|
Que é? / Datos básicos
Declaración política “as cidades
e o Fondo Galego”
Reunidos en Santiago de Compostela os
responsables de accións de cooperación ó desenvolvemento das sete grandes cidades de Galicia
que mais abaixo se relacionan, e os integrantes da Comisión Executiva do Fondo Galego de Cooperación
e Solidariedade.
Previa constatación do importante incremento
da representatividade do Fondo Galego que agrupa a preto de sesenta entidades de toda Galicia e abarca a máis
do oitenta por cento da poboación.
Preocupados pola necesidade de obter o máximo
rendemento dos recursos que o conxunto das Corporacións locais e provinciais galegas destinan á cooperación
ó desenvolvemento e decididos a impulsar aquelas prácticas que posibiliten unha maior coordinación
das nosas políticas neste eido.
Compartindo coas ONGs e o conxunto da sociedade
galega esa aspiración común á mellora da cualidade da cooperación e convencidos de
que a cooperación co exterior debe comezar aquí, entre nós mesmos.
Firmemente decididos a reforzar o Fondo Galego
como mecanismo homoxeneizador que importa consolidar como referencia do compromiso municipalista co mundo da cooperación
internacional, sen por iso renunciar ó exercicio das competencias propias de cada entidade coa intensidade
que cada quen libremente decida, en especial no ámbito da sensibilización.
ACORDAN
1. Contribuír en maior medida ó
financiamento de proxectos concretos de cooperación ó desenvolvemento avalados polo Fondo Galego
mediante a progresiva transferencia ao mesmo da partida presupostaria que cada un dos nosos Concellos destina a
este concepto, contemplando no seu caso un período de transición que permita a subsistencia e o acoplamento
daqueles compromisos e convenios subscritos con terceiros no marco de actuacións locais.
2. Pronunciarse pola progresiva consolidación
dunha convocatoria municipalista única de axudas a ONGs para o financiamento de proxectos de cooperación,
que se xestionaría a través do Fondo Galego.
3. Contribuír ao reforzamento da capacidade
de análise e avaliación do Fondo Galego mediante a integración dun representante de cada unha
das cidades asinantes na Ponencia Técnica do Fondo Galego encargada de emitir os informes sobre a idoneidade
dos proxectos.
4. Facer un chamamento aos demáis Concellos
e Deputacións de Galicia para sumarse ao presente acordo e seguir avanzando na definición dun modelo
de cooperación coherente coa identidade e características da acción propiamente municipalista.
En proba de conformidade, asinamos a presente,
a 5 de marzo de 2001.
Asinan: A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra,
Vigo, Ferrol, Santiago de Compostela e Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
|