|
| “Somos a primeira xeración que pode erradicar
a pobreza do mundo. Non debemos perder esta oportunidade”
(Eveline Herfkens). |
| |
 |
1. Ficha técnica
A exposición consta de 9 láminas de 1,80 x 80
cm, a toda cor, en lona de tres mm de espesor. O sistema de colocación é similar ao dos calendarios.
Vai acompañada dun folleto de man onde se recollen Os
Obxectivos do Milenio 2000-2015. En cada localidade pode imprimirse información adicional para dar conta
do período e lugar da exposición.
2. Contido
En setembro
de 2000, durante a celebración do Cumio do Milenio,
os países pertencentes a Nacións Unidas adoptaron o seu compromiso para facer un mundo máis
pacífico, próspero e xusto. Este avance foi posíbel grazas á aprobación da Declaración do Milenio, un documento no que se reafirmou o carácter universal e intemporal dos
principios constitutivos das Nacións Unidas e que se espera poidan acadarse para o ano 2015.
A Declaración do Milenio cumpre coa responsabilidade
de tomar conciencia e sensibilizar aos gobernos e organismos internacionais para a consecución dunha sociedade
mundial máis xusta e equitativa. É por iso que, como seguimento da Declaración, as Nacións
Unidas estableceron oito principios fundamentais, denominados Obxectivos
do Desenvolvemento do Milenio, nos que se recollen as
súas aspiracións de respectar e defender os principios da dignidade humana, a igualdade e a equidade
no plano mundial. Estes oito obxectivos son:
1. Erradicar a pobreza extrema e a fame, que afecta hoxe a mais de 1.000 millóns
de persoas.
2. Acadar a educación primaria universal.
3. Promover a igualdade entre os xéneros e a autonomía da muller.
4. Reducir a mortalidade infantil.
5. Mellorar a saúde materna.
6. Combater o SIDA e outras enfermidades.
7. Garantir a sostenibilidade do medio.
8. Fomentar unha asociación mundial para o desenvolvemento.
Este último obxectivo compromete aos países máis
desenvolvidos na creación de estruturas económicas moito máis equitativas e xustas, concretadas
en políticas específicas como axuda ao desenvolvemento, débeda externa e comercio internacional.
No que se refire aos valores e principios da Declaración
do Milenio, os Estados asinantes sinalan como esenciais para as relacións internacionais do século
XXI, a adopción da liberdade, a igualdade, a solidariedade, a tolerancia, o respecto á natureza e
a responsabilidade común, como elementos chave para acadar o obxectivo dunha paz xusta e duradeira e conseguir
que a mundialización poida converterse nunha forza positiva para tódolos habitantes do mundo.
Do mesmo xeito, a Declaración fai referencia a algúns
dos problemas máis acuciantes da actualidade mundial, tales como a adopción do Protocolo de Kyoto
para a defensa do medio ambiente, o mantemento das operacións de paz e seguridade da ONU, a loita contra
o terrorismo, o narcotráfico e o crime organizado internacional, a reducción das sancións
económicas impostas pola ONU a fin de minimizar as súas consecuencias na poboación, a eliminación
das armas de destrución masiva, o fortalecemento dos tratados e convenios de control de armamentos e o desarme,
e a promoción da democracia e o fortalecemento do imperio da lei. Uns dos apartados da Declaración
ten que ver co apoio da democracia en África, así como tamén programas para a erradicación
da pobreza, o desenvolvemento sostíbel e frear a propagación do VIH/SIDA.
3. Suxestións de actividades complementarias
A Declaración do Milenio é unha oportunidade histórica
para que os líderes mundiais asuman o compromiso de levar adiante políticas económicas e sociais
que contribúan á redución da pobreza no mundo e polo tanto a un mellor desenvolvemento humano.
Para facelo son urxentes os cambios que deteñan o incremento das desigualdades entre países pobres
e ricos.
Que os Obxectivos do Milenio se cumpran tamén
depende de nós. Unha vez máis o Fondo
Galego non quere deixar pasar a ocasión de contribuír a sensibilizar a sociedade. A mirada crítica
da sociedade galega, e a maior receptividade aos problemas da pobreza, das desigualdades sociais e da solidariedade
en tódolos ámbitos, son necesarias para entre tod@s construír un mundo mellor, máis
xusto e solidario e, nesta ocasión, tamén para lembrar a todos os compromisos asinados na Declaración.
Esta exposición foi realizada pola Asociación
para las Nacións Unidas e o IGADI
(Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional) coa colaboración da Xunta de Galicia.
3.1. Acto de inauguración
Interesa preparar especialmente o acto de inauguración
e/ou de clausura, cursando invitacións a través do mailing que se faga habitualmente e presentando
a iniciativa ante os medios de comunicación.
En función das posibilidades, pode contemplarse a presencia
dalgunha personalidade relevante que simpatice cos obxectivos da Declaración ou que teña desenvolvido
un labor destacado nalgún dos epígrafes máis sobresaíntes.
Mediado o período da exposición pode celebrarse
algunha Mesa Redonda, convidando a persoas de diferentes sectores (Universidade, Administración, Centros
de análise internacional, etc) ou dalgunha das ONGs que constitúen a Plataforma 2015 e máis,
para reflexionar sobre a Declaración do Milenio, permitindo que unha segunda onda de información
poida chegar á cidadanía a través da repercusión pública desa iniciativa. Se
existe radio municipal é interesante entrevistar a determinadas persoas, explicar que é a Declaración,
o papel da ONU neste eido, etc.
3.2. Mesa redonda
A Declaración do Milenio ten unha axenda ambiciosa, o
cumprimento destes obxectivos e cómo facelo son obxecto de debate en amplos sectores da sociedade comprometida
co desenvolvemento sostible.
Cal é o custe de construír un mundo mellor?
Kofi Annan, ex secretario xeral das Nacións Unidas, avisaba
hai pouco tempo do temor de que as palabras da Declaración soamente serviran “como horribles recordatorios
das necesidades desatendidas e de promesas incumpridas”.
Todos estes temas que xiran ao redor da Declaración son
moi interesantes para achegalos á cidadanía, organizando mesas redondas, xornadas ou algún
seminario ou convidando a algún responsábel da ONU para que, de primeira man, explique como se vive
na ONU esta problemática, ou a algún pensador ou intelectual que veña abordando estas cuestións.
3.3. Dirixida á Comunidade educativa
Con esta exposición tamén convidamos á
Comunidade educativa, motor de futuro, a reflexionar sobre os Obxectivos do Milenio, e a buscar solucións
que nos comprometan e responsabilicen sobre a situación de desigualdade que vivimos no mundo.
A exposición Os Obxectivos do Milenio pode estar nos
Institutos dos Concellos do Fondo Galego durante quince ou vinte días.
Nesas datas podemos abrir un foro na páxina web do Fondo
para que os rapaces deixen as súas reflexións sobre o contido da exposición.
Pódese aproveitar a presencia, nalgúns Concellos,
de Institutos de Formación Profesional, de grao medio e superior, das familias, profesionais da sanidade
e animadores socioculturais, que inclúen ciclos formativos de saúde ambiental, educación infantil,
integración socio-cultural, para achegarlles a exposición.
Dentro dun ambiente festivo, pódense desenvolver todo
tipo de actividades divulgativas e de entretemento que propicien un maior coñecemento da Declaración.
3.4. Charla de ONGs
As Ongs ACSUR Las Segovias, Asemblea de Cooperación por
la Paz, Fundación CEAR, Cooperació, Economistas sen Fronteiras, IEPALA, IPADE, ISCOD, MPDL, Paz y
Tercer Mundo, Paz y solidaridad, e Solidaridad Internacional reuníronse na Plataforma 2015 y Más
para esixir o cumprimento dos obxectivos do 2015 ratificados no Cumio do Milenio de Nacións Unidas. Colaboran
con movementos de base, organizan e asisten a charlas e seminarios para difundir a necesidade do cumprimento dos
Obxectivos do Milenio.
3.5. Almanaque solidario
A celebración dos días solidarios pode ser un
pretexto excelente para solicitar a exposición arredor desas datas; ao mesmo tempo pódese facer coincidir
a mesa redonda co día solidario e centrar o tema da charla no contido do día que
celebramos.
Días solidarios relacionados cos oito Obxectivos do Milenio:
| 8 de marzo |
Día das Nacións Unidas para os Dereitos
da Muller e a Paz Internacional (3) |
| 22 de marzo |
Día Mundial do Auga (7) |
| 7 de abril |
Día Mundial da Saúde (5, 6) |
| 22 de maio |
Día Mundial da Diversidade Biolóxica
(7) |
| 4 de xuño |
Día Internacional dos Nenos Víctimas
Inocentes da Agresión (4) |
| 5 de xuño |
Día Mundial do Medio Ambiente (7) |
| 17 de xuño |
Día Mundial da Loita contra a Desertización
e a Seca (7) |
| 8 de setembro |
Día Internacional da Alfabetización
(2) |
| 16 de setembro |
Día da Preservación da Capa de Ozono
(7) |
| 4 de outubro |
Día Mundial do Hábitat (7) |
| 16 de outubro |
Día Mundial da Alimentación (1) |
| 17 de outubro |
Día Internacional para a Erradicación
da Pobreza (1) |
| 24 de outubro |
Día Mundial da Información sobre
o Desenvolvemento (1, 8) |
| 20 de novembro |
Día Universal do Neno (1, 4) |
| 1 de decembro |
Día Mundial da Loita contra a SIDA (6) |
| 10 de decembro |
Día Internacional dos Dereitos Humanos (1,
8) |
Para saber máis sobre a Declaración do Milenio
poden consultarse a seguintes páxinas web: www.igadi.org,
www.anue.org, www.undp.org.
4. Gastos de xestión do Concello
Como nas anteriores exposicións, os gastos do traslado
da exposición (recepción e devolución) teñen que ser asumidos polo Concello ou entidade
solicitante. En caso de organizar algunha mesa redonda os gastos dos profesionais que se acheguen tamén
corren a cargo do Concello. Na maioría dos casos a xente convidada soamente cobra os desprazamentos. Tamén
é por conta da entidade a publicidade da actividade, a excepción dos folletos informativos.
|