|
A provincia de Pontevedra aposta pola cooperación
As Primeiras Xornadas Provinciais de Cooperación resultaron todo un éxito. En primeiro lugar,
pola asistencia. Participaron representantes, políticos e técnicos, de vintenove concellos da provincia
(dun total de 62). Deles, unicamente catro formaban parte xa do Fondo Galego. En segundo lugar, e sobre todo, éxito
tamén polo nivel de comprensión e sintonía acadado arredor da necesidade de promover a cooperación
internacional como un eixe máis, irrenunciable hoxe en día, da acción pública local.
Na apertura do encontro, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou a intención
de levar a unha próxima sesión plenaria a proposta de integración da cidade do Lérez
no Fondo Galego. Pola súa banda, Rafael Louzán, vicepresidente da Deputación Provincial, salientou
o compromiso desta entidade coa cooperación en xeral, e co Fondo Galego en particular.
A cooperación e a solidariedade son imperativos do noso tempo
A ausencia de última hora de José Ángel Cuerda, ex-alcalde de Vitoria-Gasteiz e ex-presidente
do Fondo Vasco, por problemas de saúde, resultou excelentemente suplida pola presencia de Núria Camps,
directora do Fons Catalá, precisamente o primeiro dos Fondos constituídos no Estado. Núria
realizou unha ampla e amena intervención arredor do porqué cooperar.
Ademais de destacar ese profundo abismo existente entre países ricos e países empobrecidos, que
determina a necesidade de promover accións dende todas as instancias para reducir as desigualdades e desequilibrios,
a directora do Fons Catalá chamou a atención sobre os vencellos que deben existir no mundo da cooperación
para promover un triple compromiso: co desenvolvemento, cos dereitos humanos e coa democracia. Porque, en definitiva,
o subdesenvolvemento non é un problema de boa ou mala sorte, senón estructural e esas estructuras
soamente poderán modificarse con actuacións materiais, pero tamén coa xeración dunha
nova conciencia na que prime un imperativo ético de solidariedade e distribución da riqueza.
Xulio Ríos, director do IGADI (Instituto Galego e Análise e Documentación Internacional)
e membro da Comisión Executiva do Fondo, aportou ás presentes unha visión panorámica
das diferentes posibilidades existentes para que unha entidade local efectivice o seu compromiso coa cooperación.
Unha vez analizado o perfil básico da cooperación descentralizada, tanto nun sentido amplo como
restrinxido, aclarados conceptos como a cooperación subestatal ou non gobernamental, Xulio Ríos afondou
nas orixes, externas e internas, da cooperación municipalista. Así mesmo, analizou os diferentes
niveis de resposta que ó longo destes anos producíronse dende o municipalismo, tanto individualizada
como cooperativamente. Expresadas as virtudes, carencias e hipotecas da cooperación realizada polos concellos,
Xulio destacou os importantes activos que representa a participación nun Fondo de Cooperación, animando
ós presentes a sumarse a esta iniciativa para “realizar o posible intentando o imposible”, como dicía
o escritor francés Henri Barbusse.
Por último, Alfredo Novoa, presidente do Fondo Galego, informou a todos da identidade, proceso de formación,
características e obxectivos desta entidade. Alfredo, que exerce como presidente dende o momento constitutivo,
en 1997, explicou que o Fondo superou a súa primeira etapa, a constituínte, e agora está empeñado
nun proceso de continua expansión, na que máis socios e máis recursos dan conta da receptividade
existente hoxe no ámbito local. Salientou o presidente do Fondo os numerosos apoios recibidos, tanto da
FEGAMP (Federación Galega de Municipios e Provincias)
como de partidos políticos e outros axentes da sociedade civil que comprenden á perfección
que, en efecto, a cooperación con terceiros debe ser tamén practicada entre nós mesmos, para
gañar en eficacia e democratizar o compromiso solidario do conxunto da nosa cidadanía. Alfredo Novoa
destacou tamén o importante papel xogado polos técnicos municipais e, sobre todo, polas asistencias
sociais, para conseguir o medre do compromiso municipalista coa cooperación ó desenvolvemento.
No decurso dos coloquios quedou patente a comuñón de ideas existente entre os partícipes
sobre a importancia de levar adiante activas campañas de sensibilización. A información debe
preceder ó compromiso, información xenérica para gañar en complicidade social coa cooperación,
pero tamén información moi concreta sobre actividades do propio Fondo, para que se avalíe
en maior medida a operatividade destes mecanismos.
Algunhas preguntas a respecto dos proxectos financiados polo Fondo Galego foron detalladas por Lourdes Suárez,
responsable deste tema na Comisión Executiva. Aínda admitindo que con estas aportacións ó
Fondo resultará difícil resolver o problema de fondo do subdesenvolvemento, cabería concluír
que a cooperación, a pesar de todo, resulta necesaria e eficaz para construír comunidades máis
ricas en valores e en dignidade, factores que sen dúbida poden contribuír ó favorecemento
do progreso social en todos os sentidos.
Juan Luís Pedrosa, vicepresidente da Deputación Provincial, clausurou estas Xornadas Provinciais
de Cooperación lembrando a importancia de contribuír, cada quen na medida das súas posibilidades,
á configuración dun mundo máis xusto e solidario.
Mapa de socios do Fondo Galego
| A Coruña |
Lugo |
Ourense |
Pontevedra |
| A Coruña |
Mondoñedo |
Deputación |
Deputación |
| A Pobra do Caramiñal |
O Valadouro |
Allariz |
A Cañiza |
| Ares |
Quiroga |
Montederramo |
A Guarda |
| Arteixo |
Samos |
O Carballiño |
Baiona |
| Betanzos |
|
O Irixo |
Cangas |
| Brión |
|
Ourense |
Gondomar |
| Cabanas |
|
Vilar de Santos |
Moaña |
| Carral |
|
|
Nigrán |
| Corcubión |
|
|
O Rosal |
| Culleredo |
- |
- |
Poio |
| Fene |
- |
- |
Redondela |
| Ferrol |
- |
- |
Soutomaior |
| Lousame |
- |
- |
Vigo |
| Mugardos |
|
| Narón |
| Neda |
| Noia |
| Oleiros |
| Outes |
| Pontedeume |
| Porto do Son |
| Santiago |
| Valdoviño |
| Vimianzo |
|