|
Capítulo Primeiro: da Asociación en xeral
Artigo 1º
Coa denominación “Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade” constitúese unha asociación
sen animo de lucro, con personalidade xurídica propia e independente, plena capacidade xurídica e
de obrar.
A Asociación rexerase polos presentes estatutos, polos regulamentos de réxime interior que se
dicten, pola Lei Orgánica 1/2002, del 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación e pola demais
lexislación existente en materia de asociacións que lle sexa aplicable.
Artigo 2º
O obxecto fundamental desta Asociación consiste en configurar un instrumento legal que permita a confluencia
e a asociación das vontades libremente expresadas polos seus asociados para desenvolver unha eficaz política
de cooperación e de solidariedade dos/as cidadáns dos concellos e provincias de Galicia cos pobos
subdesenvolvidos.
En concreto, son finalidades desta Asociación, as seguintes:
a) Contribuír desde o ámbito galego ó desenvolvemento dos países do Terceiro Mundo
mediante a constitución, administración e xestión dun fondo económico que se constituirá
a partir das aportacións das entidades asociadas e outras achegas que puidera recibir.
b) A promoción, financiamento e xestión de proxectos e programas de desenvolvemento económico
e social e/ou de sensibilización.
c) Posibilitar unha maior participación das entidades locais nas políticas de cooperación
e de solidariedade potenciando a coordinación das mesmas.
d) Asesorar ás entidades locais en materia de cooperación ó desenvolvemento e de relacións
internacionais.
e) Impulsar a participación da opinión pública e da cidadanía co obxecto de favorecer
unha maior comprensión da realidade dos países do Sur, da necesidade dun compromiso ético
na loita contra as desigualdades e a prol do establecemento dunha nova orde económica internacional que
erradique a pobreza da face do planeta.
f) Apoiar e xestionar no seu caso, proxectos e programas que promovan un desenvolvemento sostible nos países
en vías de desenvolvemento, con criterios de igualdade, de mutua colaboración e respecto ás
culturas e ás identidades propias de cada comunidade.
g) Fomentar as relacións e a colaboración das entidades locais coas ONGs, colectivos de solidariedade
e outras institucións ou organismos que compartan idénticos fins, promovendo un intercambio permanente
de experiencias.
h) Procurar que progresivamente todas as institucións públicas e privadas que formalicen o seu
compromiso con políticas de cooperación ó desenvolvemento destinen un mínimo do 0.7%
dos seus respectivos presupostos para este fin.
i) Crear un Centro de documentación, información e formación que fundamente e proporcione
a debida coherencia ás políticas de sensibilización e de cooperación a impulsar dende
esta Asociación, fomentando o estudio e a investigación en materia de cooperación para o desenvolvemento.
k) Orientar as políticas de formación de persoal, de capacitación e de profesionalización
desde a perspectiva da cooperación descentralizada.
l) Realizar calquera outro obxectivo compatible coas finalidades do Fondo e non sexa contrario á normativa
legal vixente en cada momento.
Artigo 3º
Para o cumprimento dos seus obxectivos e fins descritos no artigo anterior, a Asociación realizará
as seguintes actividades:
a) Organización de actividades de sensibilización social en materia de cooperación ao desenvolvemento.
b) Deseño, programación e realización de actividades de formación en materia de
cooperación ao desenvolvemento dirixidas a funcionarios da administración local e provincial.
c) Identificación de proxectos de cooperación ao desenvolvemento.
d) Xestión de proxectos e programas de cooperación ao desenvolvemento.
e) Seguimento da execución e avaliación dos proxectos e programas de cooperación ao desenvolvemento.
f) Coordinación das actividades do Fondo Galego coas realizadas por outros Fondos existentes no Estado.
g) Labores de representación da cooperación municipalista de Galicia ante todo tipo de instancias
e institucións.
h) Impulso da coordinación coas organizacións non gobernamentais de cooperación.
i) Planificación e realización de misións municipalistas a países do Sur onde o
Fondo Galego executa proxectos de cooperación ao desenvolvemento.
j) Realización de publicacións e outras iniciativas informativas sobre as actividades do Fondo
Galego.
k) Impulso dos irmanamentos entre concellos con base nas actividades de cooperación ao desenvolvemento.
l) Organización e mantemento dunha rede municipalista solidaria integrada por funcionarios das corporacións
locais galegas.
m) Impulso de iniciativas especificas de cooperación relacionadas con aqueles países de maior
presencia inmigratoria en Galicia.
Artigo 4º
A Asociación fixa o seu domicilio social en Santiago de Compostela, Rúa Varsovia, 4C 6ª planta
-Area Central-. Poderá ser modificado por acordo da Comisión Executiva. Se o novo domicilio social
implica cambio de termino municipal a decisión deberá ser ratificada pola Asemblea Xeral. A Asociación,
para o desenvolvemento dos seus fins, pode crear establecementos e dependencias noutras localidades, inclusive
no estranxeiro, cando así o decida a Asemblea Xeral.
Artigo 5º
O ámbito territorial de actuación do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade comprende
o conxunto da Comunidade Autónoma Galega, podendo confederarse ou establecer acordos de colaboración
puntual con entidades que compartan obxectivos afíns tanto de ámbito estatal, europeo ou mundial.
Artigo 6º
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade constitúese por tempo indefinido.
Capítulo Segundo: dos órganos de goberno e administración
Artigo 7º
Os órganos da Asociación son:
a) Asemblea xeral de socios.
b) Comisión Executiva.
Da Asemblea xeral
Artigo 8º
A Asemblea xeral é o órgano supremo do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e estará
constituída por todos os seus socios. Poderá ser de carácter ordinario ou extraordinario.
Artigo 9º
A Asemblea xeral ordinaria reunirase como mínimo unha vez ó ano e dentro do cuarto trimestre ou
primeiro do seguinte. A Asemblea xeral extraordinaria celebrarase cando as circunstancias o aconsellen a xuízo
do Presidente, da Comisión Executiva, ou cando o propoña por escrito o 25% dos asociados con indicación
expresa dos asuntos a tratar. Neste caso a Comisión Executiva está obrigada a atender esa convocatoria
nos quince días seguintes a terse formalizado a petición en regra.
Artigo 10º
Son competencia da Asemblea ordinaria de socios:
a) Ratificar as altas e as baixas dos membros da Asociación.
b) Aprobar a memoria que presente a Comisión Executiva, as actas que proceda e o balance económico
da entidade.
c) Aprobar o presuposto para o seguinte exercicio.
d) Fixar ou modificar as cuotas de pertenza á Asociación.
e) Pronunciarse sobre os proxectos e programas de cooperación e/ou sensibilización presentados
pola Comisión Executiva.
f) Elixir os cargos da Comisión Executiva para un mandato de catro anos e controlar a súa xestión.
g) Aprobar as resolucións que pola súa importancia afecten ós intereses da Asociación.
h) Decidir sobre a permanencia ou afiliación a estructuras de carácter federal ou confederal.
i) Pronunciarse sobre calquera asunto suscitado pola Comisión Executiva ou un 25% dos socios.
k) Velar polo cumprimento dos fins da Asociación.
Artigo 11º
Son competencias da Asemblea xeral extraordinaria:
a) As modificacións estatutarias.
b) A disolución da Asociación.
c) A elección dunha nova Comisión Executiva no suposto de dimisión colectiva da anterior
ou acordo de cesamento nos termos previstos nos presentes Estatutos.
d) Calquera outra cuestión suscitada pola Comisión Executiva ou un 25% dos socios.
Artigo 12º
A convocatoria das Asembleas xerais, tanto ordinaria como extraordinaria, realizarase por escrito, expresando
o lugar, día e hora da reunión así como a orde do día fixada pola Comisión Executiva.
Entre a convocatoria e o día sinalado para a celebración da Asemblea deberá mediar polo menos
dez días.
Artigo 13º
As Asembleas xerais, tanto ordinarias como extraordinarias, quedarán validamente constituídas
en primeira convocatoria cando concorran a ela a metade máis un dos socios con dereito a voto, e en segunda
convocatoria calquera que sexa o número de socios asistentes. Entre a primeira e a segunda convocatoria
debe mediar un tempo non inferior a trinta minutos.
Artigo 14º
As Asembleas xerais serán presididas polo presidente da Comisión Executiva ou, en caso de ausencia,
polo vice-presidente.
Artigo 15º
Está no ánimo dos socios/as e así se procurará, que o consenso presida a adopción
de decisións. En calquera caso, os acordos da Asemblea xeral, legalmente constituída, que non contradigan
a lei nin os presentes estatutos, son de cumprimento obrigado para todos os socios/as. Un socio poderá delegar
noutro a súa representación, por escrito e coas debidas garantías de conformidade. As decisións
adoptaranse por maioría simple de votos dos asistentes, salvo naqueles supostos en que estatutariamente
se esixa unha maioría cualificada ou se dispoña o contrario.
Artigo 16º
Os acordos adoptados pola Asemblea Xeral de socios/as, deberán documentarse nun Libro de Actas debidamente
dilixenciado coas sinaturas do Presidente e do Secretario da Comisión Executiva.
Da Comisión Executiva
Artigo 17º
A Comisión Executiva é o órgano de goberno e de administración da Asociación.
Está integrada polos socios que ostentan os cargos de Presidente, Vice-presidente, Secretario/a, Tesoureiro/a
e cinco vocais.
Artigo 18º
Os cargos da Comisión Executiva renovaranse en todo caso despois de cada convocatoria de eleccións
locais e dentro dos catro meses seguintes á constitución dos Concellos.
A Comisión Executiva que cesa proporá unha nova candidatura á Asemblea se ben se poderá
presentar unha lista alternativa cando estea apoiada e avalada polo 20% dos socios titulares.
Cada mandato dura catro anos e todos os cargos son gratuítos e renovables.
Artigo 19º
1. Se durante o ano se produce algunha vacante na Comisión Executiva, esta pode cubrirse provisionalmente
pola propia Comisión, entre os seus membros, ata a primeira Asemblea Xeral que se celebre, quen decidirá
sobre a provisión da vacante ata que se produza a renovación colectiva da Comisión Executiva.
2. No suposto de dimisión colectiva, procederase a unha nova elección mediante a convocatoria
dunha Asemblea Xeral extraordinaria convocada con este único asunto na orde do día. A Comisión
Executiva dimitida continuará en funcións ata a celebración da citada Asemblea Xeral extraordinaria.
3. Os cargos cesarán na súa función por: falecemento da persoa física ou extinción
da persoa xurídica, renuncia voluntaria, transcurso do prazo para o que foron elixidos, acordo de cesamento
de toda a Comisión Executiva adoptado por ¾ dos asociados reunidos en Asemblea Xeral Extraordinaria
convocada para tal efecto.
A renuncia e o transcurso do prazo non dan lugar ó cese automático, senón que se deberá
facer un efectivo traspaso de poderes con entrega de documentación e posta ó día do sucesor.
Artigo 20º
1. A Comisión Executiva reúnese cando menos unha vez cada mes previa convocatoria do Presidente/a.
A convocatoria deberá realizarse cun mínimo de cinco días de antelación e con expresión
da orde de asuntos a tratar. Tamén poderá reunirse extraordinariamente a petición da terceira
parte dos seus membros. Neste caso, o Presidente debe convocala nun prazo non superior ós cinco días
naturais seguintes á solicitude e debe celebrarse nun prazo máximo de 15 días.
2. Poderán asistir ás reunións da Comisión Executiva en calidade de invitados, con
voz e sen voto, aquelas persoas ou entidades colaboradoras que a xuízo da Comisión resultara de especial
interese a súa presencia.
3. As reunións abriranse cando así o determine o Presidente. Seguidamente se procederá
por parte do secretario á lectura do acta da xuntanza anterior, que deberá ser aprobada. Posteriormente,
o secretario procederá a presentar a orde do día. Cada punto será informado polo membro da
Comisión Executiva que lle corresponda, procedéndose ó debate e a aprobación dos correspondentes
acordos nos termos contidos nestes estatutos, segundo a materia de que se trate.
Artigo 21º
A Comisión Executiva queda validamente constituída cando concorren á reunión polo
menos a metade máis un dos seus compoñentes. Para que os acordos sexan válidos deberán
ser adoptados pola maioría de votos dos asistentes. Os acordos documentaranse no libro de actas, coa sinatura
dos membros asistentes.
Artigo 22º
A Comisión Executiva exerce as seguintes atribucións:
a) Aplicar e interpretar os Estatutos.
b) Convocar as Asembleas Xerais.
c) Executar os acordos das Asembleas xerais, tanto ordinarias como extraordinarias.
d) Levar a dirección das contas, formalizar o balance e formular o presuposto para sometelo á
votación da Asemblea.
e) Elaborar a memoria do exercicio, así como propoñer as liñas de actuación a presentar
á Asemblea xeral para o seu estudio e pronunciamento.
f) Abrir, manter e cancelar contas correntes en bancos ou establecementos de creto.
g) Formalizar os oportunos contratos, convenios e demais actos necesarios para a actividade da Asociación.
h) Acordar a contratación e despido do persoal laboral e designar no seu caso, a persoa que debera ocupar
o cargo de xerente. O xerente ten a función de executar as decisións da Comisión Executiva,
en estreita colaboración co seu Presidente. Por tal motivo, estará presente nas reunións da
Comisión, con voz pero sen voto.
i) Estudiar a solicitude de entrada de novos socios e comunicarlles a alta se procede.
k) Propoñer á Asemblea xeral a designación de entidades protectoras e colaboradoras da
Asociación.
l) Aprobar as bases da convocatoria pública de presentación de proxectos por parte das ONGs.
m) Estudiar e seleccionar os proxectos de cooperación presentados ó Fondo e facer o seguimento
dos aprobados.
n) Exercitar en nome da Asociación, as accións que decida a propia Comisión Executiva.
ñ) Resolver todos os asuntos propios da Asemblea xeral que teñan caracter urxente se ben neste
caso deberán ser ratificados pola Asemblea xeral na primeira convocatoria que celebre.
Dos órganos unipersoais
Artigo 23º
O/a Presidente/a da Comisión Executiva representa á Asociación perante todos os organismos
públicos e oficiais, as entidades privadas e toda clase de persoas físicas e xurídicas. Está
facultado para exercer as accións pertinentes en defensa dos dereitos e intereses da Asociación e
pode outorgar poderes notariais en favor doutros membros da Comisión Executiva conxunta ou solidariamente,
e tamén a avogados e procuradores dos Tribunais, previo coñecemento da Comisión Executiva.
Son as súas funcións:
a) Convocar a Comisión Executiva e presidir as reunións.
b) Moderar e dirixir os debates das Asembleas de socios e da Comisión Executiva.
c) Previo acordo da Comisión pode operar coa banca privada e oficial e coas caixas de aforro, realizando
todas as actuacións que a lexislación e a práctica bancaria permite: manter, abrir, dispoñer
e cancelar nas citadas institucións todo tipo de contas correntes, de aforro ou de creto e asinar cheques
e outros documentos, solicitar saldos e confirmalos ou imputalos.
Artigo 24º
O Vice-presidente/a colabora co Presidente/a no exercicio das súas funcións e substitúeo
en caso de ausencia, enfermidade ou vacante.
Artigo 25º
Corresponde ó Secretario/a a redacción das Actas, pasalas ó correspondente libro, dar forma
válida ós acordos, expedir certificacións das actas co visto e prace do Presidente, levar
un libro rexistro de socios e o arquivo da documentación. En caso de ausencia, será substituído
por un dos asistentes soamente a efectos de levantar acta.
Artigo 26º
O/a Tesoureiro/a ten a facultade de facer os cobros e pagos, previa orde do Presidente e responde perante a
Comisión Executiva da contabilidade e dos seus xustificantes. Previo acordo da Comisión pode operar
coa banca privada e oficial e coas caixas de aforro, realizando todas as actuacións que a lexislación
e a práctica bancaria permite: manter, abrir, dispoñer e cancelar nas citadas institucións
todo tipo de contas correntes, de aforro ou de creto e asinar cheques e outros documentos, solicitar saldos e confirmalos
ou imputalos, e realizar operacións de tesourería.
Artigo 27º
Os Vocais teñen a misión especifica que lles encomenda a Comisión Executiva, a Asemblea
Xeral ou o Presidente. Poden tamén substituír a outros compoñentes da Comisión nos
supostos de ausencia, enfermidade ou vacante, previo acordo da Comisión.
Capítulo Terceiro: Dos asociados/as
Artigo 28º
Poderá ser socio do Fondo Galego de Solidariedade calquera persoa xurídica pública ou privada
sen ánimo de lucro que comparta os fins de asociación tras o acordo do seu órgano competente.
A solicitude de admisión debe ser formulada polo órgano competente de cada entidade candidata. Na
solicitude, debe constar o nome da persoa que ostentará a representación na Asemblea Xeral, así
como a expresa aceptación dos Estatutos da Asociación.
A decisión sobre a admisión de socios corresponde á Comisión Executiva e deberá
ser posteriormente ratificada pola Asemblea Xeral.
Artigo 29º
Establecésense tres tipos de socios dentro da asociación:
a) Socios Titulares. Tódalas entidades locais e provinciais de Galicia que
compartan os obxectivos da Asociación e destinen unha partida presupostaria estable para accións
de cooperación e de solidariedade internacional, abonando a cuota social anual acordada pola Asemblea xeral.
Igualmente poderán formar parte da Asociación outras entidades públicas e privadas sen ánimo
de lucro que compartindo os obxectivos da mesma non sexan destinatarios directos das axudas económicas para
a cooperación e o desenvolvemento e abonen a cuota social anual e/ou a aportación voluntaria na forma
en que se estableza en cada caso.
b) Socios Protectores. Aquelas outras persoas xurídicas públicas
que compartan os obxectivos da Asociación e aporten a súa axuda. Designaranse como protectores pola
Asemblea Xeral da Asociación a proposta da Comisión Executiva ou a petición do 25% dos socios.
O período de pertenza das entidades protectoras é dun ano a partir da súa aportación,
pero continuará por anos sucesivos se perduran as mesmas condicións.
c) Socios Colaboradores. Aquelas persoas xurídicas privadas sen ánimo
de lucro que compartan os obxectivos da Asociación, non sexan destinatarios directos das axudas económicas
para a cooperación e o desenvolvemento e que lle dediquen anualmente a súa axuda aínda que
sexa sen aportación económica fixa. Son designados como colaboradores pola Asemblea xeral da Asociación
a proposta da Comisión Executiva ou a petición do 25% dos socios. Igualmente a Asemblea Xeral está
facultada para retirarlle esta condición.
Artigo 30º
Son dereitos dos socios ademais dos establecidos na lei, os seguintes:
a) Ter voz nas reunións da Asemblea xeral na forma que se especifica nestes Estatutos.
b) Participar na vida da Asociación e recibir información sobre os acordos e as actividades que
organice ou promova.
c) Disfrutar de todas as avantaxes e beneficios que a Asociación poida conseguir.
Artigo 31º
Son obrigas dos socios ademais das establecidas na lei as seguintes:
a) Observar dilixentemente os acordos validamente adoptados polos órganos da Asociación.
b) Colaborar na difusión da Asociación e no cumprimento dos seus obxectivos.
c) Atender os compromisos de contribuír economicamente á Asociación na forma e contía
acordada pola Asemblea Xeral.
d) Exercer activamente as responsabilidades conferidas polos órganos da Asociación.
Artigo 32º
Son dereitos específicos dos socios titulares:
a) Ter voto nas Asembleas Xerais.
b) Elixir e ser elixido para ocupar cargos na Comisión Executiva.
Artigo 33º
A condición de socio pérdese por:
a) Incumprimento reiterado no pago pago da cuota social por parte dos socios titulares e ausencia de aportación
voluntaria no caso de socios protectores e colaboradores.
b) Separación voluntaria del socio.
c) Expulsión acordada pola Comisión Executiva e confirmada pola Asemblea Xeral, por incumprimento
grave e reiterado das obrigas establecidas no artigo 31.
Capítulo Cuarto: Do patrimonio e das finanzas
Artigo 34º
Os recursos económicos dos que se vale a Asociación para realizar as súas actividades son:
a) as cuotas que a Asemblea xeral decida que deben ser abonadas polos socios de pleno dereito, protectores ou
colaboradores.
b) as subvencións de organismos oficiais, entidades ou particulares.
c) as doazóns a título gratuíto, legados e herdanzas.
d) O importe das derramas ou dereitos de entrada que estableza a Asemblea Xeral.
f) calquera outro tipo de ingreso lícito que se adapte ós fins da Asociación.
Artigo 35º
Os socios poderán optar por destinar as súas aportacións a un proxecto concreto dos que
a Asociación asumiu como propios.
Artigo 36º
Para atender os custes de funcionamento da Asociación e o seguimento da execución dos proxectos,
a Asemblea Xeral ordinaria fixará unha porcentaxe máxima sobre o presuposto total da entidade.
Artigo 37º
1. A Comisión Executiva elaborará un presuposto anual, coincidente co ano natural, equilibrado
en ingresos e gastos. Se unha vez iniciado o exercicio económico non se aprobou o presuposto correspondente
consideraranse automaticamente prorrogados os presupostos do exercicio anterior. A prórroga non afectará
ás dotacións económicas daqueles programas que deberan concluír no exercicio anterior
ou que se financiaran con ingresos extraordinarios.
2. Calquera membro da Asociación pode solicitar e obter un exemplar dos presupostos anuais e acceder
en todo momento ós libros de contabilidade da Asociación.
Artigo 38º
O patrimonio inicial ascende a 18.000 euros. O patrimonio social será o que determinen en cada momento
os seus libros e estados contables.
Artigo 39º
O exercicio asociativo e económico será anual coincidindo co ano natural, comezando polo tanto
o 1 de xaneiro e rematando o 31 de decembro.
Artigo 40º
A documentación social estará composta por:
a) Relación de socios.
b) Libros contables.- que resulte de la aplicación das normas de adaptación do Plan Xeral de Contabilidade
ás entidades sen fins lucrativos, contidas no anexo I do Real Decreto 776/1998, de 30 de abril ou calquera
outra que a substitúa.
c) Inventario de bens.
d) Libro de Actas da Xunta Directiva.
e) Libro de Actas da Asemblea.
Capítulo Quinto: Da disolución da Asociación
Artigo 41º
A Asociación soamente poderá disolverse:
a) Por sentencia xudicial firme.
b) Por acordo da Asemblea xeral extraordinaria, convocada a este efecto e co voto favorable dos 2/3 dos socios
titulares presentes ou representados.
c) Por imposibilidade de cumprimento dos fins sociais.
Acordada a disolución, a Comisión Executiva constituída en Comisión Liquidadora,
responsabilizarase de efectuar as dilixencias oportunas ante os organismos que proceda. O fondo ou patrimonio residual,
se o houbera, sería entregado a un ente público ou social para finalidades coincidentes cos obxectivos
da Asociación.
Disposición adicional
PRIMEIRA. Despois da constitución das Corporacións como consecuencia da celebración dos
comicios locais, os socios que ostenten un cargo na Comisión Executiva pasan a actuar en funcións
e por un período non superior a 4 meses. Durante este tempo, o Presidente de cada entidade asociada pode
tamén substituír a persoa que ostenta a representación do asociado.
Disposición transitoria
Os regulamentos e normas aprobadas ata a data para a aplicación e desenvolvemento dos Estatutos da Asociación
continuarán en vigor en tanto non se proceda, no seu caso, á súa modificación para
a adecuación ó ordenamento xurídico vixente, se ben entenderanse derrogados e teranse por
non postos tódolos preceptos que puidesen resultar contrarios á vixente Lei Orgánica 1/2002,
reguladora do Dereito de Asociación, ou ós presentes Estatutos.
|