|
A Asemblea do Fondo Galego resolveu a convocatoria de proxectos do ano 2000
Reunidos na sede da FEGAMP os diversos representantes das
entidades asociadas, entre os que cómpre citar como asistentes, por vez primeira, ós concellos de
Pontevedra e Cerceda, Anxos Riveiro e Gerardo Barreiro, respectivamente, deuse o visto e prace á proposta
formulada pola Ponencia Técnica e asumida pola Comisión Executiva do Fondo na súa xuntanza
do pasado día 2 de xuño.
¿Que aspectos compre salientar?
En primeiro lugar, o respecto do compromiso formulado hai xa máis dun ano de atender con prioridade os
proxectos a desenvolver en Centroamérica, con especial atención para a reconstrucción da “zona
Mitch”.
En segundo lugar, a incorporación da cooperación directa como ámbito específico
de actuación do propio Fondo, que actuará na dinamización deses proxectos sen intermediación.
As axudas xestionadas a través desta fórmula representan unha terceira parte do total, pero podería
reforzarse coas novas altas de concellos.
En terceiro lugar, a posibilidade de co-financiamento, é dicir, a sinalización de proxectos que
o Fondo dota inicialmente pero coa intención de achegar recursos extraordinarios –mediante derramas– que
permitirán a algunhas entidades optar polo financiamento de proxectos concretos e non simplemente por unha
transferencia económica que vai ter un destino, a priori, indeterminado.
En cuarto lugar, traballar co horizonte de alentar un compromiso dos empregados públicos locais, de xeito
que os milleiros de traballadores da función pública local poidan, a vontade, colaborar no financiamento
dalgún proxecto concreto que o Fondo proporá ás organizacións sindicais representativas
do sector.
Os proxectos que a Asemblea Xeral de asociados decidiu financiar son os seguintes:
1.- Construcción dunha ponte en Guatemala. É un dos proxectos
de cooperación directa. O seu orzamento é de 5.000.000 de pesetas. O Fondo aportará o 50 por
cento e a cantidade restante será aportada por un Concello (Oleiros) a través dunha aportación
extraordinaria. A contraparte é a organización municipalista INCIDE.
2. Reconstrucción de vivendas e cociñas no departamento de Esteli (Nicaragua).
Tamén de cooperación directa. A aportación inicial do Fondo ascende a 1.749.156 pesetas, se
ben asumese este proxecto como a referencia máis importante deste exercicio para lograr un maior compromiso
e complicidade tanto de empregados públicos locais como aportacións extraordinarias de concellos
e deputacións. A contraparte é a Fundación municipalista “Augusto César Sandino”.
3. Do total de quince proxectos presentados polas ONGs, acordouse o financiamento dos seguintes:
3.1. Tratamento sostible do bosque a través de medidas de protección
do medio ambiente tendentes a afortalar a economía da poboación, e en especial, das mulleres.
Desenvolvese en Ecuador coa colaboración de Entrepobos. O importe da axuda ascende a 2.100.000 pesetas.
3.2. Apoio á producción económica dos productores de fabas
nas mesetas de Mirebalais e Cayes, mellorando a calidade de vida dos agricultores. Desenvolvese en Haití
coa colaboración de Intermón. O importe da axuda ascende a 1.500.000 pesetas.
3.3. Instalación dun módulo de ovinos –raza corriedale–, na
zona de Cutervo, garantindo un ordenamento integral que combina a mellora da producción e dos pastos coa
capacitación da poboación. Desenvolvese en Perú coa colaboración de Amigos Escaes.
O importe da axuda ascende a 1.769.955 pesetas.
3.4. Construcción dunha rede de auga potable nun municipio de perto
de 500 habitantes. Desenvolvese en El Salvador coa colaboración de Cosal. O importe da axuda é de
3.139.207 pesetas.
A suma total das axudas comprometidas ascende a máis de 12 millóns que supoñen dobrar os recursos
do ano pasado.
Mesmo pode dicirse que neste exercicio existen posibilidades reais de multiplicar por tres aquela cantidade
(6.754.876 pesetas, exactamente) a través de derramas extraordinarias e outras achegas. Cómpre lembrar
que o salto que se produciu en 1999 en relación a 1998 foi do 72,2 por cento.
Quere isto dicir que, efectivamente, tal como indica o ritmo das altas no Fondo Galego, medra a conciencia e
o compromiso municipalista coa cooperación, pero sen quedarse en palabras, senón apostando por realidades
palpables que deben retornar a nós para dar novos impulsos á sensibilización da nosa cidadanía.
Outros acordos da Asemblea
A Asemblea xeral ratificou as altas dos concellos de A Guarda, Cerceda, O Rosal, Ferrol, Poio, Carral, Redondela,
Soutomaior e Pontevedra.
Na súa alocución, Alfredo Novoa, presidente do Fondo Galego, destacou a importancia de manter o actual
ritmo de actividade que nos permite falar xa desta entidade como referente de primeira magnitude en Galicia para
abordar as políticas de cooperación e solidariedade. O noso norte continúa a ser o “Plano
Estratéxico para o período 1999-2003” que a Comisión Executiva aprobou na súa xuntanza
do 3/11/1999 e que trata de implementarse cada día, por agora, con un resultado que nos corrobora na súa
corrección e utilidade.
Mapa de socios do Fondo Galego
| A Coruña |
Lugo |
Ourense |
Pontevedra |
| A Coruña |
Mondoñedo |
Deputación |
Deputación |
| A Pobra do Caramiñal |
O Valadouro |
Allariz |
A Cañiza |
| Ares |
Quiroga |
Ferrol |
A Guarda |
| Arteixo |
Samos |
Montederramo |
Baiona |
| Betanzos |
|
O Carballiño |
Cangas |
| Brión |
|
O Irixo |
Gondomar |
| Cabanas |
|
Ourense |
Moaña |
| Carral |
|
Vilar de Santos |
Nigrán |
| Cerceda |
|
|
O Rosal |
| Corcubión |
|
|
Poio |
| Culleredo |
- |
- |
Pontevedra |
| Fene |
- |
- |
Redondela |
| Ferrol |
- |
- |
Soutomaior |
| Lousame |
- |
- |
Vigo |
| Mugardos |
|
| Narón |
| Neda |
| Noia |
| Oleiros |
| Outes |
| Pontedeume |
| Porto do Son |
| Santiago |
| Valdoviño |
| Vimianzo |
|