as deputacións de A Coruña, Ourense e Pontevedra. No presente ano incorporáronse 12 concellos: 9 da provincia de Ourense, Castrelo do Val, Entrimo, Manzaneda, Oímbra, Verín, San Cibrao das Viñas, Sandiás, Teixeira e Verea; 2 da provincia de Lugo, Castroverde e Viveiro, establecendo contactos con Monterroso, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, e Cervantes; e 1 na provincia de Pontevedra, Salvaterra de Miño.


Proxectos 2005

Participar cooperando. E para iso, no ano 2005 aprobamos un total de 15 proxectos, afondando na cooperación coas ONGDs, cos nosos parceiros do Sur, e apostando pola África de expresión portuguesa. O Plan de Acción para Cabo Verde, ou a colaboración cos proxectos de formación e capacitación municipal en Perú, expresan ese intento por mellorar a calidade da nosa cooperación e afondar nun modelo que teña en conta a singularidade municipal. Asemade, coordinamos a solidariedade dos concellos galegos coas víctimas do Tsunami a través da conta de emerxencia do Fondo, posibilitando a nosa participación no proxecto Art-Tsunami Sri Lanka, en colaboración coa Confederación de Fondos e o Programa de Nacións Unidas para o Desenvolvemento.


Programa Sensibilización 2005

Dinamizar a Rede Municipalista Solidaria, identificar os camiños posíbeis para afortalala foi un dos eixes do noso traballo en sensibilización, constituíndose a Comisión de Sensibilización que pretende asentar un esforzo máis colectivo e con maior participación na definición dos liñamentos básicos deste traballo, decisivo para gañar máis complicidades para a nosa tarefa.

Cuestións como a paz, a nova axenda do desenvolvemento que son Os Obxectivos do Milenio, as diferenzas entre os homes e mulleres nos distintos países do mundo, estiveron presentes nas tres exposicións que este ano circularon polos concellos socios do Fondo.

Neste senso, o intercambio de experiencias e a constitución dun espazo para o debate foi posible un ano máis coa celebración das Xornadas Anuais da Cooperación, baixo o lema “Retos e oportunidades da cooperación galega”.

Achegarnos á comunidade educativa, incorporar aos nenos e as nenas na visión dun mundo diferente tivo a súa plasmación na II Convocatoria do concurso de redacción “Por un mundo máis xusto faite solidario/a”.

Este ano comezamos a avaliar a nosa cooperación e centrámonos en Nicaragua. Novos temas coma o Codesenvolvemento e outros non tan novos como o xénero foron o eixo de dous seminarios dirixidos á Rede Municipalista Solidaria, a persoal técnico dos concellos, a ONGDS, etc.


Visitas dende o Sur

Este ano tivemos a oportunidade de coñecer as realidades e as experiencias dos protagonistas do Sur. Persoeiros como Frei Betto, Gladys Cáceres de Inprhu Somoto (Nicaragua), Juan Alberto Castillo da comunidade garífuna do Salvador ou o ministro de Xustiza do Pobo Saharauí visitáronos no 2005.


Publicacións

Somos conscientes da importancia da visualización e da difusión do noso traballo, da reflexión permanente sobre os seus perfís e orientacións, a partir dunha premisa básica: os concellos galegos somos solidarios e estamos a impulsar políticas de cooperación propias, cun enfoque baseado no desenvolvemento humano e da importancia das comunidades do sur. Publicamos os novos estatutos do Fondo, a memoria 2004, o Infórmate a Fondo nº 71-85, o Caderno no Fondo nº 3: A Nosa Cooperación; as viñetas A Paz cuestión de Fondo, a Declaración prográmatica do Fondo e a Declaración Institucional do Parlamento de Galicia a propósito dos Obxectivos do Milenio.


Asemblea Xeral de Socios: 2 de febreiro

O día 2 de febreiro de 2006 celebraremos a primeira Asemblea xeral de socios do ano. A importancia do período que se abre é fundamental, a pouco máis dun ano da celebración do X Aniversario.


Cooperación galega

O cambio político na Xunta de Galicia acontecido no mes de xuño materializouse nun acordo de goberno que en cooperación aspira a concretar un incremento considerable dos orzamentos. Neste senso, a directora xeral da Cooperación, Fabiola Sotelo Sotelo, revalidou o compromiso de destinar o 0,4 % dos orzamentos á cooperación exterior, e a asumir un rol activo en relación á coordinación, dinamización e apoio aos actores da cooperación.


Apoio ao comercio xusto

Está a disposición de todos os asociados unha Moción Plenaria de apoio ao comercio xusto. Esta iniciativa, consecuencia do apoio que o Fondo Galego ven de expresar ao programa do “Bo café” que impulsa a ONGD “Amarante”, pode contribuír á formación de cidadáns máis comprometidos coa defensa da produción das comunidades dos países do Sur.


Convocatoria de Proxectos 2006

As bases da convocatoria de proxectos 2006 incluirán como modificación máis salientable en relación a outras anteriores a consideración explícita do codesenvolvemento como un eixe a estimular e tamén o apoio ás organizacións de inmigrantes asentadas en Galicia.


Incremento orzamentario para cooperación no Concello de A Coruña

Dende o Fondo Galego saudamos o notable incremento que o Concello de A Coruña ven de concretar en relación á cooperación internacional. Desde María Pita sinálase un novo camiño para que o municipalismo galego actualice e acompañe o incremento substancial que as principais Administracións públicas están a adoptar nesta materia. Ogallá que o exemplo cunda e o balance final que presentemos en 2007, cando celebremos o noso X aniversario, amose a plena vitalidade non soamente dunha cooperación transformada, senón tamén en si mesma transformada. Sería o mellor indicativo de que o esforzo liderado polo Fondo non cae en saco roto.


Mapa de socios do Fondo Galego

A Coruña Lugo Ourense Pontevedra
Deputación Castroverde Deputación Deputación
A Coruña Guitiriz A Teixeira A Cañiza
A Pobra do Caramiñal Lugo Allariz A Estrada
Ames Mondoñedo Castrelo do Val A Guarda
Arteixo Monforte Entrimo Baiona
As Pontes Samos Manzaneda Bueu
Bergondo Sarria O Barco Caldas de Reis
Betanzos Viveiro O Irixo Cambados
Boiro   Oimbra Cangas
Brión   Ourense Cuntis
Cabanas   Ribadavia Gondomar
Cambre   San Cibrao das Viñas Moaña
Carballo   Sandiás Mos
Carral   Verea Nigrán
Cedeira   Verín O Porriño
Cerceda   Vilar de Santos O Rosal
Culleredo     Poio
Fene     Pontecesures
Ferrol     Pontevedra
Lousame     Redondela
Mugardos     Rodeiro
Narón     Salvaterra de Miño
Neda - - Soutomaior
Noia - - Vigo
Oleiros     Vilagarcía de Arousa
Outes

Mapa de Socios do Fondo Galego-

Pontedeume
Porto do Son
Rianxo
Sada
Santiago
 
 
 
 

 
Descarga o boletín en formato pdf.
 

Números anteriores: 084 / 083 / 082 / 081 / 080 / 079 / 078 / 077 / 076 / 075 / 074 / 073 / 072 / 071 / 070 / 069 / 068 / 067 / 066 / 065 / 064 / 063 / 062 / 061 / 060 / 059 / 058 / 057 / 056 / 055 / 054 / 053 / 052 / 051 / 050 / 049 / 048 / 047 / 046 / 045 / 044 / 043 / 042 / 041 / 040 / 039 / 038 / 037 / 036 / 035 / 034 / 033 / 032 / 031 / 030 / 029 / 028 / 027 / 026 / 025 / 024 / 023 / 022 / 021 / 020 / 019 / 018 / 017 / 016 / 015 / 014 / 013 / 012 / 011 / 010 / 009 / 008 / 007 / 006 / 005 / 004 / 003 / 002 / 001
 
Volver



Fondo Galego
www.fondogalego.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 26/12/2005
Fernando Pol


Subir