|
O Fondo Galego colabora na
reconstrución do Perú
Baiona, 20 de agosto do 2007.
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade continúa
a traballar na coordenación da axuda aos afectados polo terremoto do pasado 15 de agosto no Perú.
Unha vez que remate a fase de axuda urxente, chega o momento da reconstrución, na que o Fondo Galego concentra
a maioría dos seus esforzos.
Para identificar as áreas e proxectos de reconstrución
máis urxentes, o Fondo Galego vai estar en contacto permanente con Mar Barreiro, participante no programa
Vacacións
con Traballo e traballadora social do Concello de
Oleiros, quen sae cara o Perú o vindeiro 5 de setembro. O obxectivo inicial da súa viaxe, que era
a de colaborar nun proxecto da ONG Tierra de Niñ@s nas comunidades de Villa El Salvador e Huancavelica,
vese agora ampliado para traballar na identificación de áreas e proxectos de reconstrucción
nos que o Fondo Galego poida actuar, e para o que se desprazará ata a cidade de Ica, unha das máis
afectadas polo sismo.
Desde 1998, o Fondo Galego ten executado 15 proxectos de axuda
no Perú, en sectores como a construción de infraestruturas (7 proxectos), saúde (3 proxectos),
a capacitación laboral (3 proxectos), ou a promoción de xénero e o transporte (1 proxecto
de cada). Na convocatoria de axudas de este ano, 18 dos 82 proxectos presentados tiñan como destino accións
no Perú.
O Fondo promove accións de desenvolvemento ben sexa a
través de ONGs galegas, como é o caso de Inti, Amigos Escaes-Perú, Paz e Solidariedade, Solidariedade
Galega, Bicis pola Paz, Asociación Labañou Solidaria ou Entrepobos, ou ben en colaboración
con parceiros locais, como é o caso de Tierra de Niñ@s, o Departamento de Pediatría do Hospital
2 de Maio ou o CEPRODE.
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, como entidade
asociativa do municipalismo galego, anima a que corporacións locais e provinciais canalicen as súas
axudas, tanto propias como as que poidan proceder de membros das corporacións municipais, dos seus funcionarios
e funcionarias e dos seus traballadores e traballadoras a traveso da súa estrutura, co obxectivo de evitar
a improvisación, a dispersión dos recursos e a mellora na súa xestión.
O Fondo Galego participa
en Cuba na iniciativa ART do Programa de Nacións Unidas para o Desenvolvemento
Baiona, 17 de agosto do 2007.
A responsable de proxectos do Fondo Galego de Cooperación
e Solidariedade, Iria Alonso Casares, viaxará a Cuba entre os vindeiros 20 de agosto e 3 de setembro para
participar nunha misión técnica do Programa de Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD).
A viaxe inscríbese no marco da iniciativa de Nacións
Unidas coñecida como ART Gold, e que se encarga de artellar de redes locais de axuda ao desenvolvemento,
en particular na coñecida como dimensión WOMEN. A dimensión WOMEN ten como obxectivo o de
estudar o papel das mulleres e as relacións de xénero no marco dos programas de desenvolvemento.
No transcurso da visita, que se vai desenvolver nas cidades
da La Habana, Santiago de Cuba e Pinar del Río, a representante do Fondo Galego vaise reunir cos representantes
do PNUD en Cuba, con especialistas do Centro de Estudios de la Mujer pertencente á Federación de
Mujeres Cubanas e con diversos axentes sociais.
Asimesmo, a viaxe vai ser aproveitada para manter un encontro
con Omar Rodríguez, da Oficina do Conservador da cidade de Santiago de Cuba, con quen tratará sobre
as negociacións mantidas coa Dirección Xeral de Cooperación Exterior para a redacción
dun convenio que permita a rehabilitación de vivendas no centro histórico da cidade.
Este tipo de actuación estaría na mesma liña
que a iniciada no 2001 pola Xunta de Galicia en colaboración co Fondo Galego para a redacción do
Plan Maestro da cidade de Santiago de Cuba.
|