|
15 de outubro, Asemblea Xeral
Tal como xa foi anunciado, a Asemblea Xeral de socios do Fondo Galego reunirase o próximo día
15 de outubro na sede da FEGAMP, en Santiago de Compostela. A razón fundamental desta convocatoria extraordinaria
estriba na necesidade de configurar unha nova Comisión Executiva que prolongará o seu mandato durante
os próximos catro anos. Esa nova dirección do Fondo Galego debe dar resposta ademais a esa maior
pluralidade, territorial e política, xurdida como consecuencia da expansión do Fondo que en ano e
medio multiplicou por catro a súa base asociativa.
Reunida o 14 de setembro, a Comisión Executiva en funcións realizou un chamamento á participación
nesta Asemblea de todas as entidades locais asociadas para asegurar o maior respaldo posible para esa nova dirección
que deberá afrontar o reto da consolidación do Fondo nos próximos anos e asegurar unha maior
transcendencia social das súas actividades.
Proposta de novas cuotas
Igualmente, a Asemblea do 15 de outubro deberá decidir sobre a proposta de establecemento de novas cuotas
mínimas. Dende o momento fundacional esas cuotas mínimas establecéronse a razón de
cantidades fixas en función dun baremo por número de habitantes. Con independencia das contías
concretas, o resultado era bastante inxusto pois beneficiaba ós concellos grandes e medianos, prexudicando
ós máis pequenos. Concellos de entre 1.000 e 5.000 habitantes abonan hoxe unha cuota de 50.000 pta
que en moitas ocasións chega a superar o 0,7%, do que están moi alonxados algunhas entidades locais
de maior capacidade económica.
A nova proposta de cuotas mínimas pretende establecer un sistema máis progresivo, equitativo e
xusto mediante a diferenciación de dúas compoñentes: unha fixa e outra variable. A fixa concretaríase
en diferentes seccións seguindo o anterior mecanismo de franxas de número de habitantes. A variable,
equipararía a todos os asociados sobre a base dunha aportación de dúas pesetas por habitante
empadroado. O Padrón de referencia sería sempre o vixente no ano de liquidación.
O efecto inmediato deste sistema sería a reducción das cuotas mínimas dos concellos máis
pequenos que están a soportar un esforzo considerable. En parello, manteria no esencial a aportación
do grupo de concellos medianos, con lixeiras variacións á alza, e incrementaría as aportacións
dos grandes concellos, hoxe realmente moi baixa en atención á súa capacidade e compromiso.
Fora deste esquema quedarían as deputacións, de xeito que a considerable diferencia de habitantes
entre Lugo e Ourense e Pontevedra e a A Coruña reflexaríase tamén nunha diferente cuota cunha
diferencia de cincocentas mil pesetas.
O novo sistema de cuotas mínimas adáptase en mellor medida ás características da
vida local galega e aporta, sen dúbida, novos argumentos para facilitar a comprensión da nosa cidadanía
sobre a necesidade de implicarse en accións de cooperación ó desenvolvemento e a insignificancia
da transcendencia económica dese compromiso (¡¡2 pta por habitante/ano!!).
VII Encontro pola Cooperación e a Solidariedade con La Habana
O próximo día 16 de novembro a cidade de La Habana celebrará o 480 aniversario da súa
fundación. Os días 15 e 16 de novembro realizarase na capital cubana a IX Cimeira Iberoamericana
de Xefes de Estado e de Gobernos, que constituirá un paso máis no fortalecemento da amizade e a cooperación
entre os nosos pobos. Neste contexto, a Asemblea Provincial do Poder Popular convoca ó VII Encontro pola
Cooperación e a Solidariedade dos Concellos Iberoamericanos coa cidade de La Habana, do 18 ó 20 de
novembro de 1999.
Son moitos os concellos de Galicia que manteñen relacións de cooperación e intercambio
coa illa caribeña. Pode ser esta unha excelente oportunidade para afondar no intercambio de experiencias
entre as autoridades locais dunha e doutra banda do océano e reflexionar sobre o novo rol do municipalismo
nos tempos da globalización.
O comité organizador dá a benvida a todos os asistentes e asegura a todos a tradicional hospitalidade
do pobo cubano. Os interesados en asistir ou recabar máis información poden contactar con Francisco
Israel García Pérez no Centro Municipal de Formación “Isaac Díaz Pardo”, en Oleiros,
teléfono: 981 631706.
Culminar as novas designacións
Os Estatutos do Fondo Galego prevén con claridade que o Concello pode designar en calquer momento o seu
representante, pero resulta en todo caso obrigado despois da celebración de novos comicios municipais. Numerosos
asociados xa o fixeron, pero aínda quedan algúns rezagados. É especialmente importante que
o proceso de novas designacións culmine antes da Asemblea do 15 de outubro para pechar esta breve transición
inaugurada coas eleccións locais celebradas o 13 de xuño.
Informe sobre os proxectos financiados polo Fondo
Na Asemblea do día 15 de outubro darase conta tamén do nivel de realización dos proxectos
financiados polo Fondo Galego e relativos ó exercicio de 1998. O informe pretende recabar información
de primeira man das organizacións non gobernamentais adxudicatarias, que será complementada coas
achegas que se nos poidan enviar dende a Oficina de Seguemento de Managua (Nicaragua). O seu persoal ten previsto
visitar as zonas de traballo para comprobar in situ a marcha dos proxectos.
Mapa de socios do Fondo Galego
| A Coruña |
Lugo |
Ourense |
Pontevedra |
| A Coruña |
Mondoñedo |
Allariz |
Deputación |
| A Pobra do Caramiñal |
O Valadouro |
Montederramo |
A Cañiza |
| Ares |
Quiroga |
O Carballiño |
Baiona |
| Arteixo |
Samos |
O Irixo |
Cangas |
| Betanzos |
|
Ourense |
Gondomar |
| Brión |
|
Vilar de Santos |
Moaña |
| Cabanas |
|
|
Nigrán |
| Corcubión |
|
|
Vigo |
| Culleredo |
|
| Fene |
 |
| Lousame |
| Mugardos |
| Narón |
| Neda |
| Noia |
| Oleiros |
| Outes |
| Pontedeume |
| Porto do Son |
| Santiago |
| Valdoviño |
| Vimianzo |
|