|
Que é? / Declaración Programática
Declaración Programática
1. A realidade dun mundo dividido en sociedades ricas e empobrecidas que orixina consecuencias inxustas e dramáticas
para máis do 80 por cento dos seres humanos e a constatación dun agravamento imparable desas diferencias
e desigualdades, fan inevitable que desde todos os ámbitos institucionais se adopten actitudes e accións
coherentes para contribuir á construcción dun mundo máis xusto e solidario.
2. A Administración Local galega asume
como liña de actuación propia a participación en proxectos e programas de cooperación,
desenvolvemento e solidariedade internacional, potenciando e asumindo este eixe de actuación como un espacio
de encontro entre as diferentes sensibilidades políticas e partidarias que poden estar representadas en
todas e cada unha das nosas Corporacións, evitando atomizacións, competitividades estériles,
fraccionamentos, ou duplicidades,e postulando a práctica dunha cooperación que en ningún caso
anule a autonomía de cada quen.
3. A Administración local galega entende
a cooperación como un método e unha estratexia para vertebrar a solidariedade cos pobos e sociedades
máis desfavorecidas, comprometendo, impulsando e propiciando a creación dun tecido solidario en cada
poboación de xeito que se abra camiño a esixencia dunha nova orde económica internacional
máis xusta e a erradicación daquelas trabas e impedimentos que dificultan a eliminación da
pobreza e as desigualdades.
4. Igualmente a Administración local galega
impulsará a coordinación das políticas de cooperación no seo do municipalismo para
fortalecer o poder local e democrático nos pobos en vías de desenvolvemento, para facilitar a súa
incorporacion a procesos de progreso baseados en transformacións políticas, económicas e sociais
que aseguren un maior e pleno respecto ós dereitos humanos. Neste sentido, procurarase compatibilizar a
materialización dos proxectos coa participación directa de axentes colaboradores nas comunidades
de destino de xeito que poidan actuar como motores do seu propio desenvolvemento.
5. Na medida en que a cooperación engloba
a todas as situacións de inxustiza, marxinalidade, etc, entendemos que á hora de establecer as políticas
locais de cooperación deberianse priorizar algunhas zonas xeográficas e algúns sectores máis
vulnerables, co fin de lograr unha máxima eficacia no uso dos recursos. Parcialmente as políticas
de cooperación a impulsar pola administración local galega poderán asumir unha orientación
específica respecto daquelas comunidades máis afíns por razóns de índole histórica,
económica, social ou política, sen establecer discriminacións por razóns de orde ideolóxica.
6. Os asinantes da presente Declaración
Programática asumen o compromiso de promover unha aproximación progresiva da porcentaxe do orzamento
ordinario da respectiva Corporación destinada a políticas de cooperación ó minimo do
0.7% recomendado polas Nacións Unidas.
7. A Administración Local galega favorecerá
e estimulará unha maior sensibilización e comprensión cidadá arredor da necesidade
de exercer unha rica e maior solidariedade do Norte co Sur, con políticas xenerosas e abertas á participación
plural dos diferentes e múltiples axentes sociais, conscientes de que non soamente se trata con estas políticas
de favorecer un desenvolvemento sostible e integral nos países destinatarios de axuda senón igualmente
de incrementar a conciencia social e crítica dos nosos cidadáns, de potenciar a recuperación
dunha ética firmemente asentada en valores humanistas, de convivencia pacífica, tolerancia e igualdade
entre todas as persoas.
8. Para o desenvolvemento das políticas
de cooperación e de solidariedade, a administración local galega potenciará as relacións
e o entendemento coas ONGs, colaborará na satisfacción das necesidades de formación dos cooperantes
e do personal propio, practicará unha política de transparencia e igualdade de oportunidades, sen
perxuicio de desenvolver a propia iniciativa pública na medida das súas posibilidades.
9. A presente Declaración Programática
pretende ser a base mínima de entendemento para o exercicio das políticas de cooperación e
solidariedade por parte das administracións locais galegas, o nexo filosófico que de sentido á
coordinación, interlocución e aprendizaxe mutua, sen merma do máis escrupuloso respecto á
autonomía de cada Corporación para asumir compromisos de maior envergadura.
|