|
Que é? / Antecedentes
Introdución
A primeira plasmación pública desta iniciativa, impulsada polo IGADI, produciuse
o 30 de novembro de 1996. En Nigrán (Pontevedra) celebrouse un encontro auspiciado polo IGADI e co apoio
do Concello de Nigrán, da FEGAMP, da FEMP, da Consellería de Relacións Institucionais da Xunta
de Galicia e da Oficina de Información de Nacións Unidas en Madrid, para establecer un diálogo
entre Concellos e ONGs acerca da cooperación descentralizada. Nese encontro, que viña avalado por
un traballo previo de investigación sobre o estado das políticas de cooperación da Administración
local de Galicia, chegouse á unánime conclusión da necesidade de dar pasos adiante cara a
constitución dun Fondo Galego.
O seguinte paso consistiu na creación dunha comisión mixta FEGAMP-IGADI para
fixar unha estratexia de cara ó proceso de constitución desa entidade. Elaborouse primeiro unha ponencia
titulada "Poder local e cooperación internacional" que é publicada en forma de folleto
e distribuída a todos os Concellos, Deputacións e ONGs de Galicia. Nela delimítase o perfil
da cooperación descentralizada en Galicia e defínense os contidos elementais do que podería
ser un Fondo Galego. Tamén se publicaron varios artigos nos medios de comunicación e fixeronse intervencións
en varias emisoras de radio, abrindo novos espacios á sensibilización para provocar certo debate
social e unha presencia desta problemática a niveis máis amplos.
Despois de varios contactos e reunións, asumido global e plenamente o proxecto pola
FEGAMP, decídese convocar un novo encontro, esta vez soamente para representantes do poder local, para coñecer
as experiencias de funcionamento doutros Fondos. Esta reunión celebrouse o 30 de maio de 1997 e nela participaron
representantes do Euskal Fondoa, do Fons Mallorquí e da sección de Solidariedade Internacional da
FEMP. O éxito desta reunión provoca unha aceleración dos acontecementos.
Rápidamente procedeuse á elaboración dunha proposta de declaración
programática e de estatutos que se someten a consulta dos Concellos que viñan participando no proceso
fundacional, tamén da propia FEGAMP, da FEMP, e dos diferentes Fondos existentes en España. Recollidas
as suxestións, o día 27 de xuño reúnense en Santiago de Compostela, nas dependencias
da EGAP, representantes de diferentes Concellos que proceden á súa aprobación. Unha vez asinados,
presentaronse no correspondente Rexistro da Xunta de Galicia para o seu visado.
Na xuntanza celebrada nas dependencias da FEGAMP en Santiago de Compostela o 12 de decembro
de 1997, ademais de aprobarse o baremo de cuotas mínimas iniciais, elixiuse a Comisión Executiva
que quedou conformada da seguinte maneira:
Presidente: Concello de Oleiros-Alfredo Novoa Gil.
Vicepresidente: Concello de Allariz-Anxo Manuel Quintana González.
Secretario: Concello de Nigrán-José M. Rial Cadaval.
Tesoureiro: Concello de Fene-Xosé Mª Permuy Martínez.
Vocal 1: Concello de Moaña-Cándido Pena Vieitez.
Vocal 2: Concello de Culleredo-Lourdes Suárez Sánchez.
Vocal 3: Concello de Porto do Son-Carme Varela Donoso.
Vocal 4: Concello de A Pobra do Caramiñal-Concepción Daporta Méndez.
Vocal 5: IGADI-Xulio Ríos Paredes.
Dúas conclusións interesa destacar. En primeiro lugar, que dende o comezo
do proceso, procurouse manter informado e integrar a todos os Concellos e Deputacións que tivesen interese
na conformación do Fondo, sen marxinación de ningún tipo, aceptando a marxe de disposición
libremente decidida por cada quen. En segundo lugar, a primacía do consenso, do respecto á pluralidade
local, para que a solidariedade e a cooperación contribúa a cimentar un novo espacio común
do municipalismo galego.
|