|
Cooperación ao Desenvolvemento
e Antropoloxía
Baiona, 10 de abril de 2008.
A Facultade de Humanidades de Ferrol celebra estes días
un congreso no que se profundiza na Antropoloxía no marco da Cooperación ao Desenvolvemento. A Asociación
Luso-Galega de Antropoloxía Aplicada organiza o evento que comezou o pasado martes día 8 e se prolongará
ata o día 11 de abril.
O presidente do Fondo Galego, Alfredo Novoa Gil, participou
no congreso o pasado día 9 aportando unha visión global sobre a cooperación descentralizada,
centrándose na situación, problemática e retos actuais das ONGs. Ademais das diversas ponencias
e debates, o programa do evento se completa coa difusión dunha serie de documentais nos que se achega á
realidade das sociedades tribais.
O presidente do Fondo participará nun seminario sobre a importancia da
conservación da biodiversidade na Cooperación
Baiona, 1 de abril de 2008.
O seminario Retos
e Desafíos da Cooperación Internacional na Conservación da Biodiversidade tratará de promover a integración da conservación
da naturaza nos programas e proxectos que se levan a cabo no marco da cooperación internacional para o desenvolvemento.
O presidente do Fondo Galego, Alfredo Novoa
Gil, participará nunha mesa redonda onde se falará
da cooperación galega no ámbito da conservación.
O seminario celebrarase no Castelo de Santa Cruz en Oleiros
o próximo día 10 de abril. O encontro comezará ás 9:30 horas e na súa inauguración
contará coa participación do director xeral de Desenolvemento Sostible, Emilio M. Fernández Suárez.
A xornada prolongarase ata as 18:30 horas e contará coa asistencia de diferentes expertos. O acto servirá
como unha plataforma de diálogo e intercambio de coñecementos e experiencias no ámbito da
cooperación para a conservación da naturaza.
 Descarga
o programa do seminario para a conservación da biodiversidade.
A planificación anual centrou o encontro da Comisión Executiva
Baiona, 1 de abril de 2008.
O pasado día 28 de marzo, os membros da Comisión
Executiva do Fondo Galego reuníronse en Santiago de Compostela para dar conta da situación actual
e proceder á planificación das accións que se levarán a cabo ao longo de este ano.
Así mesmo, os representantes do órgano decisor da entidade municipalista realizaron un seguimento
das accións en proxectos de cooperación internacional e sensibilización postos en marcha polo
Fondo Galego.
O teatro como ferramenta de sensibilización
Baiona, 1 de abril de 2008.
O Fondo Galego promoverá actividades de sensibilización
coa colaboración da Escola Superior
de Arte Dramático (ESAD) de Vigo. O teatro convertirase
nunha eficaz ferramenta para chamar a atención da cidadanía na necesidade de colaborar en proxectos
de cooperación que repercutan nunha sociedade global máis igualitaria.
Membros da Secretaría Técnica do Fondo manterán
unha reunión, o día 2 de abril, co director da ESAD, Manuel
Vieites. O encontro terá como obxectivo o deseño
dunha acción do Plan de Sensibilización do Fondo a través do arte dramático.
|