|
Declaración
do Fondo Galego
Eleccións Locais e Cooperación Internacional
ao Desenvolvemento
Ante a convocatoria das eleccións locais a celebrar o
27 de maio próximo, a Comisión Executiva do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade
recoñecida pola FEGAMP como axencia municipalista para a cooperación internacional ao desenvolvemento,
considera de interese formular as seguintes consideracións:
1. Nesta última lexislatura constatouse un avance importante
do tecido solidario do municipalismo en Galicia. Así, o número de entidades asociadas no Fondo Galego
medrou de forma exponencial ata sumar case un cento de concellos e deputacións, que representan arredor
do setenta por cento da poboación da nosa Comunidade Autónoma.
2. Nesta última lexislatura constatouse un singular aumento
da sensibilidade das corporacións locais e provinciais respecto á necesidade de contribuír
con fondos propios á loita contra a pobreza e a prol da gobernación democrática nos países
do Sur. A tal efecto, contribuíron de forma notable á difusión das iniciativas de sensibilización
promovidas polo Fondo Galego que gozaron de ampla receptividade en moitas institucións locais e provinciais.
3. Nesta última lexislatura reforzouse a coincidencia
de criterios entre as diferentes Administracións galegas a propósito da necesidade de configurar
a cooperación como un eixe esencial da actuación pública, fortalecendo a transferencia de
recursos, experiencias e capacidades do poder local galego para mellorar as condicións de vida en comunidades
de áreas xeográficas concretas.
4. Nesta última lexislatura asentouse e avanzou a colaboración
cos actores da cooperación e moi especialmente coas ONGDs actuantes en Galicia, firmes aliados neste proceso
de afirmación do compromiso coa construción dun mundo máis humano e sostible.
5. Todas esas circunstancias sinalan un momento especialmente
idóneo para que se produza un salto cualitativo no eido local, de xeito que esta Administración poida
acompañar o esforzo que o conxunto da sociedade está a desenvolver, evitando quedarse atrás
na plasmación dunha solidariedade efectiva e transformadora.
6. Como en anos anteriores, o Fondo Galego levou aos partidos
políticos a mensaxe sobre a necesidade de contemplar este compromiso nos programas electorais cos que concorren
aos comicios do 27 de maio. Sabido é que no Fondo Galego, configurado dende o seu inicio como un espazo
de encontro, conviven todas as sensibilidades políticas presentes no municipalismo.
7. A solidariedade e a cooperación internacional ao desenvolvemento
non pode estar por máis tempo ausente da axenda local coa dimensión requirida. É hora de apostar
polo incremento dos recursos destinados á cooperación internacional e de preocuparse por levar adiante
unha cooperación de calidade que contribúa de forma efectiva a mellorar as condicións de vida
dos seus beneficiarios directos, pero que tamén facilite a complicidade e comprensión social entre
nós mesmos. Como acontece no eido ambiental, as fronteiras da pobreza non existen e todos debemos comprometernos
para contribuír á súa erradicación. Un mundo desigual é un mundo inestable do
que ninguén pode evadirse.
8. O Fondo Galego, avaliando positivamente a lexislatura que
agora remata e felicitando a todos aqueles que contribuíron á dinamización da cooperación
na nosa Comunidade, URXE un pacto global para que a lexislatura 2007-2011 concrete en Galicia o tempo dunha cooperación
alargada, dentro e fóra, que dignifique a nosa presenza neste eido.
Santiago de Compostela, 27 de abril de 2007.
Rede Municipalista Solidaria
Nos meses de abril e maio, terán lugar as primeiras xuntanzas
do ano da Rede Municipalista Solidaria, que estarán acompañadas por obradoiros e testemuños
solidarios. O eixe central dos encontros entre técnicas e técnicos dos Concellos socios, serán
o plan de sensibilización deste ano e as actividades que xirarán entorno ao X Aniversario. Coma sempre,
a participación activa de todas e todos é fundamental para dinamizar e dar continuidade ao noso traballo
en rede. Para facelo, aquí tedes o noso itinerario solidario:
| 1ª Convocatoria |
| Data |
Área |
Concello |
Lugar |
Enderezo |
Hora |
| 26/04 |
1 |
Tomiño |
Casa da Cultura |
Avenida 18 de Julio |
12:30 |
| 27/04 |
2-3 |
Cuntis |
Casa da Cultura |
Roberto Blanco Torres |
11:00 |
| 03/05 |
4 |
Culleredo |
Centro Municipal Servizos Sociais |
Costa da Lonxa, 7 |
11:00 |
| 04/05 |
5 |
Mugardos |
Salón de Plenos |
Avenida Galicia |
11:00 |
| 10/05 |
6 |
Ourense |
Edificio de Servicios Sociais |
Obispo Carrascosa, 4 |
12:30 |
| 11/05 |
7 |
Mondoñedo |
Por confirmar |
|
|
Dez anos do Fondo Galego
O Fondo Galego conmemora en 2007 o seu décimo
aniversario. Será unha oportunidade para reflexionar sobre o camiño percorrido, pero tamén
para definir as estratexias para o novo período, renovadas en moitas aspectos, tanto no eido directivo –por
coincidir coa celebración de novas eleccións locais- como no plano da acción discursiva, que
permita acompañar o salto cuantitativo que a cooperación galega está a protagonizar nos últimos
tempos.
O Fondo Galego, integrado por un elenco plural
de municipios que representan o 70 por cento da poboación galega, asentado como Axencia Municipal para a
Cooperación Internacional ao Desenvolvemento, segue comprometido e coa mesma ilusión de hai dez anos
para construír un mundo máis digno e humano, predicando e aplicando a cooperación no Norte
e no Sur, ensinando e aprendendo, de forma que a transformación material da realidade nos países
onde se executan os proxectos que financia non deixe de lado a imprescindible elevación da sensibilidade
e conciencia crítica da nosa propia sociedade.
Vacacións con Traballo
2007
No mes de abril, abrimos a convocatoria de tres
prazas dirixidas ao persoal técnico das entidades socias, para que viaxen ao Sur durante un mes e se incorporen
aos proxectos de cooperación que alí desenvolven os nosos parceiros. Recollendo a positiva experiencia
do pasado ano, no 2007 queremos seguir tendendo pontes entre o noso mundo local e a realidade doutras comunidades
menos favorecidas, dándolle continuidade a unha cooperación de carácter horizontal, de intercambio
e aprendizaxe mutua. O prazo para apuntarse remata o 15 de maio. Animade e animádevos a esta viaxe solidaria.
[Máis
información en pdf  ].
|