|
ART GOLD Sri Lanka
O Tsunami que asolou o Sudeste Asiático en decembro do 2004 tivo un forte
impacto na Illa de Ceilán, República Socialista Democrática de Sri Lanka, onde se contabilizaron
30.000 vítimas mortais, 500.000 persoas desprazadas dos seus fogares, ademais de importantes perdas económicas
en infraestruturas e cultivos. O desastre foi seguido dunha avalancha de axuda internacional caracterizada polos
problemas de falta de coordinación e superposición de accións entre as diferentes entidades
cooperantes.
Unha consecuencia colateral do Tsunami foi a centralización
da xestión do proceso de reconstrución, o que freou o proceso de descentralización política
iniciada anos antes, deixando as administracións provinciais e municipais nunha situación limitada
en materia de competencias e recursos.
Neste marco, o Programa
ART GOLD Sri Lanka do Programa das Nacións Unidas
para o Desenvolvemento (PNUD) establece unha estratexia que aborda simultaneamente un traballo a nivel local para
activar o rol e as funcións técnicas e administrativas das Provincias e Municipios do país,
e un traballo a nivel nacional apoiando o proceso de descentralización e as estratexias de gobernanza. Ao
mesmo tempo, pon en marcha a elaboración de proxectos de impacto, dirixidos a reverter na mellora das comunidades
afectada polo Tsunami. Desta forma, trabállanse paralelamente a esfera nacional, a provincial e a local,
sempre coa mesma orientación de apoio ao proceso de descentralización e o afortalamento institucional.
Coa vontade de evitar a dispersión e descoordinación
das axudas, o Fondo Galego de Cooperación
e Solidariedade decidiu sumar as achegas recollidas
na campaña de Axuda de Emerxencia pos Tsunami ao programa marco ART GOLD Sri Lanka. O fixo conxuntamente
con outros Fondos do Estado (Fons Catalá, Fondo Andaluz e Fondo Extremeño), así como coa cooperación
descentralizada do Norte de Italia.
A área xeográfica de intervención escollida
para a posta en marcha do programa foi a Provincia
Sur do país, que inclúe os distritos de
Galle, Matara e Hambantota. Os criterios seguidos para esta elección foron o volume de danos e perdas causados
polo Tsunami, os indicadores de pobreza e desenvolvemento humano, o nivel de desenvolvemento institucional, a reducida
presenza de tensións étnicas e a proximidade xeográfica á capital.
A achega conxunta da cooperación descentralizada española
e italiana serviu para implementar a 1ª
fase de Asistencia Preparatoria do programa, que consistiu
na posta en marcha dos mecanismos organizativos do programa, creación e concertación coas autoridades
do país dos Grupos de Traballo Provinciais e Grupos de Traballo Municipais, identificación e implicación
dos interlocutores (autoridades locais, actores locais, tanto asociativos como privados e actores da cooperación
internacional que traballan na zona).
Dentro desta primeira fase preparatoria, identificáronse
e executáronse un proxecto de impacto que consistiu na construción dunha Rede de Nove Centros de Desenvolvemento Comunitario.
[Máis
información en pdf  ].
|