|
Reuníronse en Vigo convocados polo Fondo Galego de Cooperación
os principais actores da cooperación ao desenvolvemento de Galicia: ONGDs, administracións, partidos
políticos, universidade, etc, co dobre propósito de efectuar unha radiografía e un diagnóstico
do momento da cooperación en Galicia e definir estratexias que poidan favorecer un ritmo de asunción
cívica da importancia destas políticas moito máis acelerado.
Partindo da coincidencia a respecto da febleza da cooperación
galega nun intre en que se adiviñan novos impulsos e oportunidades nos entornos máis próximos
(Unión Europea, Estado, outras comunidades autónomas), o establecemento dun marco legal específico
para a xestión da cooperación en Galicia debe aproveitarse para pisar o acelerador e recoller os
esforzos dos últimos anos.
Nestas xornadas, identificáronse algúns eixes
de actuación que deben servir á cooperación galega para superar os seus desafíos máis
inmediatos. Entre eles, cómpre citar:
• A necesidade de aumentar a cooperación e a coordinación
entre os diferentes actores, transformando a boa vontade actualmente existente en todos eles nun instrumento operativo
que supere a fragmentación do sector.
• A importancia de fortalecer as estructuras de cada un dos
actores, apoiándose mutuamente e buscando as afinidades posibles.
• A necesidade de apostar pola capacitación propia, tanto
no plano da análise e formación de especialistas que, fortalecidas as estructuras, terán oportunidades
para dedicarse á cooperación, como tamén en todo o ciclo vital dos proxectos: identificación,
formulación, execución, avaliación.
• A imperiosa urxencia de actuar sobre os partidos políticos
para mudar o actual estado de cousas, caracterizado pola escasa importancia prestada á cooperación
internacional ao desenvolvemento. Un lobby da cooperación debería actuar sobre todos eles facendo
ver a utilidade da cooperación non soamente nos países receptores da axuda senón tamén
entre a nosa propia cidadanía.
• Nesa perspectiva, cómpre intensificar as iniciativas
de sensibilización social para aumentar a complicidade cívica con estas políticas.
• Por último, ter en conta as prioridades da acción
exterior de Galicia á hora de definir algúns marcos de actuación, ben sexan xeográficos
ou sectoriais.
En suma, os participantes fixeron un dobre chamamento: en primeiro
lugar, á xenerosidade global da sociedade galega; en segundo lugar, aos actores específicos da cooperación
para que sexan capaces de cooperar entre eles mesmos.
Neste primeiro encontro cabe destacar tamén a presencia
de Pedro Krupenski, director executivo da Plataforma de ONGDs de Portugal, quen expuxo aos asistentes a situación
da cooperación en Portugal.
|