Fondo Galego
Fondo Galego

fondogalego.org
info@igadi.org
Tel/Fax: 986 357 238
 
Comunicación Volver
Novas do Fondo Galego
 
 
Xuño 2008 

[Para máis información][Arquivo Novas]

 

  Pedro Rodrigues e Xulio Ríos; clic para aumentar
Pedro Rodrigues e Xulio Ríos no local do Igadi en Baiona.
 
Maia (Portugal) e o Fondo Galego decididos a cooperar entre si

Baiona, 17 de xuño de 2008.

Nunha visita á Secretaría do Fondo Galego realizada o 12 de xuño, Pedro Rodrigues, xefe da división de Relacións Internacionais e Cooperación da Cámara Municipal de Maia (Portugal), expresou o seu interese polo modelo do Fondo Galego, suxerindo a posibilidade de apoiar un proceso de asociación semellante no norte de Portugal. Ademais, Pedro Rodrigues incidiu na importancia de fortalecer a cooperación entre o poder local galego e portugués na área da lusofonía, enfatizando especialmente Santo Tomé e Príncipe, país co que Maia ven colaborando dende hai anos.


Maio 2008 


A convocatoria está dirixida ao persoal dos Concellos e as catro Diputacións socias do Fondo
Abrése o prazo de inscrición do programa Vacacións con Traballo

Baiona, 22 de maio de 2008.

Viaxar este verán a un país do Sur e implicarse nun proxecto de cooperación ao desenvolvemento nunha comunidade determinada pode ser, sen dúbida, unha alternativa diferente as vacacións convencionais. O programa Vacacións con Traballo trata precisamente disto. O Fondo Galego de Cooperación e Solidaridade brinda, no marco de esta actividade, a posibilidade de intercambiar experiencias entre profesionais de Galicia e dos países que acollen os proxectos de cooperación co obxectivo de fortalecer o noso compromiso co Sur.

O programa está dirixido ao persoal laboral e funcionario da administración local galega e será condición imprescindible que o seu Concello ou Diputación pertenza ao Fondo Galego. Os países aos que poderán viaxar este ano os futuros participantes serán Cabo Verde, Cuba, Nicaragua e Perú.

O prazo de presentación de solicitudes comeza o vindeiro lúns 26 de maio e rematará o día 16 de xuño. A persoa de contacto para obter máis información e Begoña Castro, e o enderezo de correo ao que os/as candidatos/as deberán enviar as fichas de inscrición é: bcastro@igadi.org.

baixar arquivopdfDescarga o programa Vacacións con Traballo 2008.


Abril 2008 


Cooperación ao Desenvolvemento e Antropoloxía

Baiona, 10 de abril de 2008.

A Facultade de Humanidades de Ferrol celebra estes días un congreso no que se profundiza na Antropoloxía no marco da Cooperación ao Desenvolvemento. A Asociación Luso-Galega de Antropoloxía Aplicada organiza o evento que comezou o pasado martes día 8 e se prolongará ata o día 11 de abril.

O presidente do Fondo Galego, Alfredo Novoa Gil, participou no congreso o pasado día 9 aportando unha visión global sobre a cooperación descentralizada, centrándose na situación, problemática e retos actuais das ONGs. Ademais das diversas ponencias e debates, o programa do evento se completa coa difusión dunha serie de documentais nos que se achega á realidade das sociedades tribais.



O presidente do Fondo participará nun seminario sobre a importancia da conservación da biodiversidade na Cooperación

Baiona, 1 de abril de 2008.

O seminario Retos e Desafíos da Cooperación Internacional na Conservación da Biodiversidade tratará de promover a integración da conservación da naturaza nos programas e proxectos que se levan a cabo no marco da cooperación internacional para o desenvolvemento. O presidente do Fondo Galego, Alfredo Novoa Gil, participará nunha mesa redonda onde se falará da cooperación galega no ámbito da conservación.

O seminario celebrarase no Castelo de Santa Cruz en Oleiros o próximo día 10 de abril. O encontro comezará ás 9:30 horas e na súa inauguración contará coa participación do director xeral de Desenolvemento Sostible, Emilio M. Fernández Suárez. A xornada prolongarase ata as 18:30 horas e contará coa asistencia de diferentes expertos. O acto servirá como unha plataforma de diálogo e intercambio de coñecementos e experiencias no ámbito da cooperación para a conservación da naturaza.

baixar arquivopdfDescarga o programa do seminario para a conservación da biodiversidade.



A planificación anual centrou o encontro da Comisión Executiva

Baiona, 1 de abril de 2008.

O pasado día 28 de marzo, os membros da Comisión Executiva do Fondo Galego reuníronse en Santiago de Compostela para dar conta da situación actual e proceder á planificación das accións que se levarán a cabo ao longo de este ano. Así mesmo, os representantes do órgano decisor da entidade municipalista realizaron un seguimento das accións en proxectos de cooperación internacional e sensibilización postos en marcha polo Fondo Galego.



O teatro como ferramenta de sensibilización

Baiona, 1 de abril de 2008.

O Fondo Galego promoverá actividades de sensibilización coa colaboración da Escola Superior de Arte Dramático (ESAD) de Vigo. O teatro convertirase nunha eficaz ferramenta para chamar a atención da cidadanía na necesidade de colaborar en proxectos de cooperación que repercutan nunha sociedade global máis igualitaria.

Membros da Secretaría Técnica do Fondo manterán unha reunión, o día 2 de abril, co director da ESAD, Manuel Vieites. O encontro terá como obxectivo o deseño dunha acción do Plan de Sensibilización do Fondo a través do arte dramático.


Marzo 2008 


  Panxea 2008; clic para aumentar
Panxea 2008 é un festival que pretende ser unha ollada as distintas culturas que conviven hoxe en día na vila de Carballo.
 
O festival multicultural Panxea 2008 colaborará co Fondo Galego coa recadación de cartos

Baiona, 18 de marzo de 2008.

O festival multicultural Panxea 2008 celebrarase en Carballo os días 20, 21 e 22 de marzo nunha carpa acondicionada no aparcadoiro do Centro Comercial Bergantiños.

As actividades programadas para a xornada do xoves, día 20, terán como obxectivo a recadación de fondos para o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. O presidente da organización, Alfredo Novoa Gil, acudirá a Carballo para participar no acto inaugural da feira e presentará a exposición Fondo Galego, Dez Anos con Proxectos, unha mostra que os visitantes poderán coñecer estos días en Carballo.

Panxea 2008 é un festival que pretende ser unha ollada as distintas culturas que conviven hoxe en día na vila de Carballo. Esta edición se adicará a América Latina e a programación contará con diversas actividades onde se mesturará música, gastronomía e festa.

baixar arquivopdfDescarga o programa do festival Panxea 2008 en pdf.



  Encontro Fondo Galego e Coordinadora Galega de ONGDs; clic para aumentar
Encontro Fondo Galego e Coordinadora Galega de ONGDs. (Na foto, de esquerda a dereita, Rosa Villaronga, Virxinia Romero, Alfredo Novoa, Ana Álvarez, Xosé María Torres e María Díaz. ©fondogalego.org 04/03/2008).
 
O Fondo Galego e a Coordinadora Galega de ONGDs traballarán conxuntamente na organización de actividades

Baiona, 12 de marzo de 2008.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e a Coordinadora Galega de ONGDs asinarán un memorando de entendemento que servirá como base para comezar unha nova etapa de estreita colaboración e a posta en marcha de diversas actividades.

Membros de ámbalas entidades reuníronse o pasado catro de marzo en Santiago de Compostela. O presidente do Fondo, Alfredo Novoa, e o presidente da Coordinadora, Xosé María Torres, estiveron presentes no encontro, no que tamén participaron técnicas das dúas organizacións. O contido da reunión centrouse nas posibles vías de colaboración entre ambas entidades co propósito de emprender accións conxuntas.

A reunión entre membros do Fondo e a Coordinadora culminou co firme compromiso de asinar un memorando de entendemento que facilite alcanzar os obxetivos marcados.




 Febreiro 2008 


Benvida aos Concellos de Moraña, O Valadouro, Ponteareas e Salceda de Caselas

Baiona, 25 de febreiro de 2008.

Catro novos membros veñen de ratificar a súa adhesión ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. O Concello de Moraña, no pleno do 30 de novembro de 2007; o Concello de O Valadouro, no pleno do 30 de novembro de 2007; o Concello de Salceda de Caselas, no pleno do 28 de decembro de 2007; e o Concello de Ponteareas, no pleno do 29 de xaneiro de 2008, acordaron a súa incorporación ao Fondo Galego de Cooperación de Solidariedade.

Con estes catro novos membros, o Fondo Galego acolle a 99 Concellos cun compromiso solidario común, e representa ao 70% da poboación total de Galicia.



Benvida á Deputación de Lugo

Baiona, 20 de febreiro de 2008.

A Deputación de Lugo ven de ratificar a súa adhesión ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade o pasado 26 de decembro de 2007, o que fai que xa a totalidade das Deputacións galegas estén presentes no Fondo.

Con este novo membro, o Fondo Galego acolle a 95 Concellos e as 4 Deputacións provinciais, o que suma un total de 102 socios cun compromiso solidario común, que representa ao 70% da poboación total de Galicia.




 Decembro 2007 


  Visita a Santa Catarina; clic para aumentar
Visita a Santa Catarina. Pilar Gallego co presidente da Cámara.
Visita a Santa Catarina; clic para aumentar
Nenos do xardín de infancia.
Visita a San Miguel; clic para aumentar
Visita a San Miguel. Depósito de auga.
Visita a San Miguel; clic para aumentar
Nenos do obradoiro de artesanía.
Xornada de intercambio de experiencias; clic para aumentar
Xornada de intercambio de experiencias. Pilar Gallego (á esquerda) e Claudia Rodrígues.
Xornada de intercambio de experiencias; clic para aumentar
María Méndez (á dereita).
Seguimiento de proxectos e intercambio de experiencias
Misión de traballo en Cabo Verde

Baiona, 20 de decembro de 2007.

O pasado mes de novembro, a técnica do do Fondo Galego Mª del Mar Gómez e tres concelleiras municipais galegas, Pilar Gallego, do Concello de Allariz, Ángeles Silva, do Concello de Baiona, e María Méndez, do Concello de Vigo, viaxaron a Cabo Verde nunha misión de traballo de oito días (19 ao 26 de novembro).

O obxectivo da misión foi dobre:


1. Seguimento e avaliación de proxectos

Visitáronse varias Cámaras Municipais coas que se colabora en proxectos de desenvolvemento local.

Cámara Municipal de San Miguel. Entrevista coa equipa da Cámara. Visita ao terreo e recoñecemento de dous proxectos, un no ámbito de abastecemento de auga con conexións domiciliarias, e outro de formación profesional.

Cámara Municipal San Felipe. Entrevista coa equipa da Cámara. Visita ao terreo. Visita a un proxecto de abastecemento de auga.

Comisión Instaladora de Santa Catarina. Entrevista coa equipa da Cámara. Visita ao terreo e participación na inauguración dun xardín de infancia construído coa colaboración do Fondo Galego.


2. Intercambio de experiencias

As tres representantes do poder local galego participaron no proxecto que leva a cabo o Instituto Caboverdiano para a Igualdade e a Equidade de Xénero, para aumentar a participación das mulleres nas eleccións municipais de 2008. Con este fin, celebrouse unha xornada de intercambio de experiencias entre mulleres políticas de Cabo Verde e Galicia.

Ademais, mantivéronse encontros cos e coas representantes das seguintes entidades:

Citi-Habitat. ONGD con máis de vinte anos de experiencia coa que se colabora nun proxecto de abastecemento e canalización de auga no Barrio Ponte de Auga, en Praia.

ANMCV. Asociación nacional de municipios caboverdianos que ten dous proxectos financiados polo Fondo Galego e a Dirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia sobre diagnose e elaboración dos plans municipais en materia de medioambiente.



  IV Xornadas Anuais de Cooperación; clic para aumentar
Mesa de inauguración. (De esquerda a dereita, Carlota del Carmen Román, Alfredo Novoa e Mar Martín).
IV Xornadas Anuais de Cooperación; clic para aumentar
Mesa I. (De esquerda a dereita, Charo Romero, Xosé Mª Torres, Neves Cando e Alfredo Novoa).
IV Xornadas Anuais de Cooperación; clic para aumentar
Mesa II. (De esquerda a dereita, Isabel Álvarez, Paulo Pacheco e Mar Barreiro.).
IV Xornadas Anuais de Cooperación; clic para aumentar
Mesa III. (De esquerda a dereita, Virginia Romero e Giovanni Camilleri).
IV Xornadas Anuais de Cooperación; clic para aumentar
Mesa IV. (De esquerda a dereita, Valter de Sá, Joao Gómes, Katia Cardoso e Álvaro Trillo).
IV Xornadas Anuais de Cooperación: O compromiso global do mundo local

Baiona, 20 de decembro de 2007.

As IV Xornadas Anuais de Cooperación celebráronse o día 29 de novembro en Santiago de Compostela baixo o título “O compromiso global do mundo local”. Foron organizadas como unhas xornadas de debate e reflexión sobre as políticas e prácticas de cooperación ao desenvolvemento levadas a cabo dende os entes locais.

Ao longo de todo un día, discurriron estruturadas ao redor de tres ámbitos:

• A cooperación municipalista en Galicia: balance a cargo dos diferentes actores da cooperación galega, especialmente aqueles máis vinculados ao municipalismo.

• Experiencias veciñas do municipalismo cooperante: participación de representantes de Fondos de Cooperación do resto do estado, así como, de Portugal.

• O papel da cooperación municipalista no contexto internacional: a cargo dun especialista.

• Unha experiencia de desenvolvemento local no Sur: a descentralización en Cabo Verde.

O obxectivo das Xornadas Anuais foi o de crear un espazo de encontro entre os diferentes axentes da cooperación galega para reflexionar entorno ao tema de relevancia e contribuír a unha mellor calidade da cooperación.

O 29 de novembro de 2007, as IV Xornadas Anuais de Cooperación desenvolvéronse segundo o seguinte programa:

09:45h. Inauguración das Xornadas.

Palabras de benvida a cargo de Carlota del Carmen Román, subdirectora xeral de Cooperación; Mar Martín, concelleira de Benestar Social do Concello de Santiago; e Alfredo Novoa Gil, presidente do Fondo Galego.

10:00h. Mesa 1: O compromiso solidario do mundo local galego: situación e desafíos.

Presentación e moderación: Rosario Romero, traballadora social do Concello de Vigo e participante no programa de Vacacións con Traballo – Nicaragua.

Participantes: Xosé Mª Torres García, presidente da Coordinadora Galega de ONGDs; Neves Cando, tenente de alcalde do Concello de Burela; e Alfredo Novoa, presidente do Fondo Galego.

11:00h. Mesa 2: Experiencias veciñas do municipalismo cooperante.

Presentación e moderación: Mar Barreiro, traballadora social do Concello de Oleiros e participante no programa de Vacacións con Traballo – Perú.

Participantes: Paulo Pacheco, xefe do Gabinete de Presidencia da Cámara Municipal de Palmela (Portugal); e Isabel Álvarez, técnica de Cooperación do Concello de Córdoba e representante do FAMSI.

12:30h. Descanso/café.

13:00h. Mesa 3: O papel do mundo local na esfera internacional.

Presentación e moderación: Virginia Romero, vicedirectora do Igadi.

Participante: Giovanni Camilleri, coordinador da Iniciativa de Apoio a Redes Territoriais (ART) do Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD).

14:30h. Comida.

16:00h. Mesa 4: Cabo Verde: a descentralización como vía de desenvolvemento?

Presentación e moderación: Álvaro Trillo, técnico de Infraestruturas e Conservación da Deputación de A Coruña.

Participantes: Katia Cardoso, membro do Núcleo de Estudos para a Paz, Centro de Estudos Sociais da Universidade de Coimbra; Joao Gómes Duarte, presidente da Cámara Municipal de Sao Miguel, Cabo Verde; e Valter de Sá, secretario xeral da Associaçao Nacional de Municipios Caboverdianos.

17:00h. Clausura coa proxección do documental “Cabo Verde: a rede cooperante”.

baixar arquivopdfDescarga as conclusións das Xornadas en pdf.


Materiais

baixar arquivopdfPonencia de Giovanni Camilleri (Iniciativa de Apoio a Redes Territoriais, ART).
baixar arquivopdfPonencia de Isabel Álvarez (Concello de Córdoba, FAMSI).
baixar arquivopdfPonencia de Joao Gomes Duarte (Cámara Municipal de Sao Miguel, Cabo Verde).
baixar arquivopdfPonencia de Katia Cardoso (Núcleo de Estudos para a Paz, Coimbra).
baixar arquivopdfPonencia de Paulo Pacheco (Cámara Municipal de Palmela, Portugal).
baixar arquivopdfPonencia de Xosé María Torres García (Coordinadora Galega de ONGDs).



  Encontro coa directora xeral de Cooperación; clic para aumentar
Encontro coa directora xeral de Cooperación. (Na foto, de esquerda a dereita: Valter de Sá, Joao Gomes e Fabiola Sotelo).
Visita ao Concello de Burela; clic para aumentar
Visita ao Concello de Burela. (Na foto, de esqueda a dereita, Valter de Sá, Alfredo Llano, alcalde de Burela, e Joao Gomes Duarte).
Visita ao Concello de Burela; clic para aumentar
Visita ao Concello de Burela. (Foto: Joao Gomes e Valter de Sá con representantes da Asociación Batuko Tabanca de Burela).
Visita ao Concello de Vigo; clic para aumentar
Visita ao Concello de Vigo. (Na foto, de esquerda a dereita, Santi Domínguez, María Méndez, Joao Gomes e Valter de Sá).
Presentación exposición Fondo Galego, Dez Anos con Proxectos; clic para aumentar
Visita ao Concello Allariz. (Na foto, de esquerda a dereita, Mª del Mar Gómez, Joao Gomes, Valter de Sá, Francisco García, Virginia Romero e Pilar Cid. ©fondogalego.org).
As visitas dos parceiros do Sur a Concellos socios do Fondo Galego, instrumento de intercambio e sensibilización

Baiona, 20 de decembro de 2007.

A través de recepcións institucionais, charlas para a poboación local, encontros con representantes da Rede Municipalista Solidaria e membros da Comisión Executiva, créanse espazos para un maior coñecemento tanto das realidades coas que traballamos, como dos froitos de dito traballo.

No mes de novembro visitaron Galicia dous representantes do municipalismo en Cabo Verde, cos que o Fondo Galego ven traballando en proxectos de cooperación: Valter de Sá, secretario da Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos, e Joao Gómes Duarte, presidente da Cámara Municipal de Sao Miguel, Illa de Santiago.

Dende o 26 ao 30 de novembro, visitaron varios Concellos socios do Fondo Galego, así como tamén mantiveron encontros institucionais con outras entidades:

26 de novembro

Primeira xuntanza coa Secretaría Técnica do Fondo Galego.

27 de novembro

Encontro coa directora xeral de Cooperación Exterior.

Visita ao Concello de Burela.

  • Recepción Institucional no Concello.
  • Comida de traballo con representantes da corporación municipal anfitriona.
  • Encontro con representantes da comunidade caboverdiana e actuación do grupo Batuko Tabanka.

28 de novembro

Recepción institucional no Concello de Vigo:

  • Encontro coa concelleira de Benestar, o tenente-alcalde e alcalde.
  • Presentación ante os medios de comunicación.

Recepción institucional no Concello de Allariz.

  • Encontro co alcalde e a concelleira de Benestar Social.
  • Comida de traballo con representantes da Corporación municipal anfitriona.

Recepción no Concello de Santiago.

  • Encontro coa concelleira de Benestar Social.

29 de novembro

Participación nas IV Xornadas Anuais de Cooperación en Santiago de Compostela.




 Novembro 2007 


Santiago acolle a IV edición das Xornadas Anuais de Cooperación

Baiona, 15 de novembro de 2007.

Co motivo do seu X Aniversario, este ano, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade adica ás IV Xornadas Anuais de Cooperación ao municipalismo cooperante. Baixo o título de “O compromiso global do mundo local”, representantes de diferentes entidades municipais exporán as súas experiencias en materia de cooperación ao desenvolvemento.

Entre outros, ademais de autoridades locais galegas, contarase coa presencia de representantes do Concello de Córdoba, do Fons Valenciá de Cooperación, da Cámara Municipal de Palmela (Portugal), así como do coordinador do programa ART (Apoio ás Redes Territoriais) das Nacións Unidas e de dous representantes do municipalismo en Cabo Verde.

O obxectivo destas xornadas é abrir un espazo de encontro entre diferentes actores vinculados ao municipalismo e á solidariedade. Neste contexto reflexionaremos e debateremos ao redor do papel que cumpre e/ou podería cumprir o mundo local nas políticas de cooperación ao desenvolvemento, así como no impulso de redes horizontais de solidariedade e intercambio entre as distintas realidades Norte-Sur.

IV Xornadas Anuais da Cooperación: O compromiso global do mundo local

IV Xornadas Anuais da Cooperación
29 de novembro no Centro Sociocultural Caixa Galicia, Carreira do Conde nº 18 (baixo), Santiago de Compostela.

baixar arquivopdfDescarga o programa das Xornadas en pdf.



Terremoto no Perú
A Conta de Emerxencia suma novas doazóns

Baiona, 8 de novembro de 2007.

Con motivo do terremoto que afectou unha ampla zona do Perú o pasado 15 de agosto, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade puxo a disposición dos afectados a súa conta de emerxencia, a fin de recadar fondos para proxectos de reconstrución das áreas afectadas.

Agora, pasado máis de dous meses desde a traxedia, queremos comunicar que a conta de emerxencia segue aberta, ao tempo que nos gustaría facer chegar o noso sincero agradecemento a todas aquelas persoas e institucións que colaboran con esta campaña de recollida de fondos.

Por outro lado, desde o Fondo estamos a concretar os proxectos aos que van ir destinadas estas axudas. Como é sabido, o pasado mes de setembro o Fondo Galego enviou unha representante ao país coa finalidade de identificar áreas de intervención e establecer prioridades. Grazas ao seu traballo, están en fase de estudo varios proxectos de reconstrución de centros educativos, así como outros programas de ámbito educativo.

Terremoto en Perú: Queres axudar?

Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
Número de conta: 2091.0209.10.3040019000


Información: Secretaría Técnica do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade info@igadi.org - www.fondogalego.org - Tel/fax: 986 357 238



Convenio de colaboración entre o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e o Concello de Vigo

Baiona, 6 de novembro de 2007.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e a Concellería de Benestar Social do Concello de Vigo convocan a todos os medios á sinatura do convenio de colaboración entre as dúas partes e á conferencia de prensa conxunta que se desenvolverá a continuación. O acto terá lugar o vindeiro xoves, día 8 de novembro, ás 11:30 horas, nas dependencias municipais.

Por parte do Concello de Vigo asistirán o tenente de alcalde, Santiago Domínguez, e María Méndez, concelleira de Benestar Social, mentres que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade estará representado polo seu presidente, Alfredo Nóvoa.

A través de este acordo, o Concello de Vigo aportará ao Fondo Galego un total de 64.000 euros, que serán investidos en diversos proxectos de cooperación para o desenvolvemento.




 Outubro 2007 


Benvida aos Concellos de Abegondo e Burela

Baiona, 10 de outubro de 2007.

Dous novos membros veñen de ratificar a súa adhesión ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Son o Concello de Burela, a quen xa demos a benvida desde esta páxina, e o Concello de Abegondo, a quen felicitamos agora e que no pleno celebrado o pasado 27 de setembro acordou a súa incorporación ao Fondo Galego de Cooperación de Solidariedade.

Con estes dous novos membros, o Fondo Galego acolle a 95 Concellos e 3 Deputacións provinciais cun compromiso solidario común, e representa a 70% da poboación total de Galicia.



O Fondo Galego renova a súa Comisión Executiva

Baiona, 02 de outubro de 2007.

A Asemblea Xeral de Socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, reunida o pasado venres 28 de setembro en Santiago de Compostela, acordou a renovación da súa Comisión Executiva para o período 2007-2011, froito dos resultados saídos das eleccións municipais do pasado mes de maio.

A nova Comisión Executiva estará presidida por Alfredo Novoa (Concello de Oleiros), a quen acompañarán Beatriz Sestayo (Concello de Ferrol) na Vicepresidencia e Ángeles Silva (Concello de Baiona) na Tesourería. Pilar Gallego (Concello de Allariz), Carmen Basadre (Concello de Lugo), Enrique Nóvoa (Deputación de Ourense), María Méndez (Concello de Vigo) e Isabel Rodríguez (Concello de Viveiro) actuarán como vocais nesta nova Executiva. Pola súa banda, o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) continuará a desempeñar as funcións de Secretaría do Fondo Galego.



Benvida ao Concello de Burela

Baiona, 02 de outubro de 2007.

Desde o Fondo Galego queremos dar a benvida ao Concello de Burela que en acordo plenario do 30 de agosto decidiu a súa adhesión ao Fondo Galego de Cooperación de Solidariedade.

Coa arribada de Burela son xa 94 os Concellos e 3 as Deputacións provinciais que asumen o noso compromiso solidario, o que representa a máis de 68% da poboación total de Galicia.



Cabo Verde será o país no que se concentre o maior número de actuacións
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade apoia 18 proxectos de axuda ao desenvolvemento

Baiona, 01 de outubro de 2007.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade anuncia a resolución da súa convocatoria anual de proxectos de cooperación internacional, á que este ano foron presentadas 82 propostas procedentes de África, Asia, América Central e do Caribe.

Os socios do Fondo Galego, reunidos o pasado venres en Asemblea Xeral, aprobaron por unanimidade a proposta da Comisión Avaliadora de Proxectos, e estimaron oportuna a participación do municipalismo galego en 18 dos propostas presentadas, e que suman un investimento total de 545.688,23 euros.

A través desta convocatoria de axudas para o ano 2007, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade vai estar presente en sete proxectos de cooperación para o desenvolvemento no arquipélago de Cabo Verde, en tres no Perú e noutros tres en Nicaragua. O listado de actuacións para este ano complétase con dous proxectos que terán como escenario os Territorios Palestinos, ademais dun proxecto en Brasil, outro en O Salvador e outro na India.



  Presentación exposición Fondo Galego, Dez Anos con Proxectos; clic para aumentar
Presentación exposición Fondo Galego, Dez Anos con Proxectos; clic para aumentar
Fabiola Sotelo, directora xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia, e Alfredo Novoa, presidente do Fondo Galego, no acto de presentación da exposición Fondo Galego, Dez Anos con Proxectos. (Fotos: ©fondogalego.org 28/09/2007).
Presentación da exposición Fondo Galego, Dez Anos con Proxectos

Baiona, 01 de outubro de 2007.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade ven de presentar a exposición Fondo Galego, Dez Anos con Proxectos, coa que se quere marcar o décimo aniversario do nacemento da entidade asociativa do municipalismo galego.

A directora xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia, Fabiola Sotelo Sotelo, foi a encargada de presentar a exposición, que recolle as áreas de traballo e proxectos máis destacados nos que ven traballando o Fondo Galego desde o seu nacemento.

A presentación ao público desta exposición coincidiu coa celebración da Asemblea Xeral de Socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, na que, ademais de renovar os cargos da súa Comisión Executiva, foi aprobada a resolución da súa convocatoria anual de axudas.




 Setembro 2007 


Exposición: Fondo Galego, Dez Anos con Proxectos

Se soño só, trátase só dun soño, pero se soñamos xuntos, é o comezo dunha nova realidade… (Fredrik S. Heffermehl).

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade comezou fai xa dez anos a fiar soños de solidariedade e xustiza, enredando ao mundo local galego nos procesos de desenvolvemento doutras realidades máis empobrecidas.

A cooperación entre os nosos Concellos e Deputacións con outras entidades locais do Sur e ONGDs, harmonizada a través do Fondo Galego, puxo en marcha a maquinaria da solidariedade, apoiando proxectos destinados a mellorar as condicións de vida das sociedades máis desfavorecidas.

Unha década despois, queremos amosar algúns treitos do camiño percorrido, para acortar a distancia entre os esforzos despregados e os seus resultados. Os procesos de desenvolvemento son lentos e laboriosos, e os proxectos de cooperación non son máis que unha pinga cavando na rocha do empobrecemento; pero, co tempo, é posible entrever os ocos de transformación e esperanza resultantes, e asentar neles as ilusións futuras.

A exposición Fondo Galego, Dez Anos con Proxectos

Quere ofrecer unha imaxe de conxunto do traballo impulsado nestes anos, en cooperación constante con parceiros e municipalidades do Sur, con ONGDs de aquí, coa Administración autonómica, etc. E homenaxear tamén a todas aquelas persoas envoltas neste soño colectivo que é o do desenvolvemento humano.

Está composta por doce paneis que mesturan imaxe e texto e que, van desglosando os diferentes eidos de cooperación nos que se ve involucrando o Fondo Galego: auga e saneamento, infraestruturas, saúde, alimentación, equidade de xénero, etc.

Ten un carácter didáctico, amosando os principais problemas vinculados aos distintos sectores da cooperación, e, ao mesmo tempo, ofrece exemplos de como afrontalos dende o local e o concreto.

Deste xeito, anima á acción e a que o mundo local galego dé o salto de espectador a protagonista na escea internacional, e o faga da man da solidariedade para participar na construción de alternativas á barbarie global.

Os destinatarios da Exposición son todos aqueles Concellos, Deputacións e demais entes locais, que desexen dar a coñecer á súa cidadanía os proxectos de cooperación e solidariedade nos que están envoltos a través do Fondo Galego. Acompáñase de material dirixido a dinamizar a exposición (textos, propostas de actividades…), pensado especialmente para involucrar aos Institutos de Ensinanza Secundaria nas temáticas de cooperación ao desenvolvemento.



A Asemblea da Renovación

Os socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade están convocados para o venres 28 de setembro ás 11:30 horas na sede da FEGAMP en Santiago (Rúa Varsovia, 4C-6º andar, Área Central) para a celebración da Asemblea Xeral de Socios.

A presenza de todos os membros en esta xuntanza é fundamental, xa que se trata da primeira asemblea despois das eleccións municipais do mes de maio, o que marca unha nova lexislatura e, polo tanto, unha nova etapa para o Fondo Galego.

A renovación dos cargos políticos nos concellos e deputacións, a elección dunha nova Comisión Executiva, o debate sobre as liñas estratéxicas que deben de guiar esta nova etapa ou a aprobación dos proxectos de cooperación a financiar este ano fan desta cita a máis importante da lexislatura, polo que a presenza dos socios é imprescindible.

Por outra banda, o encontro será aproveitado para inaugurar a exposición Fondo Galego, Dez Anos con Proxectos, que terá lugar ao remate da xuntanza nas mesmas dependencias de Área Central, e que contará coa degustación de produtos de comercio xusto.



  Fotos de Mar Barreiro en Ica, Perú; clic para aumentar
Fotos de Mar Barreiro en Ica, Perú; clic para aumentar
Fotos de Mar Barreiro en Ica, Perú; clic para aumentar
Fotos de Mar Barreiro en Ica, Perú; clic para aumentar
Fotos de Mar Barreiro en Ica, Perú; clic para aumentar
Fotos de Mar Barreiro en Ica, Perú; clic para aumentar
Fotos de Mar Barreiro en Ica, Perú; clic para aumentar
Fotos de Mar Barreiro en Ica, Perú; clic para aumentar
Fotos de Mar Barreiro en Ica, Perú; clic para aumentar
Imaxes dos efectos do terremoto do 15 de agosto en Ica (Perú). (©Mar Barreiro/fondogalego.org).
O Fondo Galego, presente no Perú

Mar Barreiro, participante do programa Vacacións con Traballo do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade desprazada a Perú, está a percorrer as zonas máis afectadas polo terremoto do pasado 15 de agosto. O Fondo Galego quere que a súa viaxe sirva para recoller información sobre proxectos de reconstrución nos que o Fondo Galego poida colaborar. Despois dunha semana no país, recollemos algunhas das súas impresións.

O primeiro contacto de Mar co caos foi en Ica, cidade á que chegou o pasado 8 de setembro. Á parte dos danos evidentes sufridos nas infraestruturas, con numerosas rúas cortadas polos derrubamentos, a cidade está chea de desprazados e desprazadas que arribaron á cidade na procura de axuda nos días posteriores ao terremoto.

A cidade continúa sumida no caos e a distribución da axuda non responde a criterios definidos pola necesidade, senón que depende en moitos casos de criterios políticos. Un exemplo é o do reparto de carpas de abrigo temporal, que se distribúen só a propietarios das terras e non aos arrendatarios, que quedan desamparados. Ademais, a distribución de axuda tense que facer con escolta do exército para evitar que se produzan saqueos.

Na área hai algúns equipos internacionais de axuda, que traballan na demolición de edificios danados e na retirada de escombros. Esta tarefa conta coa colaboración das autoridades locais a través do programa coñecido como “Construyendo Perú”, un programa que utiliza man de obra local.

Nunha xuntanza mantida en Chincha co vicepresidente da rexión de Ica, este confirma as dificultades de organización que se dan na zona, que achaca a diferentes políticas entre o seu goberno e o goberno central. En Chincha, o nivel de destrución é maior que en Ica, e aínda que o número de vítimas mortais é menor, a cantidade de familias que quedaron sen fogar supera ao de Ica.

En Cañete -rexión de Lima-, as actuacións fanse de xeito máis ordenado. Despois de facer unha avaliación dos danos e necesidades, os responsables locais decidiron dar prioridade aos traballos en escolas e centros de atención médica, debido a que o goberno central xa estableceu axudas para a reconstrución de vivendas. A este respecto, establecéronse escolas provisionais en barracóns de madeira, de xeito que os alumnos non perdan o seu curso académico.

A diferenza da rexión de Ica, as autoridades rexionais consideran aos arrendatarios como grandes afectados, polo que a súa prioridade é a cesión de terreos para a construción de vivendas e a formalización da propiedade. Ademais, as tarefas de desescombro están avanzadas e actúase con moito orde, a pesares de contaren con pouca axuda internacional.

O mércores 12 de setembro Mar foi recibida por Juan Carlos Castro, xerente do INDECI (Instituto Nacional de Defensa Civil) da rexión de Ica (Ica, Pisco, Chincha), quen se compromete a entregarlle un informe con todos os datos causados polo terremoto.

Ese mesmo día desprazouse ata Pisco. Alí a impresión de caos é aínda maior que en Ica, xa que non queda unha sola casa en pé. Os damnificados foron instalados no parque feiral, onde se levantou un inmenso poboado de lona. A única presenza de ONGs internacionais que queda en toda a cidade é a duns médicos cubanos pertencentes a Médicos sen Fronteiras.



Terremoto en Perú: Queres axudar?

O terremoto do pasado 15 de agosto no Perú causou máis de 513 vítimas mortais e a destrución dun 70% nas infraestruturas das cidades de Pisco, Ica e Chincha. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade na que están asociados 93 concellos galegos e as Deputacións de A Coruña, Ourense e Pontevedra, pon os seus recursos a disposición de corporacións locais e provinciais a fin de canalizar as súas axudas, tanto propias como as que poidan proceder de membros das corporacións municipais, dos seus traballadores e traballadoras ou dos seus veciños e veciñas, a traveso do seu Fondo de Emerxencia. O obxectivo é o de evitar a dispersión dos recursos e a mellora na súa xestión, a fin de afrontar con garantías e en estreita colaboración con axentes e institucións locais, a reconstrución da zonas afectadas.

Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
Número de conta: 2091.0209.10.3040019000


Información: Secretaría Técnica do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade info@igadi.org - www.fondogalego.org - Tel/fax: 986 357 238

 
 Subir
 
Para máis información:
 
Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
Teléfono: 00 34 986 357 238, email:
info@igadi.org.
Avenida Joselín 7, portal 3 - 4ºB. 36300-Baiona (Pontevedra). Galicia (Spain).
 
 
Subir
 
Arquivo de Novas do Fondo Galego
 
Ano 2007: 08, 07, 06, 05, 04.
 
Volver



Fondo Galego
www.fondogalego.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 23/06/2008
Fernando Pol


Subir