Esta actividade foi coordinada polo IGADI e
está a disposición dos interesados
contactando co noso Instituto ou co Fondo Galego (FEGAMP, Santiago de Compostela)
PANEL 1
Título: UN MUNDO DE CONTRASTES
Cita: "A igualdade na riqueza debe consistir en que ningún
cidadán sexa tan opulento como para poder mercar a outro nin ningún tan pobre coma para ter necesidade
de venderse".
Jean-Jacques Rousseau (1712-1778).
Entrada: O progreso logrado na reducción da pobreza no
século XX é notable e non ten precedentes, pero os adiantos foron desiguais e afectados por retrocesos,
e a pobreza segue sendo xeneralizada.
Texto: Durante o século XX a pobreza reduciuse notablemente
en moitas partes do mundo. Pero unha cuarta parte da poboación mundial continúa sumida na pobreza
severa. Nunha economía mundial de 25 billóns de dólares isto é un escándalo,
que reflicte desigualdades vergonzosas e o fracaso inexcusable da política nacional e internacional.
Fonte: Informe Sobre Desarrollo Humano 1997. Publicado polo
"Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento".
PANEL 2
Título: ¿UN PASO ADIANTE, DOUS PASOS ATRÁS?
Cita: Ninguén pode ser verdadeiramente rico se os seus
veciños son pobres.
John F. Kennedy (1917-1963).
Entrada: A discontinuidade e a desigualdade caracterizan o proceso
da reducción da pobreza humana. A disparidade resultante e o retraso remanente crean e recrean a pobreza
humana, un proceso que é continuo e que se perpetúa, e os pobres loitan constantemente por superalo.
Texto: "A fenda aberta entre ricos e pobres durante a década
dos oitenta nos países desenvolvidos seguiu agrandándose nos noventa, segundo os indicadores máis
recentes. Estados Unidos é o membro da OCDE no que a diferencia é maior -os máis ricos gañan
ata 5,9 veces máis cós máis pobres. En Finlandia, pola contra, esta ratio é de soamente
o 2,6".
Fonte: Informe Semanal de Política Exterior nº 4/1995.
PANEL 3
Título: UN CRECEMENTO SEN RUMBO
Cita: As sociedades deben ser xulgadas pola súa capacidade
para facer que a xente sexa feliz.
Alexis Tocqueville (1805-1859).
Entrada: O crecemento económico pode ser un medio poderoso
para erradicar a pobreza. Pode ampliar os ingresos dos pobres, ampliar as oportunidades e as opcións de
diversas maneiras. Pero eses éxitos contrastan coa realidade actual.
Texto: "A mellora dos indicadores macroeconómicos
non supuxo unha reducción efectiva da pobreza en Iberoamérica. Aínda que a inflacción
segue a baixar, hai 64 millóns de persoas en estado de desnutrición. O Banco Mundial considera que
a causa principal é o despilfarro dos gobernos populistas da zona e suxire a adopción de medidas
para mellorar o acceso á educación e á sanidade e reducir a concentración de riqueza".
Fonte: Informe Semanal de Política Exterior nº 35/1996.
PANEL 4
Título: UN MUNDO DE CONFLICTOS
Cita: Non hai camiños para a paz; a paz é o camiño.
Mahatma Gandhi (1869-1948).
Entrada: O século XX comezou co xenocidio dos armenios
e remata agora co dos tutsis, os chechenos, os albaneses, os timorenses, etc, en presencia dos cascos azuis da
ONU, se é o caso, e de ducias de organizacións non gobernamentais ou da prensa do mundo enteiro.
As guerras provocan morte, miseria e a maior das pobrezas.
Texto: Os conflictos acompañaron sempre ó xénero
humano. Son causados por moi variadas razóns: diferencias de opinión, falta ou escaseza de recursos
esenciais, ambición e desexos de impoñerse sobre os demais, entre outros motivos. Aínda que
os conflictos poden resolverse sen necesidade de recorrer á violencia, arredor de 40 conflictos armados
estaban en curso no mundo a comezos de 1998. Os conflictos actuais caracterízanse porque a maioría
acontecen dentro de determinados estados, febles e que teñen dificultades para se integraren no mercado
mundial.
Fonte: Los días del futuro. Mariano Aguirre. Icaria editorial.
PANEL 5
Título: A INDIGNACIÓN DA SOCIEDADE
Cita: Non son optimista, quero ser optimista.
Emile Zola (1840-1902).
Entrada: Fronte á globalización da miseria, nun
mundo secuestrado por poderes políticos e económicos severamente deshumanizados, asistimos desde
hai uns anos a unha especie de "boom" da solidariedade.
Texto: Todo empeza cando as grandes cadeas de TV descobren cómo
as imaxes da miseria e do abandono disparan os índices de audiencia. Mentres o pragmatismo e a lentitude
de moitas institucións, vocacionalmente serenas, piden calma e "estudian" as respostas, a inmensa
maioría dos cidadáns rebélanse contra esta situación e son moitos os que se mobilizan
de mil maneiras para procurar espantar unha crecida sensación de impotencia.
Fonte: elaboración propia.
PANEL 6
Título: A SOLIDARIEDADE COMO CULTURA
Cita: Deberemos arrepentirnos nesta xeración, non tanto
das malas accións da xente perversa, senón do pasmoso silencio da boa xente.
Martin Luther King (1929-1968).
Entrada: A cultura da solidariedade está en auxe. ¿Que
factores explican esta reacción? Podiamos citar, entre outros, o incremento da pobreza e a agudización
das diferencias entre pobres e ricos, o baleiro deixado pola crise das ideoloxías tradicionais, o poder
dos medios de comunicación e, incluso, o propio interese dos gobernos e institucións coma o Banco
Mundial e o Fondo Monetario Internacional.
Texto: Debemos transcender o fenómero puramente mediático
da solidariedade, ir máis alá da actitude lóxica e comprensible da expresión de indignación
fronte á miseria, a catástrofe ou o conflicto armado; debemos intentar que a solidariedade se convirta
no eixe central das preocupacións dos poderes públicos e organizacións sociais. Soamente deste
xeito se poderán superar as concepcións epidérmicas que simultanean solidariedade e indiferencia.
Cómpre vivir a solidariedade como un símbolo de denuncia e reivindicación dun mundo á
medida dos seres humanos. A igualdade de oportunidades en materia de desenvolvemento é unha prerrogativa
universal, tanto das nacións coma dos individuos que as forman.
Fonte: elaboración propia.
PANEL 7
Título: A VERTEBRACIÓN DA SOLIDARIEDADE
Cita: É intentando o imposible como se realiza o posible.
Henri Barbusse (1873-1935).
Entrada: Agora, nin as organizacións internacionais,
nin os Estados, nin as axencias gobernamentais, son os únicos axentes na loita polo desenvolvemento. Con
inusitada forza emerxen multitude de iniciativas socio-políticas e organizativas que tentan contribuír
á satisfacción desas carencias. As organizacións non gobernamentais, consumados actores da
sociedade global, gañaron a pulso unha posición central nesas novas dinámicas de solidariedade
e de humanitarismo. Pero é unha relación pluralizada na que participan tamén outros múltiples
axentes.
Texto: A Administración Local galega asume como liña
de actuación propia a participación en proxectos e programas de cooperación, desenvolvemento
e solidariedade internacional, e potencia e asume este eixe de actuación como un espacio de encontro entre
as diferentes sensibilidades políticas e partidarias representadas nas corporacións. Este ideario
implica ademais o impulso da coordinación das políticas de cooperación no seo do municipalismo
para fortalecer o poder local e democrático nos pobos en vías de desenvolvemento, para facilitar
a súa incorporación a procesos de progreso baseados en transformacións políticas, económicas
e sociais que aseguren un maior e pleno respecto ós dereitos humanos.
Fonte: Declaración Programática do Fondo Galego.
PANEL 8
Título: O FONDO GALEGO DE COOPERACIÓN E SOLIDARIEDADE
Cita: Máis vale actuar expoñéndose a ter
que arrepentirse do feito que arrepentirse de non ter feito nada. Giovanni Boccaccio (1313-1375).
Entrada: O Fondo Galego nace como unha asociación voluntaria
do municipalismo para aglutinar e coordinar as políticas de cooperación dos diferentes concellos
e deputacións. Deste xeito asegura a súa coherencia global e unha maior eficacia, e democratiza a
solidariedade ó brindar ós concellos pequenos a oportunidade de sumar o seu esforzo ós grandes;
así posibilita a participación de todos, sen importar a súa dimensión demográfica,
territorial ou orzamentaria. Porque a cooperación e a solidariedade co exterior debe exercerse primeiramente
entre nós e dende aquí.
Texto: A finalidade principal do Fondo Galego consiste en estimular
unha maior sensibilización e comprensión cidadán arredor da necesidade de exercer unha rica
e maior solidariedade do Norte co Sur, con políticas xenerosas e abertas á participación plural
dos diferentes e múltiples axentes sociais, conscientes de que non soamente se trata con estas políticas
de favorecer un desenvolvemento sostible e integral nos países destinatarios de axuda, senón igualmente
de incrementar a conciencia social e crítica dos nosos cidadáns, de potenciar a recuperación
dunha ética firmemente asentada en valores humanistas, de convivencia pacífica, tolerancia e igualdade
entre todas as persoas.
Fonte: Declaración Programática do Fondo Galego.
PANEL 9
Título: A COOPERACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO
Cita: Se das peixe a un home famento mataraslle a fame dun día.
Se lle ensinas a pescar, non pasará fame en toda a súa vida. Lao Tsé (século VI a.n.e.).
Entrada: Cando se comparten concepcións de desenvolvemento
e se traballa conxuntamente na consecución de obxectivos concretos, pódese falar de cooperación.
Se este traballo conxunto se realiza entre axentes do Norte (achegando recursos ou técnicas) e axentes do
Sur (definindo as necesidades e executando as accións ideadas) falamos de cooperación internacional.
Para que a axuda beneficie autenticamente ós desfavorecidos, tería que centrarse no ser humano e
promover a súa participación.
Texto: No mundo continúan a darse situacións de
pobreza, desamparo e desigualdade. Hai poboacions que non teñen garantidas as súas necesidades básicas
e sociedades enteiras atópanse en situación de perigo e exterminio. Hai varias modalidades de axuda:
a cooperación, a asistencia, a axuda humanitaria ou os programas de emerxencia. Segundo a súa orixe,
a axuda pode ser pública ou privada. Pode ser canalizada a través de instancias propias do goberno,
a través de organismos internacionais, organizacións non gobernamentais ou empresas privadas. Ademais,
toma múltiples formas: hai axuda non reembolsable (donacións en metálico, en especie ou de
servicios...) e axuda reembolsable (créditos concesionais...).
Fonte: Centro de Investigación para la Paz. "Más
allá del 0,7%". 1997.
PANEL 10
Título: UN MUNDO MÁIS HUMANO, XUSTO E SOLIDARIO
Cita: Se o home fracasa en conciliar a xustiza e a liberdade,
fracasa en todo. Albert Camus (1913-1960).
Entrada: Poñer fin á pobreza humana require un
espacio democrático no que a sociedade poida articular as súas demandas, actuar colectivamente e
loitar por unha distribución máis equitativa do poder.
Texto: A Administración Local galega entende a cooperación
como un método e unha estratexia para vertebrar a solidariedade cos pobos e sociedades máis desfavorecidas,
comprometendo, impulsando e propiciando a creación dun tecido solidario en cada poboación de xeito
que se abra camiño a esixencia dunha nova orde económica internacional máis xusta e a erradicación
daquelas trabas e impedimentos que dificultan a eliminación da pobreza e as desigualdades.
Fonte: Declaración Programática do Fondo Galego.
|