Fondo Galego
Fondo Galego

fondogalego.org
info@igadi.org
Tel/Fax: 986 357 238
 
Infórmate a Fondo

VolverNúmero 10 / 4 de novembro de 1999
 
 

Sumario


  Nº anteriores
  Estratexias para o período 1999-2003    
nº 009 - 16/10/99
nº 008 - 15/09/99
nº 007 - 01/08/99
nº 006 - 01/07/99
nº 005 - 15/04/99
nº 004 - 01/04/99
nº 003 - 01/03/99
nº 002 - 01/02/99
nº 001 - 15/01/99
1. Afondar na sensibilización dos axentes locais e favorecer a política de adhesións ó Fondo Galego (Fogacoso)
2. Contemplar como área de atención prioritaria a atención ós asociados
3. Potenciación da presencia social do Fondo Galego
4. Promover a extensión do compromiso cooperante a outras administracións públicas e axentes sociais
5. Atracción de maiores recursos económicos
6. Diversificación e dinamización da xestión de proxectos
Mapa de socios do Fondo Galego


Volver ó sumario


Estratexias para o período 1999-2003

Na xuntanza que a Comisión Executiva celebrou o día 3 de novembro, a primeira despois da Asemblea celebrada o 15 de outubro, presentouse, debatiuse e aprobouse o PROGRAMA DE ACTUACIÓN que define as estratexias do Fondo Galego para o período 1999-2003.

O noso punto de partida actual evidencia que o Fondo Galego está a botar raíces no municipalismo, afianzándose cada vez máis como unha referencia dinámica das políticas públicas de cooperación e solidariedade.

Sobre estas premisas, cómpre definir como obxectivos elementais do novo período:

  • Incrementar substancialmente a base asociativa en termos absolutos e relativos, é dicir, aumentando o número efectivo de socios e igualmente o soporte demográfico do Fondo, de xeito que o seu ámbito de influencia abarque á maioría dos cidadáns de Galicia.

  • Convertirse nunha referencia pública e social das políticas municipalistas de cooperación e solidariedade, de forma que, dende os concellos, as deputacións, ata outros organismos da vida pública, se instale unha práctica lexitimadora do Fondo como unha institución a ter en conta porque se gañou a pulso unha posición de respecto e de primeira liña neste ámbito, porque é digna de confianza.

Non será posible a culminación progresiva destes obxectivos (que son instrumentais para a realización dos nosos cometidos fundacionais) sen un eficaz desenvolvemento de actividades, tanto en materia de sensibilización como de xestión de proxectos.


As liñas de traballo para o novo período podiamos resumilas nas seguintes propostas de intervención:


Volver ó sumario


1. Afondar na sensibilización dos axentes locais e favorecer a política de adhesións ó Fondo Galego (Fogacoso)

Como eixes concretos de actuación debemos sinalar:

  • Proseguir e reforzar a nosa política nesta materia, utilizando tácticas informativas indiscriminadas e selectivas, é dicir, procurando achegarnos de maneira global e indiferenciada a todos os concellos e deputacións non membros, pero tamén mantendo esa política de tratamento individualizado que tan excelentes resultados nos proporcionou ata hoxe.

  • Establecer, dado o elevado número de entidades locais que aínda están pendentes de adhesión, criterios de selección que faciliten a captación de socios. Debemos culminar o capítulo das deputacións e dos concellos máis grandes, e prestar unha maior atención ás mancomunidades de municipios pois a través da súa presidencia podemos multiplicar sensiblemente o efecto do noso traballo.

  • Planificar, en especial coas deputacións que xa están asociadas, a celebración de sesións informativas sobre “A xestión da solidariedade e o Fondo Galego”, aproveitando a capacidade de convocatoria dos entes provinciais.


Volver ó sumario


2. Contemplar como área de atención prioritaria a atención ós asociados

Este é un capitulo da nosa actividade que debemos atender e perfeccionar en maior medida. O papel do asociado debe ser e será máis valorado. Cómpre fuxir da súa simple consideración como un mero aportante de recursos económicos. A priorización da política de adhesións ou de financiamento de proxectos en ningún caso debe conlevar a ausencia de actuacións que faciliten unha ampla participación dos socios nas actividades do Fondo e unha maior cohesión que facilite o éxito da nosa intervención. A tal efecto, propóñense os seguintes obxectivos operativos:

  • Proseguir coa publicación da folla “Infórmate a Fondo”, solicitando a colaboración das entidades asociadas para facer chegar a edición a todos os membros da Corporación e entidades potencialmente interesadas (centro de información xuvenil, ONGs locais, etc).

  • Facilitar ós gobernos municipais os medios para que poidan informar ós seus cidadáns do destino dos recursos económicos e das actividades do Fondo. É o momento oportuno para pensar na edición anual dunha pequena revista para informar dos proxectos financiados (custe, memoria, financiamento, execución, fotografías, etc). Igualmente, cómpre asumir o compromiso de efectuar unha visita anual a cada entidade asociada para establecer un diálogo directo e fluído entre os responsables municipais e do Fondo Galego.

  • Mellorar a nosa capacidade de resposta en temas de actualidade procurando chegar rapidamente con información e alternativas que permitan ós concellos situarse á altura das necesidades e esixencias da comunidade e secundar adecuadamente as peticións das ONGs locais.

  • Reforzar, en definitiva, a capacidade asesora do Fondo de xeito que se convirta nunha referencia obrigada e solvente nesta materia.

  • Organizar e ofertar actividades, tanto de carácter xenérico (de sensibilización) como concreto (axuda a Guatemala, por exemplo) e mesmo aproveitar a nosa base asociativa para funcionar en rede, tal e como xa fixemos coa exposición.

  • A oferta de programación de actividades formativas, tanto para o persoal técnico como para os responsables políticos, constitúe outra variable a ter en conta que podiamos abordar na segunda metade deste mandato.

Estas actuacións permitirán unha maior dinamización dos comportamentos cooperantes e solidarios no seo do municipalismo e da cidadanía.


Volver ó sumario


3. Potenciación da presencia social do Fondo Galego

O Fondo Galego ainda é moi descoñecido. Saír dese anonimato, difundir e animar os nosos obxectivos e apoiar os procesos de vertebración da cooperación en Galicia esixe:

  • Perfeccionar aqueles mecanismos que nos poden permitir reforzar a nosa presencia social, especialmente no medio municipalista insistindo e perseverando na liña iniciada coa revista da FEGAMP (Territorios) pero abríndose tamén ós medios de comunicación xeral (prensa, radio, televisión) buscando a proxección pública da nosa actividade tanto a nivel global como local.

  • Negociar cos medios a posibilidade de insertar publicidade.

  • Promover proxectos-piloto que permitan acadar ese elevado nivel de implicación social que transcenda as limitadas fronteiras do propio municipalismo (xornalistas, escritores, etc).


Volver ó sumario


4. Promover a extensión do compromiso cooperante a outras administracións públicas e axentes sociais

  • A nosa actual dimensión representativa permítenos xa formalizar un diálogo directo coa Xunta de Galicia, principalmente a través da Dirección Xeral de Relacións Institucionais (fundamentalmente para desenvolver campañas de sensibilización en Galicia) e da Secretaría Xeral para as Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior (a fin de explorar as posibilidades de cooperación a través da AECI).

  • Cómpre establecer mecanismos de contacto cos sindicatos da función pública local, especialmente para recabar a súa complicidade na mobilización do persoal en campañas de resposta a situacións de emerxencia e fomentar a súa sensibilidade en relación a estas políticas.

  • Afondar no diálogo coas ONGs e equilibrar a súa implicación activa nas actuacións do Fondo Galego (por exemplo, nas campañas de divulgación) co desenvolvemento de proxectos de interese común especialmente en materia de documentación e formación.


Volver ó sumario


5. Atracción de maiores recursos económicos

O novo sistema de cuotas mínimas aprobado na Asemblea xeral do 15/O vainos permitir unha certa racionalización pero tamén un lixeiro incremento das aportacións. Aínda así, son moi reducidos se os comparamos cos orzamentos xestionados por outros Fondos semellantes. Cómpre actuar a varios niveis:

  • Os concellos con prácticas de cooperación máis consolidadas (por experiencia e presuposto) deberían reflexionar sobre a posibilidade de incrementar progresivamente a súa aportación de xeito que ó final deste período un minimo do 50% desa partida sexa xestionada polo Fondo Galego. Este exemplo podería estimular as aportacións dos que se incorporan ex novo á cooperación, ademais de culminar definitivamente o proceso de asentamento do Fondo.

  • Iniciar unha política de diálogo coa Administración autonómica que permita a transferencia de recursos, en especial para programas de sensibilización cidadá.

  • Incentivar a participación económica dos particulares, en especial dos empregados públicos locais e dos propios corporativos, tanto para o financiamento de programas globais de emerxencia como de proxectos concretos.

  • Favorecer a participación de entidades financeiras a través da transferencia de recursos da súa Obra Social.

  • Contemplar puntualmente a participación de outras entidades, en especial das empresas relacionadas coa actividade económica local.


Volver ó sumario


6. Diversificación e dinamización da xestión de proxectos

  • Diferenciar as actuacións en Galicia en materia de sensibilización, daquelas relacionadas cos proxectos de cooperación ó desenvolvemento a executar no exterior, efectuando unha convocatoria distinta para cada caso.

  • Valorar máis o ámbito territorial da Oficina de Seguemento en Centroamérica, Caribe e México á hora de decidir sobre o financiamento de proxectos en América Latina, habida conta que deste xeito facilitamos a súa avaliación contrastada.

  • Incorporar ámbitos xeográficos máis relacionados coas dimensións da proxección exterior de Galicia.

  • Combinar a actuación sistemática a curto e medio prazo coa resposta ás situacións de emerxencia.

  • Considerar, chegado o caso, a conveniencia de impulsar algún proxecto piloto de xestión directa.


Volver ó sumario


Mapa de socios do Fondo Galego


A Coruña Lugo Ourense Pontevedra
A Coruña Mondoñedo Deputación Deputación
A Pobra do Caramiñal O Valadouro Allariz A Cañiza
Ares Quiroga Montederramo Baiona
Arteixo Samos O Carballiño Cangas
Betanzos   O Irixo Gondomar
Brión   Ourense Moaña
Cabanas   Vilar de Santos Nigrán
Corcubión     Vigo
Culleredo  
Fene Mapa de socios do Fondo Galego
Lousame
Mugardos
Narón
Neda
Noia
Oleiros
Outes
Pontedeume
Porto do Son
Santiago
Valdoviño
Vimianzo

 
Volver



Fondo Galego
www.fondogalego.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 27/08/2007
Fernando Pol


Subir