|
Convocatoria de axudas para 1999
A Comisión Executiva do Fondo Galego, en reunión celebrada o 27 de xaneiro, acordou facer pública
a convocatoria de proxectos para 1999, que non presenta variacións substanciais ó respecto da xa
aprobada en 1998.
O prazo para a presentación de solicitudes remata o 3 de marzo de 1999. A intención do Fondo Galego
é resolvela na Asemblea ordinaria de socios a celebrar o 26 de marzo en Santiago de Compostela.
Máis información no teléfono 986 357238.
Terremoto en Colombia
Non repostos aínda dos efectos do furacán Mitch, unha nova catástrofe humanitaria con milleiros
de afectados asola agora Colombia. Cinco dos 12 municipios da provincia do Quindío, entre eles, a súa
capital Armenia, están totalmente destrozados. Un terremoto de 6.2 grados na escala Ritcher devastou as
principais capitais cafetaleiras de Colombia.
O Fondo Galego pon á disposición de todos os concellos os seus medios para canalizar a axuda directa
ós damnificados. A nosa conta é a seguinte: CaixaGalicia Fene: 2091-0209-16-3040016786.
Pregamos ás Corporacións Locais e Provinciais que canalicen as axudas propias, dos seus corporativos,
dos seus funcionarios e traballadores, a través desta conta. Deste xeito evitaremos a dispersión
de recursos, facilitaremos a entrega directa e máis rápida e reforzaremos o Fondo Galego como instrumento
de referencia na vida municipal para impulsar as accións de solidariedade. ¡Unámonos para ser
máis eficaces alí onde se precisa a nosa axuda!
Liña especial de axuda para Centroamérica
Como consecuencia dos danos ocasionados polo furacán Mitch, o Fondo Galego habilitou unha liña
de axuda extraordinaria para o financiamento directo de proxectos a partir da avaliación de necesidades
realizada pola oficina de Managua da Confederación de Fondos.
As xestións realizadas con varias empresas relacionadas cos servicios públicos locais van por
bo camiño e a mediados do mes de febreiro cifrarase a contía exacta do recaudado e a determinación
do proxecto ou proxectos a que serán destiñados os devanditos recursos, aportados única e
exclusivamente por entidades privadas colaboradoras.
Apoio dos partidos políticos ó Fondo Galego
Tanto o Bloque Nacionalista Galego coma o Partido Socialista de Galicia-PSOE confirmaron xa a inclusión,
no seu Programa Marco para as vindeiras eleccións municipais, da aposta polo Fondo Galego de Cooperación
e Solidariedade como mecanismo idóneo para robustecer as políticas humanitarias do municipalismo
galego. Agárdase que nas próximas semanas outras forzas políticas con representación
na vida local e forte presencia no propio Fondo expliciten publicamente un compromiso en termos semellantes.
A Confederación de Fondos, en galego
Contamos xa cunha edición propia, en galego, das informacións básicas relativas á
Confederación de Fondos do Estado Español, plataforma na que está integrado o Fondo Galego,
xunto ó Catalá, Basco, Mallorquí, Menorquí e Valenciá.
En detalle, no conxunto e individualmente, dase conta das actividades, proxectos, características e historia
de todos e cada un dos Fondos.
Solicita o envío dun exemplar no teléfono: 986 357238.
Asemblea ordinaria de socios o 26 de marzo
Será ás once da mañán en Santiago de Compostela, na sede da FEGAMP. A ela poderán
asistir todos os socios, con dereito de voz e voto, pero igualmente poden enviar representantes todos os concellos
e deputacións interesados en coñecer máis en profundidade o funcionamento do Fondo Galego
e, moi especialmente, todos aqueles que na actualidade atópanse en proceso de adhesión. Así
o decidiu a Comisión Executiva.
A orde de temas a tratar nesta reunión que, dada a próxima celebración das eleccións
municipais pode ser a derradeira Asemblea desta primeira andaina do Fondo Galego, inclúe:
• Memoria de Xestión da Comisión Executiva.
• Ratificación de Altas.
• Estado de contas e Presuposto para 1999.
• Elección da Comisión Executiva.
• Pronunciamento sobre a convocatoria de proxectos para 1999.
• Resolución sobre as liñas de traballo para 1999.
Gracias pola súa confianza
O escritor galego Antón Cortizas dona os dereitos de autor da súa última obra ó Fondo
Galego
Antón CORTIZAS (Ferrol, 1954), mestre de profesión, é un dos máis acreditados e
premiados autores da literatura infantil e xuvenil galega. Desde que en 1986 obtivo o “Premio Curuxa de Humor”
de Fene polo seu relato “A media muller” ata a novela “Leonel” (1996), que Xerais publicou na súa colección
“Fóra de Xogo”, Cortizas leva publicado máis dunha decena de libros, sempre con grande acollida por
parte dos lectores máis novos. Obtivo o “Premio Barco de Vapor” en tres ocasións: no 88, con “Memorias
dun río”; no 91, con “O conto dos sete medos”; e, recentemente, no 95, con “Os gritos das illas Lobeiras”.
As súas obras están traducidas a diversas linguas e algunhas delas, “Xiganano ¿onde estás?”
(1990), “O lapis de Rosalía” (1992), “A bruxa sen curuxa” (1993), “O merlo de ferro” (1995), e “Historias
e algún percance todas ditas en romance” (1996), están consideradas como as máis importantes
da nosa literatura infantil.
|