|
O codesenvolvemento: unha aposta do municipalismo
solidario galego
O vindeiro 7 de outubro, no Concello de O Porriño, celebramos
o Iº Seminario de Codesenvolvemento co obxecto de estudar a vinculación da cooperación e a inmigración.
A presenza de inmigrantes nos municipios galegos abre un novo
escenario no que é necesaria a busca continua de prácticas políticas e sociais que favorezan
a integración deste colectivo. Os concellos, puntos de encontro e de convivencia, convértense, unha
vez máis, nos actores principais á hora de dar resposta a esta nova situación. A integración
da inmigración e o desenvolvemento están presentes no mundo da solidariedade dende hai anos. Traballar
en proxectos de cooperación cos países de orixe dos inmigrantes e de formación e sensibilización
nos países de acollida, reforzando a integración dos inmigrantes e propiciando o desenvolvemento
na comunidade, xa é unha práctica habitual en moitos lugares.
O codesenvolmento retoma o ideario dos irmanamentos entre os
pobos, á busca de propostas que favorezan as relacións horizontais entre ambos, amigables e solidarias.
Con este seminario, o Fondo Galego pretende contribuír
a xerar debate e opinión en torno a este novo concepto, determinar como o codesenvolvemento contribúe
a potenciar e impulsar a participación cidadá das persoas inmigradas e proporcionar os elementos
teóricos que dean lugar a un mellor coñecemento das prácticas encamiñadas a este novo
xeito de cooperar.
Neste encontro contaremos coa participación de especialistas
que dende hai anos investigan no campo dos movementos migratorios e a cooperación. Abrirá as xornadas,
Papa Sow, doutor en Xeografía Humana, que pertence á Comisión de Migracións e desenvolvemento
do Fons Catalá; continuará Álvaro Benavides, antropólogo colombiano que na actualidade
deseña o Plan de Ordenación de inmigración en Galicia; e Luzia Oca, antropóloga galega,
persoa clave no proceso de integración do/as inmigrantes caboverdiano/as en Burela. Por último, pecharemos
o seminario coa celebración dunha mesa redonda na que participarán diferentes representantes de organizacións
de inmigrantes en Galicia, principais protagonistas deste encontro.
Comeza o curso para a Rede Municipal Solidaria
O 14 de outubro, no Concello de Moaña, iniciamos os encontros
da Rede Municipal Solidaria. Comezamos o novo curso coa ilusión de sempre e coa intención de encamiñar
novas propostas que nos permitan continuar o noso labor de sensibilización iniciado en 2003.
A necesidade de concienciar á cidadanía galega
sobre os problemas e causas das desigualdades, ten centrado os esforzos do Fondo Galego nestes últimos anos.
O labor de sensibilización converteuse na ferramenta idónea para manter un dialogo permanente sobre
os grandes retos da humanidade para construír un mundo máis xusto e solidario.
Á hora de impulsar actividades de divulgación
e sensibilización dirixidas ao conxunto da cidadanía tivemos presente a importancia de elaborar unha
programación global en sintonía coa realidade local e eliximos os municipios como o espacio idóneo
para levar adiante esa tarefa.
Un “Bo Café” para os concellos galegos
A axuda ao desenvolvemento non é a única forma
de comprometerse co desenvolvemento humano e a solidariedade internacional para acadar unhas relacións Norte-Sur
máis xustas. O Programa de Comercio Xusto que ten por nome o “Bo Café”, impulsado en Galicia pola
ONGD Amarante, pon sobre a mesa a importancia do comercio internacional no desenvolvemento das distintas sociedades
e, en consecuencia, o impacto negativo dos seus desequilibrios e desigualdades. O café é un bo exemplo
destas dinámicas: este produto sufriu caídas espectaculares do seu prezo nos últimos anos,
por debaixo incluso do seu custo de producción, e as grandes empresas transnacionais, por mor da inexistencia
de regulación internacional, foron monopolizando a súa transformación e distribución,
o que lles permitiu impor condicións de produción moi desfavorables para as sociedades produtoras,
principalmente América do Sur, América Central, Asia e África.
Un prezo xusto é aquel que incorpora tanto os custos
de produción como as necesidades fundamentais das produtoras e produtores, así como as das súas
familias, e en base a isto se articulan as redes de Comercio Xusto para sensibilizar a nosa sociedade sobre as
inxustizas do comercio internacional e as responsabilidades que temos, individuais e colectivas, como consumidoras
e consumidores.
Nesta liña, o Fondo Galego anima á participación
no Programa do “Bo Café” promovendo o Comercio Xusto no eido local mediante a introdución de café
pagado a prezos xustos nas cafeterías das administracións públicas locais así como
nas máquinas automáticas de produtos quentes. Deste xeito, os concellos terían a oportunidade
de amosar o seu compromiso cun mundo máis xusto e equitativo e servir de ponte para achegar á súa
cidadanía a problemática do comercio internacional para que esta asuma a necesidade de consumir responsablemente.
O “Bo Café” é un exemplo máis do importante papel que poden desempeñar os concellos
como axentes de desenvolvemento.
Visita do presidente do CEPAD-Bolivia
Da man de Devalar, o director de CEPAD, Centro para a participación
e o desenvolvemento sostible, Carlos Hugo Molina Saucedo, visitou a Secretaría Técnica do Fondo Galego
o día 26 de setembro co fin de intercambiar experiencias e estudar a posibilidade de materialización
deste primeiro contacto nun proxecto de colaboración para o vindeiro ano. CEPAD ten como misión promover
o desenvolvemento económico, humano e sostible, afortalar a capacidade de xestión dos procesos de
descentralización local e a participación social. As áreas de traballo prioritarias son as
seguintes: creación e consolidación da Mancomunidade de municipios; afortalamento municipal, afortalamento
da sociedade civil, xestión pública en turismo, descentralización municipal e descentralización
administrativa, distritación, planificación participativa, gobernabilidade, fortalecemento dos pobos
indíxenas, xénero e equidade, etc.
Proxectos 2005: Perú
Perú é o país no que se teñen promovido
máis proxectos dende o Fondo Galego. No período que abrangue do ano 1998 ao 2005 foron executados
un total de 13 proxectos. Cómpre salientar que nas sucesivas convocatorias anuais, é Perú
o país que rexistra un maior volume de proxectos presentados. No presente ano, dos 54 proxectos que concorreron
á convocatoria, 10 enmarcábanse neste país.
No que atinxe á modalidade de cooperación indirecta
foron promovidos proxectos das seguintes ONGDs: INTI, Amigos Escaes-Perú, Paz e Solidariedade, Solidariedade
Galega, Bicis pola Paz, Asociación Labañou Solidaria, Entrepobos e o Departamento de Pediatría
do Hospital 2 de Maio.
Para o presente ano vanse executar tres proxectos. O Fondo Galego
aportará un monto total de 48.699,32 €. CEPRODE desenvolverá a segunda fase do proxecto “Xestión
Municipal e Participación Cidadá no Desenvolvemento Rural”, no que participan autoridades, líderes
e cidadás procedentes de 12 distritos da provincia de Huaral; asemade, apóstase pola dotación
de bicicletas co fin de promover a mellora das condicións de vida das familias labregas das provincias de
San Marcos e Cajabamba, apoiando aos promotores comunitarios destas zonas; e, finalmente, colaborarase co financiamento
das obras de melloras da sección de Pediatría do Hospital 2 de Maio.
En relación aos eidos sectoriais cabe subliñar
unha pequena evolución, pasando da dotación de infraestruturas nun primeiro momento á aposta
por proxectos máis integrais de desenvolvemento como o de CEPRODE ou da capacitación a mulleres da
Asociación Entrepobos.
Mapa de socios do Fondo Galego
| A Coruña |
Lugo |
Ourense |
Pontevedra |
| Deputación |
Guitiriz |
Deputación |
Deputación |
| A Coruña |
Lugo |
A Teixeira |
A Cañiza |
| A Pobra do Caramiñal |
Mondoñedo |
Allariz |
A Estrada |
| Ames |
Monforte |
Castrelo do Val |
A Guarda |
| Arteixo |
Samos |
Entrimo |
Baiona |
| As Pontes |
Sarria |
Manzaneda |
Bueu |
| Bergondo |
Viveiro |
O Barco |
Caldas de Reis |
| Betanzos |
|
O Irixo |
Cambados |
| Boiro |
|
Oimbra |
Cangas |
| Brión |
|
Ourense |
Cuntis |
| Cabanas |
|
Ribadavia |
Gondomar |
| Cambre |
|
San Cibrao das Viñas |
Moaña |
| Carballo |
|
Sandiás |
Mos |
| Carral |
|
Verea |
Nigrán |
| Cedeira |
|
Verín |
O Porriño |
| Cerceda |
|
Vilar de Santos |
O Rosal |
| Culleredo |
|
|
Poio |
| Fene |
|
|
Pontecesures |
| Ferrol |
|
|
Pontevedra |
| Lousame |
|
|
Redondela |
| Mugardos |
|
|
Rodeiro |
| Narón |
- |
- |
Soutomaior |
| Neda |
- |
- |
Vigo |
| Noia |
|
|
Vilagarcía de Arousa |
| Oleiros |
-
|
| Outes |
| Pontedeume |
| Porto do Son |
| Rianxo |
| Sada |
| Santiago |
| |
| |
| |
|