|
Creado o Consello Municipalista da Cooperación
O pasado día 17 de decembro constituiuse o Consello Municipalista da Cooperación, un órgano
consultivo que reforzará a acción do Fondo Galego e fará posible unha maior participación
das ONGs na definición da súa estratexia. Participan neste Consello as seguintes ONGs: Fundación
Juan Ciudad, Cruz Vermella, Intermón, Entrepobos, Xóvenes do Terceiro Mundo, INTI e Fundación
Meniños. Ata o 31 de xaneiro emitirán o seu parecer sobre as Bases da Convocatoria de Proxectos para
1999 e o proxecto de Regulamento Interno do Consello. Todas aquelas ONGs que desexen participar neste organismo
deben solicitalo expresamente ó Fondo.
O Fondo na Rede
Agora podes sabelo todo sobre o Fondo Galego a través da rede Internet. Tanto na web da FEGAMP (http://www.fegamp.es) como do IGADI (http://www.iaga.com/igadi/)
atoparás información sobre o proceso constitutivo e as principais características do Fondo
Galego (socios, estructura, declaración programática, obxectivos). Así mesmo pode coñecerse
o perfil dos outros fondos existentes no Estado.
Pronunciamento dos partidos
Ante a proximidade das eleccións municipais, a Comisión Executiva decidiu trasladar ós
principais partidos con representación no ámbito local unha petición para que, nos respectivos
programas-marco, todos inclúan o compromiso de apoio ás políticas de cooperación e
solidariedade e, máis en concreto, de impulsar a adhesión ó Fondo Galego de todas aquelas
entidades nas que cheguen a estar presentes.
Convocatoria de proxectos de 1998
Superada a incertidume provocada pola incidencia do furacán Mitch na viabilidade dalgúns proxectos,
a Comisión Executiva do Fondo Galego, en sesión celebrada o 23 de decembro, confirmou o financiamento
dos seguintes proxectos:
| Proxecto |
ONG |
Importe
|
| Casa de Acollida para menores en alto risco social |
Arquitectos sen fronteiras |
2.336.565
|
| Instalación de auga potable |
Amigos-Escaes Perú |
750.000
|
| Módulos para servicios hixiénicos e lavandería |
INTI |
836.000
|
Dossier do Fondo Galego
A Comisión Executiva pon a disposición dos interesados un Dossier explicativo que inclúe:
antecedentes, declaración programática, acta de constitución, estatutos, rexistro e visado,
baremo de cuotas, acordo de colaboración FEGAMP-Fondo Galego, declaración de apoio da Confederación
de Fondos, datos sobre a estructura interna e socios, felicitación do presidente da Xunta de Galicia, modelo
de bando redactado polo presidente do Consello da Cultura Galega. Ademais de reseñas de prensa, apórtase
un modelo de acordo plenario para facilitar a adhesión.
Exposición: ¿Solidariedade? ¡a fondo!
A través dun percorrido por diferentes paneis, esta exposición pretende dar a coñecer á
cidadanía a identidade, natureza e obxectivos do Fondo. Milleiros de persoas a visitaron xa en “Voz Natura”
e nos concellos de Nigrán, Oleiros, Allariz, Fene, Porto do Son, Lousame, A Pobra do Caramiñal, entre
outros. O Fondo facilita gratuitamente a exposición e un tríptico explicativo a todas as entidades
locais que estén interesadas en poñela en circulación. Unha ampla aproximación ó
seu contido e aspecto pode realizarse visitándoa en Internet: http://www.iaga.com/igadi/.
Centroamérica: A crise do Mitch
Houbo unha importante resposta municipalista en Galicia en relación á crise humanitaria provocada
polo paso do furacán Mitch en Centroamérica. En moitos concellos os corporativos destinaban parte
das súas retribucións para contribuír ó financiamento urxente de proxectos na zona.
Igualmente foron moitas as entidades que se implicaron a fondo na organización de festivais e outras actividades
orientadas á obtención de recursos para facilitar unha pronta recuperación económica
e social nas poboacións afectadas. O Fondo Galego realiza xestións con varias empresas para dotar
adecuadamente esa liña especial de axuda, que decidiu crear para manter unha acción tan prolongada
como sexa necesaria para que a reconstrucción contribúa tamén á erradicación
da pobreza e o subdesenvolvemento.
“Somos moitos, pero podemos ser máis”
“Nun ano de actividade, o Fondo Galego superou o 10% de representatividade do conxunto das entidades locais
abarcando a máis do 33% da poboación total da Comunidade Autónoma”, asegurou Alfredo Novoa,
presidente do Fondo, á hora de facer balance do exercicio. O número de socios ascende a 32 e as expectativas
para 1999 consisten en duplicar esta cifra.
|