|
Nunha xuntanza celebrada en Santiago que reuniu a representantes
de 18 concellos e unha deputación provincial, realizouse un diagnóstico da situación do programa
“Vacacións en Paz” e iniciouse o estudio de propostas alternativas. Xosé María Permui informou
dos contidos dunha reunión previa mantida coa representación oficial saharauí en Galicia.
Respecto do diagnóstico, varias intervencións dos representantes de varios concellos
presentes, todas elas en boa medida coincidentes, converxeron á hora de significar unha certa desvirtuación
do programa “Vacacións en Paz”, agravada pola escasa implicación dos concellos na organización,
que presenta en numerosos casos serias lagoas, a perda de calado na sociedade, repetición de familias acolledoras
e dos nenos que visitan Galicia, notábeis deficiencias en canto a transparencia tanto nos criterios de selección
como nas frecuentes alteracións das previsións iniciais, a detección de trastornos graves
nas relacións normais entre as familias e as familias dos nenos, etc. Sen ánimo de ser exhaustivo
nos detalles, os problemas que se apuntan reflicten unha situación na que:
• A inmensa maioría dos asistentes valora positivamente
a iniciativa do programa, pero discrepa da súa materialización, esixindo maior participación,
maior transparencia e maior fiscalización da súa xestión.
• Tamén é practicamente unánime a convicción
de que se non se retoma a orixinalidade do programa, a decisión de continuar comprometendo fondos públicos
nestas actuacións debe ser reconsiderada a fondo.
Alfredo Novoa, presidente do Fondo Galego, complementou as informacións
sinalando que estes problemas danse en todo o Estado, como tivo ocasión de comentar e contrastar no Foro
de Autoridades Locais de Portoalegre, reunido nestes días en Málaga.
Respecto das alternativas, proponse:
• A realización dunha nova entrevista coa delegación
saharauí en Galicia na que participen todos aqueles que o desexen a fin de trasladarlle a preocupación
e o malestar existente co funcionamento do programa que debe ser obxecto dun reexame a fondo.
• Trasladar este punto de vista a unha convocatoria que debería
facilitarse a nivel de Estado entre a FEMP e/ou a Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade
e a Representación Saharauí en España.
Ademais, barállase a conveniencia, deixando a salvo a
autonomía de cada quen na respectiva aplicación, de suspender temporalmente o programa, en tanto
non se diluciden garantías suficientes para unha execución transparente.
En calquera caso, debe quedar claro que esa suspensión
non debería afectar ao compromiso orzamentario, de xeito que se nos próximos meses non se introducen
garantías suficientes que avalíen a idoneidade do programa, eses recursos poidan reorientarse a proxectos
de cooperación ou actividades de sensibilización que sigan a expresar a solidariedade de Galicia
e dos galegos cos homes e mulleres dos campamentos saharauís. Non é esa solidariedade o que está
en causa, senón a idoneidade deste programa na súa formulación e execución actual.
|